Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 23 de febreiro de 2011

"Menudo bajón!"

por Millán Fernández López, no Galicia Hoxe:


"Españoles y españolas, ciudadanos hartos del paro y de la crisis económica, de la crisis de valores y de la crisis social, de la crisis política y de la depresión institucional, ¿Habéis visto Egipto? el pueblo, cuando quiere, puede, y el pueblo español quiere".
Este exabrupto, unha invitación implícita a subverter a orde constitucional, non é unha sentenza de Gil Robles alá por 1936 nin tampouco unha arenga nostálxica do Blas Piñar de quenda, non. Aínda que soe extravagante pronunciouna hai pouco un dirixente dun suposto partido de centro-dereita europeo chamado a ser alternativa no goberno, nun concorrido acto de pre-campaña electoral. Son verbas que flanquean a legalidade e superan os límites da decencia e da responsabilidade política. Pero saiamos da caverna, sacudamos as pantasmas en forma de camisas azuis desfilando vitoriosas, xugos e frechas, Azores (falo do iate e non das illas) e vaiamos a asuntos amables e de entretemento. Esteban González Pons aburre as ovellas.
Xa que vivimos na era do hedonismo posmaterialista falemos de banalidades e non deixemos traballar a cabeza. Total, o pasado e o futuro non importan, non existen, e o presente está ben fodido. É moito máis rendible a amnesia tutelada e xeneralizada. Para algúns é un bo investimento agora que o tema das altas finanzas vai un chisco peor.
E digo eu: que pesados son os cataláns, non? Sempre coa teima de mostrar o seu feito diferencial, falarnos de cousas serias e esas parvadas. Das que non lle interesan a ninguén, vaia. Ata teñen unha puxante industria cinematográfica propia! Non lles chegaba con fachendar de Guardiola, pendurarse uns enriba doutros facendo castelos humanos ou comer caracois? Pois non, atrévense con todo. A onde quererán chegar?
Resulta que acendo o bendito televisor e vexo como un filme sobre a Guerra Civil en Catalunya, e feito por enteiro na súa lingua (¿ou será un acento?) triunfa na gala dos premios Goya do cine. O que me faltaba! Nese preciso intre deume un bajón impresionante, de campionato. Algo semellante ao que sinto cando vou camiñando pola rúa asubiando a última bulería de Bisbal e vexo pasar unha rapaza feitiña pero que, ao final, á moi pailaroca, dálle por falar galego. Vaia, iso se non é de Lugo, claro. Alí son tan brutiñas, as miñaxoias, que non hai quen as entenda. Ata din ghato en vez de gato (¿ou será pola costa?). É o mesmo, son todas iguais. Empecei adispersarme tanto que notei como se me estivesen fervendo os miolos. Tiven que cambiar de canle inmediatemente. Menos mal que había algo para desconectar 24 horas seguidas: xente deitada no chan, sen apurarse. Estes son dos meus, pensei. A esas horas era o máis parecido aos documentais da dúas da sobremesa. Non se despiollan entre eles porque me teñen dito que lles dan diñeiro para o xabón, pero sentinme moi identificado. Son tan normais...
E alí estaba conversando animadamente unha rapaza desas que enfeitizan, desacomplexada, das normais (non unha extremista desas que andan por aí soltas), das que facía trampas na escola (tanto copiaba nos exames como trocaba os libros de texo en galego por outros que se entenderan mellor) e encima era galega coma min! Cantas verdades dixo en pouco tempo! Explicoulle perfectamente á compañeira a esquizofrénica realidade sociolingüística do país. Esa inxustiza permanente e estado de absoluta imposición e conculcación de dereitos dos castelanfalantes, que tan ben soubo denunciar Galicia Bilingüe. Aí decateime por fin de que, aínda que Esteban González Pons é algo soso, ten máis razón ca un santo...

Ningún comentario:

Publicar un comentario