Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 24 de febreiro de 2011

Valentina formoso: "... a Xunta non fai nada para loitar contra ese prexuízo"

Así é como remata a entrevista que lle fan no xornal Certo a Valentina Formoso ,  a coordinadora da Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística.
A entrevísta céntrase no estudo sobre os resultados no informe PISA 2009 que vén de presentar esa asociación e no que se pon de manifesto que aprender en galego mellora a comprensión lectora en castelán.


En Galicia rexístranse altos índices de comprensión lectora, como nas comunidades bilingües. isto significa que o bilingüismo é máis útil que o monolingüismo?
Non son experta en aprendizaxe de linguas, mais o que nos indican os datos do informe PISA é que os bilingües aprenden castelán sen problemas. De feito, mesmo os nenos e nenas que estudan en galego teñen un índice máis alto que a media de España en comprensión lectora en castelán.
Sacan mellor nota que algunhas comunidades monolingües como Andalucía ou Canarias. Non significa que teñan que ter mellores notas que en todas as autonomías pero significa que que haxa dúas linguas e que aprendamos en galego non significa que saibamos menos castelán, sabemos tanto ou máis que o resto.
A que se debe?
Insisto en que non son experta en aprendizaxe; falo por boca doutros que estudaron esta cuestión, como [Jim] Cummins [experto mundial do Ontario Institute for Studies in Education], que explican que o noso  erebro non está formado por compartimentos estancos, que cando aprendemos nunha lingua aloxamos os coñecementos nunha parte e cando aprendemos unha nova situámolos noutra parte do cerebro. Hai un concepto que é o de competencia subxacente común que indica que almacenamos conxuntamente o que teñen en común as dúas linguas e posteriormente facemos unha transferencia de coñecementos. Por iso, cantas máis linguas sabes, máis aprendes.

Tamén se rexistran índices superiores ao resto do estado en competencia matemática.
Estudar as matemáticas en galego a un neno ou unha nena, non lle supón nada, tanto se o galego é a súa lingua como se non porque tampouco é que teña moito léxico distinto. De feito, non son os nenos quen teñen problemas coa aprendizaxe en galego, son os pais, algúns pais. E a competencia matemática Galicia está por riba da media de España e nos últimos anos as matemáticas estudáronse en galego. Iso significa que o galego non é un problema.
Na competencia científica o alumnado destaca moito. É porque hai unha tradición de estudar estas materias en galego?
A competencia científica dos nenos e nenas galegas está mesmo por riba da media da OCDE. Cómpre  lembrar que unha parte das materias científicas estúdanse en Coñecemento do medio, que desde o decreto de 1995 apréndense en galego. Hai dous cursos, houbo seis galegos que levaron un premio estatal do bacharelato en ciencias, cando boa parte delas estudábanse en galego. Respecto ao Coñecemento do medio, nas primeiras etapas da vida convén estudalo en relación coa realidade na que os rapaces e rapazas están inmersos e empregar o léxico local, por iso os manuais están en galego. Resulta curioso, pero houbo pais lle compraron os seus fillos os libros en castelán e correspondían a outras realidades distintas da nosa.
Se cadra os datos que manexa o informe PISA non son estatisticamente relevantes.
Alguén dubida de que o informe PISA ten uns datos fiables? Son bastante rigorosos, fixeron 27.000 enquisas en todo o Estado e 1.585 en 54 centros de Galicia. Penso que é bastante significativo e moi fiable.
E hai organizacións que defenden o contrario?
Que digan directamente que o galego é negativo para o estudo, non o cheguei a escoitar porque todos saben que está demostrado que o bilingüismo é positivo para a aprendizaxe. O problema vén dado cando falamos de galego e castelán, porque hai unha valoración negativa, un prexuízo que trata de expulsar o galego do campo social.
Daquela, que motivacións pensan que teñen?
Hai unha baixa consideración social, non se percibe a riqueza da lingua nin o feito de que nós temos un idioma propio que recoñecen os textos lexislativos. Durante moitos séculos tratouse de quitalo do medio. Con esa ideoloxía creáronse unha serie de estereotipos de prexuízos que asocian o galego a un mundo rural empobrecido e de nivel socio cultural baixo.
E por que cuns datos tan contundentes non se difunden as bondades do galego na educación?
Iso me pregunto eu e tantos docentes. Por que non se difunden eses datos? Hai quen pensa que promover o galego é un erro, que é un símbolo nacionalista, cando está á marxe de calquera ideoloxía. É un valor que hai que promover...
e por que usar o ensino para recuperar o galego?
Porque é como se aprenden as competencias básicas: ler, escribir, entender e producir. O ensino ten que formar en competencias. Se alguén ten vontade de usalo tamén debe ter coñecementos para facelo; debe ter un rexistro culto tanto oral como escrito e se non se adquire no ensino, onde se vai adquirir?
Porén, a escola serve para impoñerlle o castelán a nenos cuxos pais prefiren o galego, que son minoría  algúns contextos.
Coas preguntas que se lle fixeron aos pais na famosa consulta sobre o idioma sucedeu de todo porque depende de como as formules. Non é o mesmo preguntar cal é a lingua que falas ti, que preguntarlle en que lingua queres que estuden os seus fillos. Que pasa, por exemplo, en ámbitos castelán falantes? Pois que os nenos galego falantes perden o galego porque son minoría. Claro que os pais poden opinar sobre o ensino, pero iso hai que saber formulalo e ten que haber verdadeira información. Os pais teñen que saber as auténticas vantaxes de aprender galego e castelán e teñen que saber que, aínda que os seus fillos estuden en galego ,van aprender castelán perfectamente porque a presenza social do castelán é enorme, decisiva. Existe unha psicose falaz segundo a que se un neno estuda en galego non aprende castelán e a Xunta non fai nada para loitar contra ese prexuízo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario