Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 16 de outubro de 2010

A lección de Dona Pepita, a mestra de Friol

A mensaxe con máis entradas deste blogue é "o bilingüismo ou a imposición do español" no que está o documental recuperado por  Terras de Friol no que se relata unha xornada dos escolares dese concello a finais dos anos 70. Estrañaríame moito que alguén que estivese lendo estas liñas non teña visto xa o documental ao que fago referencia, pero no caso de que así fose, pediríalle, antes de continuar a lectura que o mirase, e que se fixara especialmente na mestra que aparece no minuto 2:30. Trátase de Dona Pepita, que quixo apararecer no vídeo ensinándolles aos nenos a aldea e o concello no que viven, para que cando se viran na televisión se sentiran orgullosos deles e da súa terra.
O documental deixanos un pouso de tristura, de desesperanza, en definitiva, de desconfianza en nós mesmos porque é, en boa medida, un retrato do auto-odio. Realmente é isto todo o que hai de nós, dos galegos? Que foi deses rapaces que aparecen no vídeo? A resposta está nun dos comentarios ao documental que podemos atopar no blogue de Terras de Friol:
Son unha rapaza de Friol. Que estaba no colexio nese tempo. Desa xente que andamos nos corenta.
O vídeo é excepcional. De acordo que a vida de todos e todas nós non era coma da nena e os seus irmáns. Pero si moi similar a todo o que dixeron o resto dos nenos e nenas que alí falan. Non todo era tristura. A pesar das dificultades, eramos e somos persoas felices.
Vivíamos no rural con moitas carencias, pero tamén con moitas cousas positivas.
Houbo algúns mestres e mestras nese cole que fixeron moito por nós. Especialmente que nos axudaron a crer en nós, a non ter que baixar a cabeza, a respectar e amar intensamente as nosas orixes, a nosa cultura e en especial a nosa lingua. Deso sabe moito Dona Pepita. A mestra que pregunta ao seu alumnado onde vive, a que se adica... As súas clases, xa dende moito antes do 79 xa eran en galego. Hai outros docentes dese tempo que o fixeron, pero ela destacou especialmente. Gracias Pepita.
Ao contrario do que lle pasa ao noso presidente da Xunta, algúns deses nenos e nenas do colexio público de Friol, andamos polo mundo adiante sen complexos, tendo como resorte fundamental de comunicación a nosa lingua nai. Pero tamén falamos castelán e falamos inglés... E para nós a nosa lingua materna sigue sendo o galego.
Outras mulleres e homes defenden a súa vida continuando no concello. Viven aquí e comunícanse en galego pero ningún "foráneo" que non entenda o galego se vai de aquí sen que se lle expliquen as cousas como precisa.
Os nenos e as nenas desa xeración somos os adultos de hoxe. Algúns de nós, vivindo xa lonxe de Friol, vivindo polo resto do país galego, seguimos falando na lingua que nos criou e sentíndonos orgullosos das nosas orixes... que nos acompañan percorrendo outros mundos

Está claro que Dona Pepita foi unha magnífica mestra pois a través dos seus alumnos, aínda hoxe continúa a impartirnos as súas leccións. O menos que debemos facer todos, aínda que non a coñecéramos de primeira man, é dalle as grazas por ser o xérmolo do orgullo do propio nun tempo e nunha terra no que as circunstancias non lle eran propicias para ese labor. De certo que ela non sabía naquel momento que despois de 30 anos estaría a ensinarnos o camiño a seguir pois, por exemplo, a min hoxe aclaroume que se eu, como profesor aspiro a algo, é a ser como Dona Pepita.

Sem comentários:

Enviar um comentário