Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 31 de outubro de 2010

Samaín e a lingua

por X. L. Rodríguez Pardo, avogado,  no Xornal:

Onte rematou en Santiago O Camiño Pola Lingua que viña traballado pola organización Queremos Galego e que, tal como se fora o Samaín e non o Santo do día 1 nin, moito menos, o Defunto do día 2 de novembro, rematou e celebrouse no día 30 de outubro.
Agora resta por sabermos se tamén o Excelentísimo Señor Benedicto XVI, que chega o vindeiro día 6 polo que se sabe, fará tamén un anaquiño do Camiño Pola Lingua, aínda que tan só sexa dende Lavacolla a Santiago e, dese xeito, borrarase para sempre aquel “fala en cristián”, (mellor, como se dicía polos que preferían outra lingua diferente, “muchacho, habla en cristiano”), e logo, aos que mantiñan a lingua da casa, dos pais e dos avós, caíalles a maldición relixiosa por non falaren en castelán.
Tamén o Papa podería, agora, en pro da memoria histórica, resucitar o galego que foi condeado e poñelo,tódolos días en todas as igrexas de Galicia (que nalgunhas xa se vén facer), mais non na percura dese bilingüismo tocado cun armonio que tan só vai dirixido a rematar coa nosa lingua.
É de suliñar tamén, e podo dicir que vai contra do Samaín e de todo o que isto supón para os galegos, como pobo con amplas raiceiras chegadas do norte da Europa, a quen debemos poñer un altar e facerlle saúdos populares cada remate do mes de outubro e non só os cativos nas escolas ou pola casa e na compaña doutros nenos; senón, por riba de todo, os pais que manteñen a nosa lingua, coma o que é no Estatuto aínda vixente: “A lingua propia de Galicia”.
Por certo que, neste Camiño Pola Lingua e do que non fala ren o goberno galego, ou Xunta de Galicia, cómpre salientar esa convocatoria que se remata de facer, para falaren das súas cousas da autonomía, aos presidentes dun lote de comunidades autónomas, ficando sen invitación para a súa asistencia o Presidente do goberno de España.
E posíbel que, sen que se dixera ou comentara cousa algunha aos que non son membros da Xunta, no que se ande a traballar sexa nunha cativa “indepencia” a respecto do uniformismo estatal, collendo o Camiño Pola Nación do que, polo de agora non se sabe mais e, polo tanto, non sabemos se a o remate nos atoparemos cun claro federalismo que tan só precise o seu recoñecemento na maioría do pobo español.
Se así for, poida que llo debamos a Samaín e, pois, debemos procurarlle tamén un especial xacobeo de agora en adiante. Todo isto non pode esquecer o agradecemento do Papa por falarnos algo en galego.

sábado, 30 de outubro de 2010

O galego e a morte

por Clodio González Pérez, no Galicia Hoxe:

O vindeiro luns, festividade de Todos os Santos, e o martes, Día de Defuntos, os nosos cemiterios estarán ateigados de xente; seremos moitos os que visitemos as tumbas dos familiares e dos amigos que xa deixaron este mundo e forman parte do humus da terra nai. De paso que se lembran dos devanceiros, comproben como, agás casos moi contados, as lousas e tampas dos panteóns, vellas e novas, están en castelán. E non só iso, senón que a inmensa maioría carecen da máis mínima orixinalidade, todas cortadas polo mesmo patrón: nome e a apelidos, data de nacemento e pasamento, recordo da familia (pais, fillos...). Neste aspecto, non se diferencian en nada as dun cemiterio da provincia de Pontevedra que as doutro da de Lugo; sempre textos estereotipados, repetidos unha e outra vez, sen asomo de innovación.
Outro tanto pasa coas notas necrolóxicas que se publican de cote en calquera dos xornais (que en galego coido que non pasen do un por cento); cos recordatorios e coas notas que poñen as funerarias nos lugares concorridos para que os veciños saiban quen finou, a hora do enterro e o percorrido dos autobuses.
Se por algo se caracteriza a nosa literatura funeraria e por ser en castelán e por falta de orixinalidade. Pola contra, no sucede o mesmo coa que está en galego, por se tratar case sempre de persoas comprometidas dalgún xeito coa nosa lingua e cultura, e ese interese -por nimio que sexa- aflora nestes casos e tamén se amosa nos textos dos seres queridos. De entre as moitas tampas e lousas que teño fotografadas, pois o primeiro que fago ao entrar nun cemiterio é procurar as que hai na nosa lingua, non faltan algunhas correntes, sen ningunha característica especial, pero, en xeral, predominan as orixinais e sen caer no sentimentalismo relambido como pasa con moitas do século XIX.
Son textos sinxelos, pero fermosos e sentidos: "... O teu amor acompáñanos. Teus pais e irmáns..."; "... Dálle o descanso no teu reino"; "... Repousa na paz do Señor"; "... Que Deus lle conceda a súa paz... Lémbrate a túa filla"; ".... Vives en nós"; "... Teus pais e irmáns"; "... Finou o ... á idade de 80 anos. D.E.P. Lembranza da súa familia"...
Tampouco faltan algunhas singulares, como as catro seguintes, ben arredadas xeograficamente: unha no cemiterio de Cabanelas (O Carballiño), dun veciño emigrante finado en marzo de 2001, con este poema: "Eu si che teño cariño / por iso quixen voltar / i en ti eu quero acougar / como o paxaro no niño"; a segunda pódese ver no cemiterio de Villestro (Santiago de Compostela): "... Recordo da súa esposa. Morreu unha flor, pero un xardín de rosas medrou ó seu carón"; a terceira, no de Santo Estevo de Novoa, nas terras de Ribadavia: "... Teus pais, irmáns e sobriños non te olvidan. Segues estando entre nós, o teu sentir profesional e a túa entrega a todos, son a nosa referencia"; e a cuarta e última, no de Santa Mariña Dozo de Cambados: "... Andaba moito, naide me decía nada, solo eu sabía o que me esperaba".
Con todo, se tivese que decidir, o meu voto sería para a dunha nena que, por deferencia, non direi o cemiterio onde se atopa, só que é nun da provincia de Ourense: "... Amarte foi doado, esquecerte imposible".
A morte é unha cousa moi seria, que nos afecta a todos porque ninguén se librará de pasar por ese transo. Pero o que non se debe é considerar a nosa lingua como non seria para escribir unha nota necrolóxica, o texto dunha tampa do panteón ou un recordatorio, e máis cando foi coa única que se comunicou esa persoa nesta vida. Actuar deste xeito, é pensar que a nosa lingua non serve máis que para os prospectos das festas..

Dosier do caso da campaña do decreto

Hernández contrata o mesmo día un millón en propaganda
A oposición censura a “frivolidade e improvisación” do Executivo
A Mesa felicita o movemento social e a Xornal e pide “máis explicacións”
Fixémoslles retirar a campaña
Rectificar é de sabios, pero tanto?
O equipo de Feijóo
A Xunta recúa

venres, 29 de outubro de 2010

A memoria da lingua, o documental do galego.

Xa temos aquí o prometido vídeo das candongas do quirombo, do que xa adiantamos por este blogue media ducia de intervencións.
Parabéns ás cinco autoras. Unha marabilla de traballo e un recurso educativo impagable.

A memoria da lingua from as candongas do quirombo on Vimeo.

Fixémoslles retirar a campaña

por Bieito Lobeira, parlamentario do BNG, no Xornal:

Tivemos noticia recente da decisión política adoptada polo Goberno do Partido Popular de retirar a infame campaña de propaganda prevista para poder explicar as pintorescas razóns que levan á Consellaría de Educación a considerar o galego como idioma non apto para o ensino de matemáticas, física, química, informática ou tecnoloxía, a declarar proscritos e prohibidos os libros en galego nesas materias, ou a impedir en moitos centros de ensino infantil calquera mínimo contacto co noso idioma.
A ecléctica concepción que da austeridade posúe este Goberno levárao, no seu día, a contratar unha campaña de publicidade (por suposto bilingüe español-galego) por valor de case un millón de euros xustamente para inocular na sociedade os “novos valores” (sic) da normativa lingüística agora vixente, gravemente atentatoria contra a nosa lingua e cultura nacionais, vulneradora da legalidade e dos compromisos internacionais formalmente subscritos neste ámbito, e –o máis grave– reproducindo os piores esquemas do autoodio, do autodesprezo, da anulación do propio e a fascinación polo alleo da que fai gala tan ridícula como desacomplexadamente este Goberno que padecemos.
Estamos a vivir unha situación de crise económica profunda, que leva a amplas capas do pobo galego ao desemprego, á sobreexplotación, á pobreza, á miseria, e á degradación dos servizos públicos esenciais. Que neste contexto o Goberno do PP pretenda gastar un millón de euros nunha campaña de propaganda impresentábel, para xustificar o inxustificábel, é un grotesco acto de obscenidade política, intolerábel política e eticamente. En consecuencia, o BNG transladou ao Parlamento de Galiza, en varias ocasións, a esixencia de retirada desta campaña indecente. Co resultado, a curto prazo, negativo. Cun PP votando en contra, e argumentando o seu “dereito” a “informar” sobre a nova situación de “liberdade lingüística”, iso si, a cargo do erario público. De todas e todos nós.
Mais mudaron de posición. E non por gosto propio. É evidente que o Goberno do PP chegou xa á convición de que a posta en marcha desta campaña seríalle contraproducente do punto de vista político. Non por unha asunción sincera da situación surrealista que eles mesmos provocaron, ou pola intención de aforro económico. Iso dálles exactamente igual: Ollemos a millonaria pompa fastuosa organizada con motivo da visita do Papa. Non é iso. Ao que en realidade lle ten medo o Partido Popular, do que si é consciente, é do poderoso movemento social construido en defensa da lingua galega e das simpatías que produce, blindado á súa propaganda e disposto a se mobilizar na defensa do que é seu, do que é noso, do que nos fai ser o que somos, do idioma propio de Galiza. Esta é unha vitoria do movemento popular de contestación, por certo, con inestimábel axuda do nacionalismo galego, á política etnocida do PP. Seguirmos avante neste camiño é a mellor estratexia para derrotar por completo o obxectivo de eliminación do galego que o PP se marcou. Non se enteran, mais nesta nación Queremos Galego

Rectificar é de sabios, pero tanto?

por Miguel Pardo, xornalista, no Xonal:

Disque rectificar é de sabios. Volverse atrás nunha decisión é unha práctica moi pouco habitual na política. Ou érao ata que o PP galego decidiu empregar o idioma nas súas batallas electorais. Desde que decidiu que intentar volver ao poder ben valía xogar co intocable. Foi daquela cando Feijóo e o seu partido comezaron a facerlle as beiras a colectivos como Galicia Bilingüe, buscando abranguer nos seus brazos toda a dereita do país, incluída a máis extrema. A vítima, a lingua galega, pouco importaba con tal de apañar uns votos.
Prometéronlles de todo, reivindicando a sacrosanta liberdade que agocha o neoliberalismo. Xa na campaña das eleccións, Feijóo prometeu unha e outra vez “liberdade de elección” para que os pais elixisen o idioma de escolarización dos seus nenos. Tivo que rectificar ao decatarse de que non todo era tan doado. De prometer elección total, a conformarse coas materias troncais, para logo determinar desde a Xunta o idioma de cada libro e prohibir que as ensinanzas científicas se puidesen impartir na lingua propia. Rectificou unha e outra vez.
Pero antes, nunha das súas entrevistas en Madrid, comprometérase a incluír no sobre de matrícula unha casilla para que os proxenitores optasen –“en liberdade”, por suposto– pola súa lingua favorita. Errou tamén e tivo que volver rectificar. Non houbo recadro ningún e a súa aposta limitouse a unha pseudo-enquisa para a Educación Infantil na que nin tan sequera se preguntaba polo idioma preferido, senón pola lingua materna dos cativos.
Pero lembren que antes, bastante antes tamén, a Consellería de Educación prometera un decreto que asegurase unha ensinanza repartida ao 33% entre galego, inglés e castelán. Volveron rectificar porque o ensino acabou, con sorte, nun 50-50, cando non nunha clara redución da presenza do idioma desta autonomía que gobernan.
Houbo tamén cambio de opinión, non se esquezan, cando a Xunta chegou a insinuar a segregación de alumnos por linguas. Debeulles soar tan esaxerado, que desta vez rectificaron rápido. Igual que rectificaron a súa relación con Galicia Bilingüe, que pasou de ser un colectivo de referencia para acabar sendo rexeitado como quen escapa do lobo. A súa estratexia, tan ben preparada desde Madrid, xa conseguira o seu obxectivo. Unha rectificación máis non importaba.
No entanto, tan pouco convencido debía estar o Goberno dun decreto tantas veces modificado, que argallou unha polémica e cara campaña de publicidade. No prego de condicións para adxudicar o contrato, a Xunta incluíu, en contra do que di o Estatuto, que o castelán era “lingua propia de Galicia”. E rectificaron unha vez máis, noutro cambio previo ao de onte mesmo. Agora, nin campaña, nin gaitas. O decreto foi “ben acollido” e a “alarma social” xa non existe.
Porque si, rectificar é de sabios, pero din tamén que o home é o único animal que tropeza dúas veces na mesma pedra. Carlos Negreira, candidato do PP á alcaldía coruñesa, acaba de resucitar un L que o seu partido rexeitou durante anos. Corina Porro, alternativa en Vigo, debutou na precampaña criticando a “imposición do galego”. Saben que teñen apoios, e moitos. Repetimos?

Anxo Lorenzo, transmitindo unha mensaxe favorable

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, defendeu esta tarde en Bruxelas a necesidade de “transmitirlle á sociedade unha mensaxe favorable ás linguas minoritarias que historicamente foron minusvaloradas”.
E como lle transmite o goberno no que participa Anxo Lorenzo esa mensaxe á cidadanía? Pois de moi diversas maneiras:
Eliminando as probas de galego das oposicións á función pública. Así transmitimos a idea de que o funcionariado pode excluírse libremente do uso do galego.
Facéndose insubmisos a acordos parlamentarios e falando en castelán no parlamento galego, para facer unha invitación a que as leis que establecen usos para o galego sexan incumpridas.
Suprimindo as liñas de galego en infantil. Así divulgamos que o acordo de pais e profesores na promoción do galego é inútil.
Eliminando a promoción do uso do galego en infantil, para que os nenos de contornor castelófonos poidan exercer libremente o seu dereito a descoñecer o galego. Así transmitimos a idea de que podemos educar aos pequenos lonxe do contacto co galego.
Prohibindo tanto a impartición de aulas en galego nas materias científicas tanto no ensino primario como no secundario, como o uso de materiais pedagóxicos redactados nesa lingua. Para favorecer os prexuízos lingüísticos dos escolares e reducir drásticamente o xa de por sí, reducido uso da lingua galega nos ámbitos visibles da sociedade.
Subvencionando a compra de libros de texto en castelán para eliminar do ensino e da edición os mesmos textos en galego. Así transmitimos a idea de que a cultura, principalmente a científica, é cousa da lingua A.
Pechando os oídos ás peticións dos traballadores do ámbito na normalización lingüística, e aprobando de costas a eles e rachando con todo diálogo, unha rede de dinamización sen o apoio dos axentes que a deben levar a cabo. Así transmitimos a idea de que a normalización é unha trapallada, ao tempo que se anula a súa posta en práctica.
Reducindo drásticamente os presupostos para a política lingüística. Para que as accións normalizadoras queden sin efecto por falta de cartos. Así transmitimos a idea de que a normalización é un asunto secundario, prescindible.
Demonizando a todos os que defenden mínimamente o amor pola lingua galega, procurando identificalos co ranfañoso e o radical. Así transmitimos a mensaxe de que a defensa do galego é cousa de radicais, de persoas fóra do sistema.
Abdicando á mantenta das súas responsabilidades ao non defender desde as institucións aos ENDL acusados pola zunia como unha boa forma de difundir que a defensa do galego non é cousa das institucións.
Defendendo a deturpación da toponimia galega e ameazando con aniquilar a Lei de Normalización Lingüística, se fose necesario, para éste, e quen sabe que outros escuros e anormalizadores fins. Así afondamos no prexuízo de que o galego non serve nin para nomear o noso entorno.
Eliminando da lei do comercio a promoción do galego neste ámbito.
Difundindo ideas falsas e prexuízos sobre a lingua: recitando diariamente o mantra de que o galego é imposición e o castelán é libertade, ocultando a sangría de galego-falantes das últimas décadas, dando unha imaxe da realidade sociolingüística galega completamente deturpada. A mensaxe favorable é a do "Mundo feliz" de Aldoux Huxley.
Excluíndo o galego das campañas electorais en varias cidades, para que fique máis claro que se van seguir avanzando chanzos na anormalización. Así transmitimos a idea de que a lingua da política é a da política lingüística. E isto último, só isto último, é unha mensaxe verdadeira.

xoves, 28 de outubro de 2010

Algunhas e algúns

por Ana Miranda, do BNG, no Xornal:

Somos nós. Mulleres e homes galegos. Algunhas e algúns. A xente do pobo galego que defende a súa lingua contra vento e maré, contra a indiferenza e o acoso, contra a pauperización e o reducionismo lexislativo e orzamentario dun Goberno que quere convertir en minoritaria a nosa lingua. Algunhas e algúns como Rosalía, Castelao, Blanco Amor, Novoneyra, Manuel María, Ferrín, Rivas. Algunhas e algúns poetas novos e antergos. Algunhas e algúns pais que reclaman e claman o dereito a que súas fillas e fillos poidan cumprir o dereito de poder ser educados na lingua propia. Algunhas e algúns membros das organizacións que apoian as diversas plataformas en defensa da lingua. Algúns militantes e simpatizantes de diversas organizacións políticas. Algunhas e algúns cidadáns anónimos que se resisten a que a identidade non sexa diluida. Simplemente algunhas e algúns, que aínda que pareza o título daquela cantiga Eu son aquel, van ler de seguido, a que me refiro.
Celebrouse onte en Bruxelas a I Conferencia Internacional sobre Cooperación Europea e Apoio da Diversidade Lingüística que promovía a Rede Europea para a Promoción da Diversidade Lingüística (NPLD), unha rede paneuropea que asesora e acompaña as linguas chamadas rexionais ou minorizadas, das nacións europeas e dos pequenos estados con recoñecemento constitucional na promoción da diversidade lingüística no contexto dunha Europa multilingüe. O BNG e a Alianza Libre Europea (ALE) do Parlamento Europeo estabamos convidados oficialmente. E nos diversos paneis das intervencións había mesmo unha ponencia especial sobre o papel do Parlamento Europeo na que participaban dous eurodeputados da ALE, en recoñecemento do apoio que o noso grupo formado por nacionalistas de distintas nacións europeas dá en actividade lexislativa, política e social á promoción da diversidade lingüística en Europa. O deputado corso François Alfonsi, quen actualmente promove unha resolución na Eurocámara sobre a salvagarda das linguas en perigo de extinción, transmitiunos na súa ponencia a solidaridade falando da “represión lingüística” que vive o pobo galego. Oriol Junqueras, afirmou que “en Galiza é a presión do poder político do Goberno a que quere converter a lingua galega en minoritaria”, para reducir o uso lingüístico da lingua galega; lamentou que isto este acontecendo na actualidade e lembrou que o Goberno galego xunto co de Valencia son dous exemplos de “reducción do apoio á lingua propia dende o propio poder”.
Eu estaba entre o público e erguín a man na quenda de preguntas, explicando que xa que estabamos a falar de boas prácticas en Europa en materia de promoción da diversidade lingüística, debíamos lembrar os casos de malas prácticas. Denunciei que o Goberno galego, alí representado en Anxo Lorenzo, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, era un deses exemplos de retroceso e de falla de protección e promoción da lingua e todo o que poidades imaxinar con datos ao respecto no escaso tempo que había para intervir.
Erguín a foto da Praza do Obradoiro dicindo en inglés que ollaran para esa fotografia: era a fotografia da manifestación que Queremos Galego organizou en outubro de 2010. Denunciei que por vez primeira na historia do continente europeo, un Goberno lexisla e goberna en materia lingüística contra dos avances adquiridos –tímidos ben sabemos– con anterioridade e diminúe de xeito legal e orzamentario unha lingua que xa estaba en minoría, afirmando que era o maior retroceso dende a época democrática, criticando o decreto do Plurilingüismo, e pedíndolle aos organizadores da conferencia que preguntaran por contrastar información e coñecer a verdadeira situación do uso social do Galego. Lembrei que o Goberno galego non estaba a promover o mesmo multilingüismo do que se estaba a falar nesta conferencia, senón que baixo a escusa do plurilingüismo o que non se podía é apoiar unicamente o monolingüismo dunha lingua que xa estaba consolidadada e socialmente non estaba en perigo.
Así que o señor Lorenzo, que xunto coa representante do Goberno vasco era o encargado das conclusións, debeu de sentirse molesto polas tres alusións á neglixente política que coordina e defende, que repenicou e xa que como era o último en intervir, afirmou: “El Gobierno sí apoya a la lengua gallega y a la diversidad lingüísttica” e “só algunos y algunas”, fitándome e en clara alusión aos eurodeputados que o criticaron publicamente e a toda a cidadanía galega que non está dacordo. “Algunos grupos minoritarios se empeñan en dividir y en transmitir esta falsa idea”, dixo.
Falou cinicamente Lorenzo da “participación e diálogo coa sociedade civil”, xusto o que el non fai, defendendo o diálogo como instrumento para a promoción da diversidade lingüística e cinicamente referiuse a que hai que facer un esforzo de pedagoxía entre os Gobernos estatais e rexionais”. Debía empezar pola casa. Evidentemente, foi bochornoso, e así nolo comentaron varios representantes doutras institucións, expertos, e parte do público á saída. Confundiuse de foro, con esa alusión de minorización, de desleixo e arrogancia cara á xente galega. E fíxoo en Bruxelas despois de que o conselleiro de Educación mentira atribuíndolle á Comisaria Vassilou –responsable entre outros eidos do multilingüismo– palabras non ditas e aplausos non dados. Nesta conferencia existía interpretación en tres linguas: inglés, francés e castelán, que por suposto o señor Lorenzo, na súa capacidade “multilingüe” que non sei se ten ou non, mais aquí non se viu, usou só o castelán. O representante do Goberno catalán por exemplo interviu en inglés. Eu falei nas tres alternando mentres o moderador dicía que cortara por estenderme demasiado. É só unha anécdota.
Onte sentín vergoña da alusión feita a tantas mulleres e homes galegos que falades, que loitades, que traballadades, que queredes, defendedes e vivides na nosa lingua. Desa vergoña interna de quen ve pegarlle a un neno, de que ve un maltrato, ou a xente que morre de fame. Por iso, con optimismo na procura dos nosos dereitos, e sabendo que eses “algúns e algunhas” somos, existimos, continuamos e contamos con moitos apoios e solidariedade en Galiza, tamén en Europa e no mundo, debemos seguir defendendo os nosos dereitos. Nós, esas algunhas e algúns que temos moita sorte de ser algunhas e algúns dos cidadáns galegos que queren unha Galiza diferente, e de formar parte deses 50 millóns de falantes da súas línguas propias en Europa. Nós

mércores, 27 de outubro de 2010

Contra os prexuízos

Artigo do pasado 25/10/2010 do Galicia Hoxe:

Expertos reflexionan sobre cales poden ser os mellores argumentos para responder ás falacias do discurso contrario á normalización da lingua propia de Galicia


Se é necesario renovar o discurso de defensa do galego para adaptalo ás mudanzas da sociedade, o xeito de responder ó movemento contranormalizador é unha cuestión importante para debater. Cal pode ser a mellor maneira de facelo? Os colectivos contrarios á normalización do galego si cambiaron o seu discurso, desde unha óptica abertamente hostil ó galego a outra que apela ao "bilingüismo" e a argumentos máis "presentables" como a liberdade e a non imposición.

Alén do apoio mediático e político (PP, FAES...) -en descenso- recibido por estas asociacións, se cadra unha das claves da penetración social -relativa- que acadou o seu argumentario foi o feito de que foi repensado para conectar cos prexuízos que se mantiñan, latentes, na sociedade.
"Na Transición e no principio da Autonomía fixemos un diagnóstico errado. Pensabamos que o problema principal do galego fora a represión franquista, e que ó eliminala o idioma se recuperaría . Pero o galego xa estaba desprestixiado na sociedade", reflexionaba o politólogo Xosé Luis Barreiro Rivas hai uns días no Foro Mugardos. "Puxemos o galego" -a lingua maioritaria- "onde non estaba: a escola, a televisión, a administración... Pero o seguinte paso debe dalo a sociedade: a empresa... ", engadiu.
Neste contexto, apunta o sociólogo Fermín Bouza, unha das primeiras estratexias para seguir pode ser a de non darlle ao movemento contranormalizador excesiva relevancia. "Non tiveron moita incidencia, nin sequera electoral. O rexeitamento do galego non acada máis que un 20% da poboación. O que si hai é, sobre todo nas cidades, como un dobre discurso de xente que di defender o galego pero non o fala ou non vai máis alá", comentou nunha entrevista con GH.
Menos optimista, se cadra, é o filólogo, vicerreitor de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo e coordinador do libro 55 mentiras sobre a lingua galega Henrique Costas. "A xente volve ter unha conciencia de que falar galego é "pecado", non se atreve a pedir que lle falen galego porque cre que iso é impoñer. Hai moita soberbia por parte dos defensores do idioma imperialista, que antes estaban máis agochados. Na última etapa de Fraga e no bipartito produciuse un espellismo. Mentres, houbo campos nos que non se actuou, como a xustiza e os medios de comunicación. Aínda que cos ataques á lingua tamén están a medrar as posturas activas, decididas, militantes as 24 horas. É con esas accións diarias, cotiás, como podemos avanzar. A xente xa non vai detrás das bandeiras estreladas", opina.
"Como contestar ó discurso da liberdade? Eles só defenden a liberdade para o castelán na escola ou na administración. Pero non defenden a nosa liberdade para ter o galego na xustiza ou nos medios, ou nas empresas. Podemos dicirlles que nós loitaremos pola súa liberdade cando eles loiten pola nosa", apunta. No libro 55 mentiras sinálanse posibles argumentos contra os prexuízos: que o galego non é útil, -sendo porta de entrada para o portugués, que falan 250 millóns de persoas-; que se está a mudar de norma constantemente -cando o español se ten modificado moito máis que o galego-, que non é axeitado para a ciencia -crenza que contradín os científicos galegos do CERN por exemplo-... María Xosé Queizán denunciou hai xa anos como o galego se consideraba unha lingua "fermosa" pero non útil para o ámbito público, do poder, reservada ao castelán, do mesmo xeito que ocorría coa concepción social do papel das mulleres respecto aos homes.
O escritor e director da área de normalización da Universidade de Santiago Núñez Singala sinala outros argumentos no seu libro En galego, por que non? "Un dos prexuízos máis comúns é que o galego soa mal. Cando lles preguntabas, os rapaces dicían que soaban mal os idiomas que non se parecen ó castelán: o alemán, o árabe, o chinés... Pero nos últimos catro anos din tamén o éuscaro e o catalán... Houbo un auténtico bombardeo mediático, e o problema do discurso de defensa da lingua é que non ten eses amplificadores....", subliña.
"É moi difícil loitar contra prexuízos porque nin nos decatamos de que os temos. Se os rapaces de instituto pensan que o galego é de paletos e nacionalistas, hai que facelos reflexionar. Pero tampouco enganalos: é certo que teñen poucas posibilidades de ver cine en galego, de ter novas tecnoloxías en galego... Hai que explicarlles que non temos iso porque non o demandamos. Moitas veces non é que estean en contra, senón que o galego supón un esforzo, e pensan para que... Tampouco o castelán é tan internacional: a lingua da técnica é o inglés. E non é certo que haxa que escoller: aprender dúas linguas facilita a aprendizaxe dunha terceira, unha cuarta... O discurso da liberdade non se soubo desmontar, é certo. Se liberdade é que quen o dese-xe poida pasar do galego, despois de 40 anos de ditadura e máis de 500 de imposicións, é unha condena a morte do galego. Nin se pode tratar igual o que non é igual, porque se perpetúa a desigualdade", di.

 Ecolingüismo, patrimonio cultural e legalidade
Na defensa do galego, están tomando forza discursos como o ecolingüista. Tamén se reforza a reivindicación do galego como patrimonio colectivo. "A lingua é o maior patrimonio colectivo dun pobo. Os prexuízos son históricos: xa no século XVIII había galegos que pensaban que non sabían falar galego...", sinala o profesor Xosé Ramón Freixeiro Mato, quen tamén relaciona as resistencias á variedade estándar do galego coa asunción, consciente ou non, de que a lingua A é o castelán, e polo tanto a que ten dereito a unha norma.
A recuperación do prexuízo de que o galego é un "dialecto", -ou un conxunto de "variedades locais"- é outro dos argumentos do discurso contranormalizador, como o é o do "naturalismo": o castelán impúxose sobre o galego polo seu superior prestixio e por servir como "lingua común" no Estado. Discursos que esquecen toda a lexislación impositiva, anterior incluso ó franquismo, que prohibía o catalán -e polo tanto o galego- en distintos ámbitos públicos; escola, administración... Sobre a variación interna do galego e a "artificialidade" do estándar, a directora do ILG, Rosario Álvarez, lembrou nunha entrevista con GH que "en todas as linguas, o estándar é unha construción. O nivel de variación interna do galego non é moi elevado. Os trazos compartidos superan o 90%. No sur de Francia, non pasan do 50%". Nin se sostén, desde o punto de vista legal, a idea que os pais teñen dereito a escoller a lingua na que estudan os fillos -o TS e oTC negárono-, nin a de que os dereitos son dos individuos, e non dos territorios. "Hai un dereito á protección da lingua en abstracto, como un valor, un dereito colectivo. Por iso, a lei obriga a que os teclados leven o ñ. Historicamente, primeiro viñeron os dereitos individuais, e despois os colectivos, como o medio ambiente. Galego e castelán son cooficias, pero o galego, por ser lingua propia, pode ter un trato preferente", explica a profesora Alba Nogueira.

Do marco individual ó colectivo, e as inconsistencias
O politólogo Raimundo Viejo advirte de que non é a mellor estratexia tentar responder, racionalmente, ó discurso da liberdade. "O que fixo Galicia Bilingüe foi apropiarse dun valor constitutivo da sociedade, a liberdade, nun momento de hexemonía da ideloxía neoliberal. O galeguismo oficial, ritual, de Fraga mantivera na marxinalidade os discursos como o de AGLI. Na era Aznar foise xestando o discurso contranormalizador que, coa chegada de UPyD e Ciutatans, o PP activou. O movemento normalizador sempre vai perder se entra no xogo. Ten que buscar o seu propio marco. Por exemplo, aproveitar a potencialidade da lusofonía", analizou.
O movemento contranormalizador sitúa a lingua, fenómeno social, no marco individual. Pero nin a teoría económica lle dá cobertura, en realidade. "Se consideras que o galego é un ben público, como o medio natural, ten que haber unha intervención, unha regulación para corrixir os fallos do mercado, os desaxustes que se producen, como no caso do galego, que parte dunha situación de desigualdade respecto do castelán", sinala o economista Marcelino Fernández Mallo. No ámbito da economía, tamén se reforza o argumento do galego como marca de calidade -o profesor Francisco Sanjiao adoita pór como exemplo R ou Gadis-.
A "liberdade" dos contranormalizadores é a que Isaac Berlin chamou liberdade negativa: non impedimento -non intervención do Estado nas decisións individuais, neste caso-. Pero xa os liberais clásicos lle poñían límites: a liberdade dos demais, para J.S. Mill. Un liberal contemporáneo, J. Rawls, engadiu a xustiza, a non hai xustiza sen equidade: se hai desigualdade, o Estado debe intervir para corrixila.
No ensaio Hablar gallego? No veo por que, a investigadora Ana Iglesias sinala como os falantes de castelán moitas veces non se decatan das presións en contra do galego, os prexuízos, que distorsionan a súa "liberdade" de escoller. Sociolingüistas como Fernando Ramallo e Gabriel Rei-Doval teñen salientado, na senda do catalán Rafael Ninyoles, como o segmento das clases sociais altas e medias que historicamente se identificaron co castelán -ademais, desde o punto de vista sociolóxico xa hai familias que abandonaron o galego hai varias xeracións-, poden percibir os intentos de empoderarse dos galegofalantes, de acadar a igualdade nos ámbitos como o traballo, como unha ameaza. "O conflito deriva dunha lóxica orientada a prestixiar o galego que non é aceptada por unha parte da sociedade que aspira a reproducir e consolidar a xerarquía das linguas", sinalou Ramallo nunha entrevista. E de aí veñen tamén fenómenos como o rexeitamento e negación da propia lingua para apuntarse ó status da de prestixio -Paco Vázquez, por exemplo-.

Aquí, como na China

A educación bilingüe en Qinghai, no noroeste da China, unha das  zonas tibetanas de China, está acabando coa lingua propia. A aceleración da imposición do mandarín, coa estensión de medidas de  implantación desta lingua ás etapas de infantil provocaron múltiples protestas nos últimos meses. Os organismos oficiais lanzaron a campaña co lema "Protección da lingua materna" para xustificar un plan que pretende eliminar o tibetano e dar así un paso máis na estratexia de ocupación do Tibet.
As noticias non chegan ou son silenciadas. Só temos a versión gubernamental que, por boca do director do departamento provincial de educación di que o que se pretende é "mellorar tanto o coñecemento da lingua nacional, o mandarín, como as nativas das minorías".
Neste vídeo reprodúcese unha manifestación contra a retirada de libros de texto tibetanos e a súa substitución por libros en mandarín. Non sei se vos soa a cuestión.

martes, 26 de outubro de 2010

Premios San Martiño á normalización lingüística 2010.

 
 Polo San Martiño, todos os anos, danse os premios á normalización. Desta volta tiveron tres acertos nas tres concesións. Vía CTNL:
A Asociación Cultural O Brado da Estrada comunicou que o Padroado da edición deste ano dos Premios San Martiño de Normalización lingüística decidiu que este ano irían á empresa R, á sociedade cooperativa Monte Cabalar e ao mestre e escritor Olimpio Arca. Os premios serán entregados o 11 de novembro na Estrada.Os premios teñen tres modalidades .

Premio á difusión da lingua na comarca de Tabeirós Terra de Montes: Monte Cabalar Soc. Coop. Galega
Esta iniciativa pioneira no ámbito do cooperativismo co fin de promover a posta en valor e produción dos montes mediante o traballo con especies autóctonas tanto no ámbito agrario como gandeiro, estruturan e vertebran o seu funcionamento coa lingua como ben irrenunciable da identidade e vehículo de comunicación común e habitual tanto entre as distintas xeracións das máis de 300 familias que son socias desta ilusionante iniciativa, como na proxección da súa imaxe cara o exterior.
Premio á normalización no ámbito galego: R
Pola súa implicación no uso normalizado do galego dende a súa creación e por ter o galego como forma precisa do seu carácter de empresa creada en Galicia, con amplas campañas publicitarias e de funcionamento da empresa co noso idioma como parte irrenunciable da súa estrutura. Tivo o mérito ademais de introducir os hábitos lingüísticos de emprego do galego nun sector estratexicamente tan importante como o da comunicación e as novas tecnoloxías.
Premio á normalización durante toda unha vida: Olimpio Arca Caldas
Nacido en Cuntis (1928). Mestre e escritor galego.
Mestre, escritor e historiador estradense que polo seu labor como mestre e escritor obtivo, entre outros, os seguintes premios: Cruz Alfonso X O Sabio, Mestre representativo provincia de Pontevedra, 1º premio Bretema de Lembranza, 1º premio xornalístico Manuel Reimóndez Portela, nomeado Estradense de Honra 2001 pola Asociación cultural O Brado, Fillo predilecto de Cuntis, foi dende sempre un férreo defensor do emprego da lingua galega na súa obra e na docencia.

luns, 25 de outubro de 2010

Camiño pola lingua, terceira etapa


CAMINHO POLA LINGUA 2 from A.C. Vagalumes on Vimeo.
Onte celebrouse a terceira xornada do Camiño pola lingua. O mellor acompañamento ao vídeo no que se resumen os 20 quilómetros de reivindicación da nosa fala son as palabras do escritor David Otero, o padriño desta xeira:
ANDAR A CAMIÑO
Neste ando a paso de conquista e facer pobo
así queremos palabrearlle ao mundo
en cada verso noso e a toda voz de crencia…
na nosa Lingua

E deste manifesto de firmeza
mandarmos canto aos ventos cardinais da nosa Patria
para quitármonos as brétemas dos ollos
e que eles a decretos nos impoñen.

Sintamos pois nesa mornura de brillante claridade,
a de nación escrita a puño e letra,
para a clamor de pobo determinado,
manter a limpa decisión de defendernos … a cada tanto.

Que na Lingua e coas conciencias que nos irmandan
deamos voces aos nosos desexos
e vivamos as experiencias do que somos fondamente
a tónicos afectos… liberando.
Fagámolo debidamente xa que estamos
combatendo en territorios de dolor.
Fagámolo na esperanza militante
e que se saiba do noso decidido amor... á nosa Lingua.
E ASÍ NÓS...A TODA VOZ DICINDO E QUE SE ESCOITE...

QUEREMOS GALEGO
PORQUE QUEREMOS CONSTRUÍR valentemente espazos propios de vivir onde a nosa voz e as palabras o sexan na NOSA LINGUA GALEGA e sen carautas defendela de políticas lingüicidas.

QUEREMOS GALEGO
PORQUE QUEREMOS COMPARTIR proxectos e traxectos indo de camiño neste POBO no sentir expresivo e comunicativo, da nosa LINGUA GALEGA a construírse comprensivamente normalizada.

QUEREMOS GALEGO
PORQUE QUEREMOS militar nos soños onde o son e as palabras o sexan de IDENTIDADE FONDA enraizada nos herdos, na tradición de quen nos precederon, pois a nosa historia e a nosa Cultura non son un invento temporal, nin caprichoso

QUEREMOS GALEGO
PORQUE QUEREMOS CONFESAR libremente na nosa LINGUA GALEGA os nosos proxectos de dignidade e realizalos pois avalados na militancia da nosa pertenza a este noso pobo do galego.

QUEREMOS GALEGO
PORQUE QUEREMOS MANIFESTARNOS A CADA HORA na NOSA LINGUA GALEGA coas nosas forzas propias e así... coa enerxía existencial e converxente que nos determina… liberarnos das malas artes reduccionistas, negacionistas, destructivas e agresivas, deste goberno de arestora nesta nosa Terra, ao que non lle direi galego, e que nos quere limitar , cando non facer desaparecer, dentro do noso propio pobo, O DO GALEGO, que nos pertence de por sempre.

E que por iso…
HOXE…
estamos na amplitude do que sentimos
para proclamar a unha voz
o pleno amor á nosa Lingua.

QUE ASÍ
somos contemporáneos
e tuteamos os futuros que intuimos
nas nosas pulsións sentidas máis compartidas.

DIGAMOS…
que as ausencias son ben notadas,
padecidas en carne propia
e temos que nos repor... ás ameazas.

SAIBAMOS
que nesas adversidades,
que nos agolan nas palabras da nosa Lingua,
moito temos que intervir, que remediar

E NISO…CÓMPLICES…e sen pausa...
na forza do que somos por deber...
e que aluma primorosamente as nosas identidades
falemos pois sempre de amor…

Á NOSA LINGUA.
NA NOSA LINGUA

Guerra cultural contra o galego

por Yolanda Díaz, no Xornal:

agora imos aprenderlles aos nenos e nenas a canción da saia de Carolina en castelán. As cousas van tan costa abaixo con Feijóo no que atinxe ao galego que chegamos á fase do ridículo. Voadura dos consensos, imposición e agora ridículo. Porén a polémica encol da saia de Carolina non deixa de revelar a dureza e os extremos da ofensiva revisionista que o Partido Popular está a acometer no eido das políticas de normalización lingüística. Supoño que haberá alguén que matine contratar unha asistencia técnica para traducir o texto de Pondal que recolle o Estatuto e que algúns conselleiros descoñecen e/ou desprezan.
A sistematicidade do ataque a nosa lingua ao longo do que vai de lexislatura delata que non nos atopamos diante dunha arroutada conxuntural ou dunha saída de pata de banco do sector urbano do PP. Estamos enfronte dunha declaración de guerra contra o galego, declaración que alomenos hai que datar nas vésperas da campaña electoral das autonómicas. Guerra cultural contra o galego que constitúe unha das bases fundamentais do discurso e proxecto político e ideolóxico do PP estatal, tras caérselle o artificial engadido de Galicia.
Nada novo baixo o sol inclemente do neoliberalismo. Os ideólogos do PP constrúen vía importación un conflito da nada. Desmentindo aos antigos gregos e a súa fórmula de que nada se pode producir da nada, estes autores de guerras culturais constrúen unha escenografía invertida de imposicións do galego sobre os dereitos individuais das persoas. Lanzan unha desas chamadas guerras culturais para polarizar o debate político e agochar os outros furados do seu programa en materia socioeconómica. Contan coa caverna mediática para producir ese simulacro.
Desta maneira a realidade dunha lingua minorizada e que ten unha presenza menor na vida social e económica do país, dunha lingua que nalgúns eidos tan relevantes como o da información ou a xudicatura atópase na pura marxinalidade pasa a converterse nunha ogresa quen de paparse aos pequenos nas escolas e os seus pais nas rúas de cidades asediadas por hordas de falantes galegos.
Para inventaren mundos de fantasía xustificatorios non teñen problema, ao contrario, en dinamitar os consensos lingüísticos acadados na transición, consensos que malia os seus sobresaíntes incumprimentos axuntaban a todas as forzas políticas nunha vontade formal de normalizar e dar preferencia a nosa lingua propia. Dende a Lei de Normalización Lingüística até o Plan de Normalización votados polo PP, o segundo incluso tamén por Feijóo.
Cómpre afirmar alto e claro: non hai estrutura de imposición do galego en ningures. As imposicións, ás únicas, as estruturais son as que seguen a privilexiar de maneira fáctica ao castelán. O seu abafante predominio semella unha evidencia en calquera eido da vida social que consideremos.
En tempos de crise o PP mételle carbón á locomotora ideolóxica. Na procura dunha vitoria electoral, o PP axita coa reconquista de España, facendo da derrota dos nacionalismos o eixo da súa estratexia. Anúdanse españolismo e neoliberalismo. E de maneira particular, o PP lanza unha estratexia de guerra cultural sobre o galego coa intención de producir unha polarización do voto nas cidades, que son espazos particularmente refractarios ao galego (as cidades alleeiras que dixo Castelao). Tenta furar nas maiorías fráxiles e plurais no campo da esquerda para recuperar o poder local.
Supoño que pedirlle sentidiño ao PP, ou o que é parecido, pedirlle respecto pola pobo galego e a súa historia e cultura e vontade de se afirmar como suxeito colectivo é como berrar no deserto do frío cálculo egoísta, que son as terras por onde van os Atila de Feijóo. Resta alentar, traballar e articular un movemento social que reverta este ataque e a partires del constrúa un anovado e amplo acordo político, social e cultural para garantir a presenza normalizada do galego en todos os eidos da vida social. Varias son as iniciativas nese eido que están a se forxar e que se amosaron a potencia da súa razón nas rúas do país. Ese acordo quizabes teña que deixar fóra a un PP que xoga cada vez máis co lume da extrema dereita no noso país.

De onte a hoxe

por Carlos Callón, presidente da Mesa, no Galicia Hoxe:

tupor e indignación foi o que moitas persoas sentimos esta semana cando soubemos que Manuel Fraga Iribarne ía ser recoñecido co premio Ramón Otero Pedrayo. A distinción, lembrémolo, é pola (a indignación aumenta) defensa da nosa cultura.
A concesión do galardón non foi unánime, como se pretendeu vender propagandisticamente desde a Deputación de Pontevedra, xa que non contou co voto favorábel do representante nacionalista da provincia de Lugo. Todas as entidades con representación no xuri, en especial as universidades e a Real Academia Galega, deberían dar explicacións públicas deste acto de submisión política ao PP.
De todas elas, a que máis tristura e decepción provoca é a Academia, que a través do seu apoio a esta ignominiosa candidatura dá un paso atrás no camiño do prestixio que estaba a encarreirar nos últimos tempos. Eu aínda confío en que saiban emendar este grave erro.
O disparate é inmenso. Obsérvese que, por exemplo, os estudos da Academia Galega sinalan que a maior perda de falantes de toda a nosa milenaria historia se produciu durante os mandatos autonómicos de Manuel Fraga Iribarne. Como ese non parece moito mérito, argumentouse o recoñecemento pola contribución do ex ministro franquista á aprobación da Lei de normalización lingüística. Mais a realidade, testana, contradí de novo a propaganda.
Esta lei aprobouse por unanimidade no noso Parlamento, despois das propostas nacionalistas para que se desenvolvese aquí o Estatuto de Autonomía do mesmo xeito que se estaba a facer noutras latitudes con lingua propia diferente do español. Ademais, aínda que dea vergoña ter que advertilo, daquela aínda faltaban seis anos para que Manuel Fraga quixese conseguir a presidencia do Goberno galego; neses momentos, desempañaba o cargo Xerardo Fernández Albor.
Parece que o representante da RAG neste xuri matizou que o voto por Fraga Iribarne foi debido a que este presidente aprobou o Plan xeral de normalización da lingua galega. Isto é verdade, tan verdade como que Fraga apoia con entusiasmo agora mesmo, para todos os que queiran ouvilo, aos que, dentro do seu partido, mexan enriba da nosa lingua.
Vaiamos de novo á fonte limpa e recordemos que:
a) O Plan foi impulsado polas propostas nacionalistas no Parlamento, sobre as cales se pode achar información ben concreta no libro De fala a lingua: un proceso inacabado, de Pilar García Negro.
b) Que o Plan se aproba por unanimidade na cámara do Hórreo: é un éxito dos tres partidos políticos.
c) Que se realizou unha forte campaña social, en que participaron centos de entidades, para que se impulsase o Plan e este fose aberto, participativo e, sobre todo, que se elaborase para ser aplicado, non para durmir o sono dos xustos. Sen esta acción cidadá, hai moitos aspectos favorábeis ao galego que hoxe recolle este documento parlamentar que de ningún xeito figurarían.
d) No tempo transcorrido desde que se aprobou o Plan -setembro de 2004- até que Manuel Fraga Iribarne tivo que abandonar o poder -xullo de 2005-, nin unha soa medida foi aplicada. En dez meses nin unha medida! Nin a máis pequeniña e menos representativa dos varios centos que aí se incluían! Iso si que é merecedor dun galardón!

O insulto á memoria de Ramón Otero Pedrayo aínda se amplifica cando traemos á acordanza algunhas anécdotas biográficas que compartiron o autor d"Os camiños da vida e o presidente fundador do PP. Cito a ese respecto un ilustrativo extracto do artigo Don Ramón e Fraga, que esta semana pasada publicou Xosé Ramón Ermida Meilán no xornal electrónico Terra e Tempo dixital:
"Don Ramón, o de verdade, volve a compartir, ironías do destino, espazo con Fraga, reunidos de novo por un galego á española, esta vez Louzán de Ribadumia, hai 52 anos anos, Lobo Montero, o xeneral franquista parente do Caudillo. Era 1958, o Centro Galego de Madrid conmemoraba o matrimonio de Rosalía e Murguía, alí naquela toupeira de franquistas, o de Trasalba en galego falou de Rosalía nun discurso cargado de patriotismo, onde a cada frase se facía presente Castelao. O acto fechouno Manuel Fraga enfurecido coa intervención de Don Ramón, non atinando o Ministro de Franco a dicir máis que estas frases: "Ahora cada uno a lo suyo. Desde que en España manda nuestro invicto Caudillo, en Galicia ya no existen viudas de vivos ni muertos". A intervención deste comezou a ser pateada, primeiro por Bautista Álvarez, despois por outros membros de Brais Pinto presentes, tamén por Ben-Cho-Shey. Non quedaba outra que patear, que protestar, que confrontar. Aquelo non quedou en pataleta, seguiu e tomou forma na terra e no tempo".
Só nos queda un posíbel argumento para poder comprender a concesión do galardón a Fraga, que é aquel dito de "outros virán que bo me farán", por contraposición entre a política cultural e educativa dos seus mandatos e o desastre do que é principal expoñente o mal chamado decreto de plurilingüismo. No entanto, o certo é que calquera adianto que conseguiu a lingua galega entre 1990 e 2005 non foi grazas á presidencia autonómica do actual senador residente en Madrid, senón a pesar del.
Podemos sinalar que as tácticas de Fraga e de Núñez Feijóo para terminar co galego son diferentes, mais conducen ao mesmo obxectivo. Fraga Iribarne apostou máis pola suave decadencia, pola narcotización da vida cultural e a pax lingüística, onde poderían realizarse algunhas declaracións grandilocuentes en defensa do idioma do país sempre e cando iso non tivese consecuencia práctica ningunha. Sen todo o que aconteceu na década de 90 non sería explicábel a indefensión mediática e a desprotección xurídica coa que se encontra a nosa cultura, enorme en comparación co apuntalado neste tempo nos ámbitos catalanófono e euskaldún.
Núñez Feijóo, pola súa banda, chega á Xunta ao lombo dun PP que está á ofensiva en todo o Estado. Ademais, faino tras un goberno bipartito que si aplicou, timidamente, algunhas das medidas que os conservadores antes tamén secundaban, coa condición oculta de que nunca se executasen. Por iso, e tendo en conta os resultados estatísticos que herda de Fraga Iribarne, cunha caída en picado de falantes, o dos Peares non dubida en quitar a carauta e aplicar sen panos quentes a súa política contra o galego.
Con certeza, o mellor exemplo de todo isto encontrámolo nos modelos lingüísticos no ensino. En 1995, ante a reforma da Lei orgánica de educación no Estado, Manuel Fraga vese obrigado a responder ás demandas das comunidades educativas para que se garanta un mínimo dun terzo da docencia no idioma propio. É así como xorde o decreto dese ano, que desde a Xunta se encargan de que fique en papel mollado.
En 2004, nove anos despois de se aprobar, un estudo sinalaba que o 75 por cento dos colexios ministraban en castelán as aulas que deberían vehicularse en galego e que un de cada tres institutos tiñan en español libros de texto que, pola reducida lei de mínimos daquel entón, deberían estar en galego. As aparencias mudaron, si, e con elas tamén moitas percepcións sociais, mais non mudou o fondo da concreción dos feitos nin mudaron os obxectivos. Aínda que un día, máis tarde que cedo, lograremos terminar con esta inxustiza..

Trivial da ciencia en galego

A AS-PG súmase ás actividades do día da ciencia en galego cun Campionato de trivial que se desenvolverá on-line o vindeiro día 4 de novembro. O nivel de dificultade será de 1 (Fácil) e xogarase con 6 temas. Haberá tres temas obrigatorios (Ciencia, Astronomía e No Mundo) para todos os concursantes debendo elixir cada xogador ou xogadora os tres restantes. O tempo máximo para xogar o campionato será de 180 minutos.
Poderá participar calquera membro da comunidade educativa de Galiza (pais e nais, profesorado ou alumnado de calquera Centro educativo e de calquera nivel, desde o Ensino Infantil ao Secundario, tanto obrigatorio como postobrigatorio e universitario)

Para apuntarse e coñecer mellor as bases, basta con acudir ao caderno xeral da AS-PG

As candongas do quirombo

A experiencia vital en torno ao galego é o obxectivo primordial do proxecto que se está a levar adiante desde o (magnífico) blogue As candongas do quirombo.  Acabo de atopalo na arañeira da rede e non podo facer outra cousa que recomendalo.
Había algún tempo que tiña gardados varios vídeos que procedían da canle de You Tube do mesmo nome, mais creo que é moito máis interesante pegar un volta polos vieiros do seu blogue e recibir máis de vinte leccións de sociolingüística que se desprenden desde as testemuñas que hai nos seus vídeos.
Alén dos que xa comentei en posts anteriores, recomendo "Dúas caras dunha mesma moeda" , "Falando en galego non se era ser xente", "Non asumen que cobran porque temos un idioma", e para abrir o apetito, este minutiño de aquí abaixo:

domingo, 24 de outubro de 2010

Fala Londres

Se un mira os centros apuntados para celebrar a xornada da ciencia en galego na web da CGENDL, verá que alí figuran algún de Lalín, da Laracha, da Coruña, Arteixo, Cuntis... e un de Londres!, o IE Cañada Blanch.
Os que, coma min teñan o vicio de visitar habitualmente a páxina da SXPL xa coñecerán o instituto londinense pois frecuentemente viaxan a Galicia onde complementan o estudo da nosa lingua e de paso sacan unha foto co secretario xeral de política lingüística. Para sabermos cal é a realidade que se oculta detrás da foto non hai nada como acudir aos membros do Cañada Blanch. Desde principios de curso manteñen un blogue, o Fala Londres, que é para ver e, no caso que presento hoxe aquí, para oir. Quen fala é Ana.

Ana é natural de Espasante e xa leva tempo en Londres. Estuda 4º da ESO onde un cambio na normativa das opcionais lle impide continuar co galego e ten que facer en español a materia de "Trabajo monográfico". Como vimos dicindo, abride as orellas, debuxade un sorriso nos beizos e pensemos que aínda hai esperanza e moitas Anas polo mundo.

sábado, 23 de outubro de 2010

CTNL: "Os orzamentos para política lingüístca son ridículos e insultantes"

Da Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL):
O orzamento da Secretaría Xeral de Política Lingüística para 2011 redúcese máis do 40%, o que pode significar a paralización de proxectos de fomento da lingua, o peche de SNL, a redución de cursos e actividades e o despedimento de persoal investigador, traballadores/as de normalización, lectores/as, bolseiros/as, etc.
O orzamento da Secretaría Xeral de Política Lingüística para 2011 redúcese máis do 40%, sobre unhas cantidades que xa eran moi baixas e que xa sufriron en 2010 unha redución de máis do 20%
•O goberno de Núñez Feijóo dedicaralle á lingua en 2011 a metade do que lle dedicaba o goberno de Fraga aló pola década dos 90
•Estes orzamentos significarán a paralización de proxectos de investigación e fomento da lingua, o peche de servizos de normalización lingüística, a redución de cursos e actividades e o despedimento de moito persoal investigador, traballadores/as de normalización, lectores/as, bolseiros/as, etc.
Comunicado completo en .pdf (199 Kb)

Os orzamentos que a Xunta lle dedicará á Política Lingüística en 2011 sofren un máis ca drástico recorte, superior ao 40% con respecto ao 2010, e chega a unha cantidade de menos da metade da dos orzamentos de hai 10 anos, o que desde a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) se considera un auténtico insulto á política lingüística, ao proceso de normalización e a todas as persoas e sectores implicados.
Desde a CTNL, entidade que agrupa a gran maioría de traballadores/as de normalización da lingua, considérase que é nas contas públicas onde mellor se reflicten as prioridades políticas de quen as elabora, polo que este proxecto de orzamentos demostra, unha vez máis, que o goberno da Xunta só está disposto a dar pasos atrás no proceso de normalización da lingua galega, incumprindo así os acordos aos que se chegou por unanimidade no Parlamento galego (Lei de normalización lingüística e Plan xeral de normalización da lingua galega), nos que se especifica que a normalización lingüística ten que ser un proceso progresivo, e en ningún caso regresivo.
Hai 10 anos a Xunta dedicáballe ao fomento do galego preto de 20 millóns de euros. O goberno de Feijóo, a metade
O proxecto de orzamentos presentado polo goberno galego reflicte que, mentres as contas xerais baixan con respecto a 2010 arredor do 10%, as dedicadas á lingua fano de xeito realmente drástico, e baixan máis do 40% sobre unhas cantidades que eran xa moi baixas e que xa sufriron en 2010 unha redución de máis do 20% con respecto a 2009. Así, en 2011 dedicaránselle á lingua máis de 6 millóns de euros menos que en 2010 e preto de 11 millóns de euros menos que, por exemplo, nos últimos orzamentos aprobados por Fraga en 2005.
Fortes recortes en todos os ámbitos: administración local, asociacións, ensino, difusión exterior, formación en lingua...
Todas as accións da Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) sofren un importantísimo recorte. Así redúcense drasticamente as partidas para accións de promoción da lingua desde asociacións sen ánimo de lucro (-45%) ou desde a administración local (-34%), para cursos e actividades de formación (-38%), para centros de estudos galegos no exterior (-42%), para estudos e traballos de investigación (-46%), para proxectos de fomento no ensino (-25%), etc.
Deste xeito, estes orzamentos significarán o peche de servizos de normalización lingüística, de lectorados, de proxectos de investigación e fomento da lingua, a redución de cursos e actividades e o despedimento de moito persoal investigador e de traballadores/as da lingua.

As contas confirman que a Rede de Dinamización Lingüística nace morta
Os orzamentos non lle dedican nin un só euro á Rede de Dinamización Lingüística, ese organismo do que a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) publicou a orde de creación no mes de setembro e que supostamente quere impulsar e coordinar as accións normalizadoras desde os concellos. E, o que é aínda máis grave e máis significativo, as contas, ademais de non destinar nin un só euro a esa Rede, reducen de xeito drástico a partida económica para o fomento do galego desde os concellos que, con esta nova redución sumada á do ano anterior, xa deixa esa partida en menos da metade ca no ano 2009. Se en 2009 se lle dedicou a insuficiente cantidade de 801.708 €, en 2011 dedicaránselle 397.710 €.
Así, desde a CTNL, ademais de cualificar esa Rede como unha auténtica “chapuza” desde o punto de vista da planificación lingüística, preguntámoslle á SXPL “como pretenden crear unha Rede cos concellos sen dedicarlle un só euro e, ademais, obrigando a pechar –vía redución orzamentaria– servizos de normalización lingüística da administración local?”.
Perda de peso da política lingüística e incoherencias do secretario xeral
Desde a CTNL lembrámoslle ao secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, as recomendacións que incluía a Análise da acción de política lingüística da anterior lexislatura [.pdf] asinada, entre outras persoas, tamén por el, e presentada en febreiro de 2009 nos XI Encontros para a normalización lingüística do Consello da Cultura Galega. Entre esas recomendacións, dunhas delas dicían, textualmente:
•“A Xunta de Galicia ten que destinar máis recursos para a política lingüística. Consideramos que para a vindeira lexislatura se debería chegar a un mínimo do 0,3% do orzamento total da Xunta” (cando os de 2011 supoñen tan só o 0,09%, menos dun terzo do que Anxo Lorenzo recomendaba o ano pasado)
•“O Consorcio para a Planificación Lingüística faise cada vez máis necesario. Na vindeira lexislatura é imprescindíbel a súa constitución, con obxectivos normalizadores claros, con suficiente dotación orzamentaria, con suficientes recursos humanos multidisciplinares e cunha rede de centros territoriais distribuídos por todas as comarcas” (e non só non se crea un consorcio, senón que para a Rede de Dinamización Lingüística non se contempla nin dotación orzamentaria, nin recursos humanos, nin centros territoriais)
Por todos estes motivos, desde a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) pedimos unha rectificación por parte do goberno para que este proxecto de orzamentos sexa modificado no seu trámite parlamentario.

Tópicos e tópicos...

por Pilar García Negro, en Terra e Tempo:

Hai tópicos circulantes sobre o noso país que son verdadeiros e comprobábeis. Dicer que na Galiza chove moito (afortunadamente) é un tópico verdadeiro que esperemos que non mude o cambio climático, caso de este existir. Grazas á pluviosidade de que desfrutamos, o país é como é. O tópico, porén, de queixármonos por sistema do mal tempo galego e, aínda, mimeticamente, a respeito dunha media española pouco cultivada, opinarmos que nunca vai bon tempo, é abertamente falso e ignorante. Moito ten a ver, claro está, cun défice de coñecemento grande que temos as galegas e os galegos da nosa propria terra, variada "de máis" para o pensamento cómodo, rápido e simplista que está de moda na actualidade.
Mais, sobre os tópicos vulgares -certos ou non- que todos podemos repetir, hainos máis sofisticados e difíceis de desmontar, porque contan coa megafonía dos meios de comunicación ou de certos mediadores político-culturais que teñen interese en reiteralos, porque serven a un fin utilitario e, sintomaticamente, na mesma dirección, como veremos. Comecemos por algúns de natureza literaria. É un despropósisto completo utilizar a "negra sombra", de xenial estirpe rosaliana, para definir o mal fado, a fatalidade dun feito ou unha catástrofe como a do Prestige. Relacionar a negra sombra do extraordinario poema de Rosalía que convidamos a reler e a cantar con, por exemplo, o chapapote é tan basto como confundir as cornetas militares cunha sinfonía de Andrés Gaos. Utilizar os versos de Luís Pimentel referidos á nosa escritora ("Non convén chorar máis. / Ela chorou por todos e pra sempre") para reincidir no suposto carácter lacrimóxeno da poesía rosaliana supón ofendela a ela, mais tamén ao poeta lugués, que comeza o poema que lle dedica cunha sentenza da altura lírica inimitábel que a escritora acadara.
En materia económico-financeira, segue campando -e arreciará, neste tempo de debate orzamentario, tanto no Congreso dos Deputados como no Parlamento Galego- o tópico interesado de nos definir como un país que só sobrevive grazas á subvención e á graciosa axuda que España e Europa nos dispensan, polo que debemos ser servos rendidos que agradecen aos amos a súa infinita xenerosidade. De pouco valen as cifras reais, a proba contundente de que a Galiza podería organizar perfeitamente a súa Facenda, de que é máis o que entregamos que o que o Estado nos devolve.
O tópico de considerar as formas lingüísticas galegas só símbolos identitarios e non declaracións indisimulábeis de nacionalidade admitida, querida e exhibida continúa tamén a confundir ou a disimular a personalidade de moitos. Galeguizar o nome e mais corrixir os apelidos (neles, ollo, non se trata de "galeguizar" nada, senón de os devolver á súa forma xenuína, despoxándoos da castelanización deformante imposta) é, con efeito, delator: identifícanos como galegos e só como galegos; significa a renuncia expresa a calquer pacto de hibridismo ou de compromiso entre a lingua do Estado e o estado da Lingua. Permítaseme recordar aquí e agora unha anécdota parlamentar, dos meus tempos de deputada. Nunha iniciativa en que debía mencionar o daquela director da Escola Galega de Administración Pública, tiven a ocorrencia de grafar ben os seus apelidos: Vello Xaneiro (non "Bello Janeiro"), isto é, de devolvelos ás súas formas orixinais. O escándalo foi maiúsculo e a iniciativa, con esta grafía, non foi admitida. ¿Qué poderosas razóns obran para que asuste tanto verse reflectido desta forma? Unha fundamental: "Vello", "Xaneiro"... ou tantos máis son elocuentemente galegos, non pertencen a nengunha zona de "sombra" ambigua ou disimulada. Non son máis galegos, por suposto, que Varela, Ponte, Pazos, Fernández ou Carballo, mais son máis claros e inequívocos. Seica admitilo significaría algo tan grave como recoñecer que somos galegos. Nen máis nen menos.
Un compatriota que leva moitos anos de profisión fóra da Galiza, mais que segue sendo firme galego exercente, contoume, por ser moi afeizoado e mesmo périto en etimoloxías, o intrigado que estaba por un compañeiro seu de claustro, en terras de Marrocos, apelidarse "Candil". Non había tal. Na orixe, neto de galego, o seu apelido verdadeiro sería Candal, modificado polo seu avó para negar ou disimular a súa condición de galego.
Non hai tanto tempo, cando o sr. Ameixeiras era o delegado do goberno español na Galiza, coincidín con el nunha mesa redonda nun centro de ensino. No coloquio, suxerínlle que sería magnífico, por exemplar, que procedese a corrixir o seu apelido, que sempre figuraba como "Ameijeiras". Xa terminado o acto, espúxome a dúbida de se o seu apelido sería realmente galego (o nome da árbore), como eu afirmaba, ou podía proceder doutra orixe. Limiteime a sorrir. Houbo alguén apelidado "Lajas", isto é, Laxas, que pretendía derivar o seu apelido do húngaro. Os abundantes apelidos amalgamados sen necesidade, isto é, os Da Costa, Do Rego, Do Campo, Da Silva, Do Barro, Da Pena... e tantos outros, que, por imposición da escrita española non figuran escritos tal e como os acabo de transcreber senón unidos, ocultando así o verdadeiro lexema, son outro exemplo. Que ben farían, coido, os meus colegas do ensino obrigatorio e do bacharelato se dedicasen algo do seu tempo de aulas a comezar a casa polos alicerces e a explicar a orixe dos apelidos que portamos, a súa necesaria corrección, os nomes do nomenclátor urbano en contraste cos nomes dos lugares da aldea, vila ou cidade onde moramos... Unha auténtica canteira didáctica, desde logo, interdisciplinar, como mandan os cánones, porque pode valer para historia, xeografía, literatura e, por suposto, para a mesma lingua.
Conclúo falando do tópico pior, cal é o uso idem, o uso tópico, como o dalgúns medicamentos, en que se pretende encerrar o noso idioma. Ela, a lingua galega, non é un medicamento, submetido a posoloxía estrita, para curar unha doenza. É a expresión do que somos e do que queremos ser, libremente e dignamente, na intelixencia de que, só admitíndonos nós como somos, seremos quen de que os demais nos valoren. Non outra cousa fixeron patriotas, escritoras-es, artistas, traballadoras-es de todo tipo que se orgullaron de seren galegos e puxérono en obra.

Ben (falado)

Ben é de Manchester e estuda galego dende hai tres anos no Centro de Estudos Galegos de Oxford. Para que lle é útil a nosa lingua? Saberémolo ao final do vídeo.

venres, 22 de outubro de 2010

A memoria da lingua

Andrea Núñez, Xandra Santos, Lara Rozados, Laura Fernández e Raquel Rei forman As candongas do quirombo, un grupo que recolleu varias testemuñas para a elaboración do documental "A memoria da lingua". Sen sabelo eu xa deixei por aquí varios anacos deste documental ("Presos por cantar en galego", "O decreto de bilingüismo, 30 anos despois","A imposición do galego" e  onte mesmo: "Sechu Sende: se cambias de língua cambias de vida"), e nos vindeiros días seguirei divulgando as súas excelentes entrevistas desde esta xanela. Aquí vai un adianto:


A memoria da lingua (trailer) from as candongas do quirombo on Vimeo.

A R. A. da política

por Iván Méndez Lórpez, técnico de normalización lingüística, no Xornal:

A Real Academia Española acaba de facer público o seu malestar por que Bizcaia se chame Bizcaia, Guipuzkoa pase a ser Guipuzkoa e Araba, non o podo crer, Araba. Manda truco. No comunicado non escatimaron en argumentos incontestábeis: “absurdo”, “estupidez”, “lamentábel”, “vergoña”, “vapuleado da lingua común”, argumentos todos eles máis científicos e irrefutábeis que a lei gravitacional.
A lingua non é cuestión de asuntos políticos, afirman os gardiáns académicos patrios. De acordo, mais é a política cuestión de lingüistas e académicos? “Dende a transición o único que se ten feito é ceder ás imposicións dos nacionalistas e dos seus soños secesionistas”. García de Cortázar abriu a boca para non deixar dúbidas de que o conto non vai con eles. Botou a lingua, non a súa senón a común, a pacer e gustoso quedaría.
A toponimia orixinal é cuestión de secesionistas e de nacionalistas. Que nalgures houbese unha ponte vella, posibelmente romana, e que alguén tivese a idea de lle chamar á vila fundada arredor Pontus Veteris, da que saíu a actual Pontevedra, resulta que ese alguén foi un secesionista ou, o que é peor, un nacionalista por non empregar a lingua común. Chamala polo seu nome, Pontevedra, resulta que é un agravio á lingua común, esa pobre lingua vilipendiada constantemente polas linguas “rexionais”.
A perspectiva da RAE é ben xeitosa: os que fan política son os máis. Eles, en cambio, son neutros, como o ph de algúns lavalouzas; por iso o de limpa, brilla e dá esplendor. O argumento é ben sabido: nós estamos co sentido común, como se o sentido común fose palpábel. E recollen un argumento que choca coa propia academia: a xente seguirá empregando as formas en castelán. Do mesmo xeito que a xente di cansao, crocretas, moretones, altopistas e non por iso a RAE as sanciona como correctas, válidas e ponderábeis.
Disque a lingua non é cousa de política. Os topónimos son nosos, por certo, e de Catalunya e de Euskadi. Cómpre lembrarmos isto, e cómpre lembrarmos que a forma española dos topónimos non pode ser oficial por unha única cousa: non é o nome orixinal, só unha simple tradución, como Londres, como Xenebra, como Castela. Sería un delirio propio dun país esquizofrénico que o nome dun lugar non tivese como oficial o seu nome orixinal. Ou Galiza, Euskadi e Catalunya non forman parte de España?

O noso medio natural é o galego

A CGENDL e a Universidade de Vigo, ofrecen esta campaña ecolingüística baixo o lema: "o noso medio natural é o galego"

xoves, 21 de outubro de 2010

Sechu Sende: "Se cambias de lingua, cambias de vida"

Sechu Sende, profesor, escritor, e sobre todo, falante de galego.

De premios e países

por Craig Patterson, en Galicia Hoxe:


Ramón Otero Pedrayo era gran literario, fermosa mente galega e historiador de ideas. Un pseudofidalgo do máis ético e cortés. Un liberal de estilo antigo, era un dos fundadores daquel partido que representou os intereses autonómicos, culturais e lingüísticos da Galiza antes do 36. Un sobrevivente da catástrofe bélica que polo puro feito de quedar vivo lles transmitiu os valores éticos do galeguismo ás seguintes xeracións, e a que nunca lle cumpriu o cofeo co franquismo. Un católico fiel que se mantivo afastado do ultramontañismo. Relixionario sen ser santo, os que peregrinan a Trasalba con frecuencia ben saben das anécdotas de Otero e das criadas da casa, entre outras.
Manuel Fraga é... Manuel Fraga. Quen foi ministro cómplice na mesma ditadura que acabou cos dereitos democráticos dos galegos. Quen empregou o ex líder dun escuadrón asasino arxentino como gardacostas á fin da ditadura. Quen admira e segue admirando o Xeneralísimo. Quen se enfada coa xente que non se dirixe a el como don Manuel. Quen tiña e ten a mesma arrogancia cando non mala hostia de galego coma Cela. Quen presumía de ser dono da calle. Quen aproveitou todos os seus pasos non para servir España, nin a Galiza, senón a si mesmo e o seu afán ao poder. Quen educou politicamente a Aznar (o amiguete de Bush, fillo) e o presidente actual da Galiza, o señor Feijóo. Quen tardou tanto en preocuparse cando o Prestige estragaba a vida laboral de tantos galegos e mais o medio natural. Quen era capaz de manter boa amizade con Fidel Castro, situado no outro extremo político, pero non de elevar o seu país por riba do seu secular atraso económico. Quen foi elixido democracticamente por unha maioría de galegos durante dezaseis anos.
Cara ao remate da súa vida, Otero Pedrayo pedía en público que a Galiza que lle sobreviviría se puxese á vangarda dos dereitos humanos. Ese home tan tradicional era capaz, xusto no seu solpor, de recoñecer que a súa Galiza imaxinada nunca ía chegar a ser realidade, e que outro país ía xurdir. E deulle a súa beizón. Fraga non é capaz de semellante acto de modesta humanidade. Outorgarlle o premio Otero Pedrayo a Fraga perpetúa a anormalidade da realidade galega, e representa un erro que marca todo o que ten o país de disfuncional

Eu tamén vou dar un premio

Hoxe levanteime con moitos folgos. Pero non foi ata hai un pouco, agora á noite, cando teño algo de tempo, que me puxen a remexer pola arañeira da rede con idea de buscar algún recurso máis para a celebración do día da ciencia impulsado pola CGENDL. Andaba cismando nunha exposición que houbera hai un par de anos, coincidindo coa celebración do 50 aniversario da facultade de matemáticas.Non tardei moito en atopar os vídeos de máis abaixo, excelentes. Por iso calquera valorará como normal que a  Xunta de Galicia lle concedra un dos premios á innovación educativa, na súa convocatoria do 2008, a esta serie de vídeos coordinados por Mª Xesús Costas como material para as aulas de matemáticas no IES Otero Pedrayo de Ourense.
O material está moi ben elaborado. Feito en galego, gorentaríalle aos sentidos do mesmiño Otero Pedrayo, así como desfrutou no seu día do mapa de Fontán porque nel se aplicaba a ciencia ao levantamento do rostro de Galicia. Neste documental demóstrase que podemos contar a historia universal desde Galicia e á nosa maneira, é un impulso á nosa cultura, non un pau nas súas rodas. Cómpre botarlle un ollo á memoria da actividade á que se pode acceder desde esta ligazón. Desde esta proposta didáctica resoan outra vez os ecos das voces de Otero polo instituto ourensán. Polas razóns anteriores eu daríalle o premio Otero Pedrayo.




mércores, 20 de outubro de 2010

‘Galician language’

por Carme Adán, deputada do BNG, no Xornal:

Nun país atlántico, do cal o nome poucos lembran, sucedeu hai ben pouco a maior transformación económica que a historia poida escribir. Cando o seu mediático presidente tiña un incremento do paro por riba dos seus veciños peninsulares, o leite o regalaban nas explotacións gandeiras, as centrais térmicas a piques de pechar polo decreto do carbón, astaleiros senlleiros con carga de traballo sen poder conseguir os avais para mantelos, as empresas referencia no téxtil con graves problemas e un sen fin de pequenos comercios pechando en cidades e vilas, decatouse da solución.
Logo dunha apresurada meditación de plató de televisión, o presidente comprendeu que a raíz do problema residía na resistencia da lingua local a desaparecer. Todos os sectores produtivos mudarían de súpeto con só falar inglés. Ben sabía o presidente que nos países anglosaxóns non existía crise e o seu modélico sistema de vida debíase á mellora cerebral que a fonética producía.
Con axilidade inusual decretou eliminar pouco a pouco a lingua local sen que se notara demasiado. “Múdese o sistema educativo para que só se fale inglés” decretou ao pouco. Comentáronlle que non era posíbel, xa que, se reduciran o número de profesores/as, o número de alumnado nas aulas incrementárase e as escolas de idiomas estaban sufrindo un grave ataque institucional en nome da austeridade selectiva.
“O mesmo ten”. Fágase unha boa campaña de marketing e logo a visita do Papa xa proverá. Contan que logo aqueles habitantes perderon a capacidade da fala e pouco despois, sen oikos que coidar, deixaron de existir.
Lectoras e lectores de Xornal de Galicia permítanme esta fabulación de preámbulo nun momento no que asistimos á construción dun ideoloxema que desde moitos espazos se repite e agranda. Os responsábeis de educación, co presidente a cabeza, queren asentar a idea de que temos que elixir entre a lingua inglesa ou a galega. E non deixa de sorprender que a venda desta proposta teña tantos ansiosos compradores. Eu acredito na importancia dun bo dominio das linguas estranxeiras, mais sen o coste de renunciar á propia e non só para o alumnado elixido.
Unha competencia axeitada nas linguas estranxeiras é efectivamente unha inversión de futuro, o mesmo que unha boa competencia en matemáticas, historia ou ciencias naturais. O que está en xogo no sistema educativo actual é ser quen de formar uns cidadáns que rodeados dunha cantidade inxente de información teñen dificultades serias para seleccionala ou entendela, uns cidadáns que saturados pola dialéctica dos valores son incapaces de exercer ningún. Desviar a atención cara etiquetas como centros plurilingües ou Abalar só serve para agochar os problemas dos comedores escolares, o transporte escolar ou a perda de moitos contidos importantes nos centros de ensino.
Lamentábel espectáculo dá o goberno deste país cando emprega fotos a toda cor con bolseiros/as para gabarse da mellora na aprendizaxe de inglés e elimina os desdobres nas aulas de idiomas nas escolas e institutos públicos. Iso si, no seu esforzo de parodia constátese ben que se encargou de enviarlle unha carta a cada un destes bolseiros, que farán funcións de auxiliares de conversa, para explicarlle que o contido do programa “versa sobre la enseñanza de la lengua inglesa a hablantes de español como lengua materna”. Para saber algo sobre esta terra, na que convivirán co alumnado durante nove meses, remíteos á Wikipedia. Ao introducir o termo Galiza, na pantalla só aparece: “pechado por derrubo”.

Camiñando pola lingua

A principios de mes a plataforma Queremos Galego invitábanos a todos a facer un camiño pola lingua en catro etapas nos domingos de outubro. Nesta fin de semana tócalle o turno á etapa correspondente ás terras nas que vivo e traballo, así que non podía deixar de poñer por aquí o anuncio desta xornada. Grazas ao Concello da Estrada e á coordinadora local de Queremos Galego, termos autobús gratuito. A animarse, que 25 quilómetros non son nada.

















Para anotarse: 986 570030 ou na dirección de correo: aestrada@queremosgalego.org