A CGENDL (Coordinadora Galega de Equipos de Normalización de Dinamización Lingüística) tráenos un novo e gorentoso proxecto da man do ENDL do IES Audiovisual de Vigo. Aqueles centros escolares que queiran poden participar na semana das curtas, que se celebrará entre o 28 de febreiro e o 4 de marzo.
A actividade consiste na proxección en cada centro educativo participante dun ciclo de curtametraxes galegas en lingua galega que se presentarán como un festival dunha semana estruturado en sesións temáticas de aproximadamente 1 hora de duración cada unha. Cada sesión temática consta de 3 curtas, 1 videoclip dun grupo musical que cante en galego e unha breve peza documental de eufalo.tv, un proxecto colaborativo sobre a lingua e os falantes.
Ao mesmo tempo, habilitouse un espazo web e un blogue para que o potencial público das curtas poida opinar sobre as distintas pezas. Deste xeito, mozos e mozas poderán establecer contacto entre eles e elas, opinar sobre as filmacións que máis lles gustaron, contrastar opinións con outras persoas e votar pola curta
e sesión que máis lle gustou a cadaquén (procurarase realizar unha votación virtual para establecer
honorificamente o “premio do público”).
A inscrición pode facerse enviando media ducia de datos por correo electrónico. Información aquí.
Ningún comentario:
Publicar un comentario