Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 28 de febreiro de 2011

Eco!

por Carlos Callón, no seu artigo dos luns no Galicia Hoxe:

Son moitas as formas polas que se nos transmite certa censura social por falarmos en galego en ámbitos ou espazos en que se agarda que este idioma se deba ocultar. É unha censura que moi raramente chega a través de exabruptos. O máis común é que sexa tan sibilina como eficaz.
Unha das fórmulas máis habituais para dar a entender que non debes continuar a falar en galego é a tradución automática das túas palabras, como un pseudoeco. Algúns exemplos que vos soarán:
- Chegas a unha gasolineira e solicitas: "Cheo, por favor". Resposta en forma de eco: "¿Lleno?"
- Estás nunha cafetaría e pides: "Un café con leite, por favor". Resposta en forma de eco: "¿Con leche?"
- Realizas unha xestión telefónica e, desde o outro lado da liña, pídenche que proporciones algunha cifra, por exemplo o teu número de conta. O diálogo pode ser máis ou menos así:
- O meu número de conta é: oito
- Ocho...
- Sete.
- Siete...
- Un.
- Uno...
Moitos falantes de galego con pouca lealdade lingüística acaban abandonando o seu idioma cando isto se produce. O falante entra no armario, ocúltase, repite en castelán o que lle acaban de corrixir, pode pensar mesmo que non o comprenden e continúa a conversa nesoutra lingua:
- Cheo, por favor.
- ¿Lleno?
- Sí, lleno. Muchas gracias.
Hai varias cousas que temos que ter claras destas situacións. A primeira, que a xente que se dedica a corrixir en alto traducindo ao castelán o que acabamos de dicir en galego o máis xeral é que o faga por inercia. Non é que pensen: "Vou incomodar esta persoa para que me deixe de falar en galego." Non o racionalizan así, aínda que é xusto o que fan.
É evidente, ademais, que o motivo destas repeticións non é que non comprendan o que significan palabras como "leite", "sete" ou "cheo". A pregunta non se formula por un problema de entendemento, senón polo hábito aprendido de que, coa xente descoñecida, se debe utilizar o castelán, disque "por cortesía" ou "por educación". Posto que é un hábito moi enraizado, pode ser difícil de trocar. Mais non deixa de ser un hábito, polo cal, cun pouco de esforzo, poderase superar con outros hábitos: o de falar en galego con normalidade a todas as persoas ou, cando menos, respectar aquelas que o falan, sen traducilas de forma insistente e continuada.
Por iso, ademais do obxectivo fundamental de nos mantermos no uso da lingua, un bo consello é facer visíbel o incómodo dese eco, a través dun certo sentido do humor. Deste xeito tamén proporcionamos unha chiscadela para a reflexión e para irmos mudando as cousas, aínda que sexa pouquiño a pouco. Mais tamén estes xestos son importantes, pois os pequenos cambios son os que van orixinando as grandes transformacións.
Velaquí algunhas posibilidades:
- Un café con leite, por favor.
- ¿Con leche?
- Pois se non ten leite, tamén valerá...
- Cheo, por favor.
- ¿Lleno?
- Full, please.
- ¿Perdone?
- Si, cheo, por favor - dito cun sorriso amplo, nada agresivo nin burlón.
No caso dos números, verás que, se a lista é medianamente longa e ti continúas recitándoos en galego, a persoa que está do outro lado da liña telefónica acabará por deixar de traducir.
Se simplemente non tes o día con humor, o mellor é que tamén nos casos anteriores te reafirmes no galego repetindo exactamente as mesmas palabras que xa dixeras.
- ¿Con leche?
- Si, con leite.
Solicitemos sempre o galego!
Hai un conto moi engrazado que nos pode ser de utilidade para o noso día a día como falantes conscientes e leais do galego:
Un home circula de noite por unha estrada da Terra Chá. Cando toma unha curva rebéntalle unha roda e case se mata. Baixa enfadado do auto, bótalle un ollo á roda e vaise coller o gato para a cambiar, mais cando abre o maleteiro encóntrase con que o gato non está. Esqueceuno no garaxe!
Mira o reloxo de pulso. Son as tres da madrugada! Está desesperado!
Comeza a espreitar no escuro horizonte, mais por ningures divisa uns faros que se acheguen. Xa se sabe: "Non canta na Chá ninguén". Parece que a esa hora non hai máis circulación.
Porén, ao lonxe ve a pequecha luz dunha casiña. É a súa esperanza, así que toma camiño cara a aló coa idea de lles pedir emprestado aos habitantes un gato para cambiar a roda.
Na metade do camiño, comeza a pensar: "Ao mellor non teñen carro e estou a camiñar inutilmente... E se teñen carro, ao mellor non me queren emprestar o gato... Ademais, coa hora que é seguro que aínda me botan unha bronca por acordalos... Como se fose polo meu gosto!"
Segundo se achega, ve a silueta dun auto bastante vello, mais que ten trazas de que aínda lle dan uso. "Ben, se teñen carro, teñen gato, seguro! Porén... e se me piden diñeiro por deixarmo? Eu agora non teño un peso e non sei como lles podería pagar! Total, seguro que pola hora que é xa se me poñen a roñar, montan un cirio e pasan de min... E aínda tería sorte se non me responden con balíns pensando que son un ladrón!
O home sobe as escadas cara á porta. "Ou sonche capaces de me afuciñar o can e tería que escapar a fume de carozo e sen poder arranxar nada!" Peta na porta. "E aínda que teñan gato seguro que non mo deixan porque estou a incomodar ás tres da madrugada, xa pasadas." Peta de novo. "Ao mellor non hai ninguén e estou a facer o parvo."
Entón, ábrese a porta e aparece unha velliña en bata, aínda medio adurmiñadiña, que lle pregunta ao forasteiro cunha voz cándida:
- Que desexa, cabaleiro?
- Sabes o que che digo?! Que metas o gato no cu!!
Non fagamos como o do chiste do gato e nos anticipemos pensando que, cando solicitamos o uso do galego, ou mesmo cando respondemos aos pseudoecos, a resposta que nos van dar vai ser sempre negativa ou alporizada. Haberá casos nos que si, e teremos que saber actuar con intelixencia e adoptar certa distancia, aínda que sen renunciarmos nunca aos nosos dereitos.
Mais noutras ocasións veremos, con enorme satisfacción, que o feito de pedir algo en galego vai significar que o galego teña presenza. Moitas veces, o noso idioma deixa de avanzar nalgúns ámbitos non porque haxa unha especial inquina, senón porque se manteñen vellas inercias. Na nosa man está romper con esa rotina tan lesiva para a nosa cultura..

Ningún comentario:

Publicar un comentario