por Xabier López López, no dixital A Nosa Terra, xa hai algúns días, o 15/01/2011:
Á espera de saber en qué ficou a idea aquela de Alberte Núñez Feixóo de prorrogar o Xacobeo, boto a ollada atrás para volver dicir entre min –sen pasmo ningún, no entanto– que este 2010 que está para o remate non só foi o ano que non ha volver en 11 anos (segundo rezaba a publicidade dese evento que había paliar as penurias económicas todas ), senón tamén, e como declaraba con certa pompa o Decreto 369/2009 de 23 de xullo, o Ano do Libro e da Lectura. Aínda que xa tiven ocasión de apuntar algunha cousa ao respecto, co gallo da visita dun tristísimo bus á miña vila alá polos primeiros meses do ano, os labores de inventario aos que nos arrebolamos algúns nestas datas volven traer aquí o que, de estarmos de mellor humor, ben poderiamos considerar unha brincadeira. Mercaron vostedes máis libros (grazas á Xunta)? Leron vostedes máis (grazas á Xunta)? Melloraron vostedes a capacidade de abstracción, de intelección, de análise (grazas á...)? Co do Xacobeo, mal que ben –e pese a que, polo visto, haxa que esperar un tempo para valorar os beneficios “reais” da visita papal– aínda haberá algunha declaración, algún cruzamento de cifras, algunha desas medallas que adoitan pór os que perden o cu por debruzarse nun micro e espetar a lea aquela da misión cumprida! Porén, non creo que ninguén se atreva a dicirnos a todos nós (os que depositamos nos libros, na lectura, na instrución... as esperanzas para tantas e tantas cousas) algo remotamente parecido. Entre outras razóns, porque grazas ao famoso Decreto do Plurilingüismo foron directamente ao lixo preto de 200.000 manuais de Matemáticas, Tecnoloxía e Física e Química. Si. Xa sei que cando un pensa en libros e en lectura non está a visualizar un libro de texto. O fracaso do Ano do Libro e da Lectura vai por outro lado, xaora (a campaña morreu por puro raquitismo), pero non me digan que non deixa de ser sintomático de certo estado de cousas, que no ano que nos prometeron tan libresco, a única que deu en probar libros a mancheas fose a guillotina.
Ningún comentario:
Publicar un comentario