por Bieito Lobeira, parlamentario do BNG, no Xornal:
Tivemos noticia recente da decisión política adoptada polo Goberno do Partido Popular de retirar a infame campaña de propaganda prevista para poder explicar as pintorescas razóns que levan á Consellaría de Educación a considerar o galego como idioma non apto para o ensino de matemáticas, física, química, informática ou tecnoloxía, a declarar proscritos e prohibidos os libros en galego nesas materias, ou a impedir en moitos centros de ensino infantil calquera mínimo contacto co noso idioma.
A ecléctica concepción que da austeridade posúe este Goberno levárao, no seu día, a contratar unha campaña de publicidade (por suposto bilingüe español-galego) por valor de case un millón de euros xustamente para inocular na sociedade os “novos valores” (sic) da normativa lingüística agora vixente, gravemente atentatoria contra a nosa lingua e cultura nacionais, vulneradora da legalidade e dos compromisos internacionais formalmente subscritos neste ámbito, e –o máis grave– reproducindo os piores esquemas do autoodio, do autodesprezo, da anulación do propio e a fascinación polo alleo da que fai gala tan ridícula como desacomplexadamente este Goberno que padecemos.
Estamos a vivir unha situación de crise económica profunda, que leva a amplas capas do pobo galego ao desemprego, á sobreexplotación, á pobreza, á miseria, e á degradación dos servizos públicos esenciais. Que neste contexto o Goberno do PP pretenda gastar un millón de euros nunha campaña de propaganda impresentábel, para xustificar o inxustificábel, é un grotesco acto de obscenidade política, intolerábel política e eticamente. En consecuencia, o BNG transladou ao Parlamento de Galiza, en varias ocasións, a esixencia de retirada desta campaña indecente. Co resultado, a curto prazo, negativo. Cun PP votando en contra, e argumentando o seu “dereito” a “informar” sobre a nova situación de “liberdade lingüística”, iso si, a cargo do erario público. De todas e todos nós.
Mais mudaron de posición. E non por gosto propio. É evidente que o Goberno do PP chegou xa á convición de que a posta en marcha desta campaña seríalle contraproducente do punto de vista político. Non por unha asunción sincera da situación surrealista que eles mesmos provocaron, ou pola intención de aforro económico. Iso dálles exactamente igual: Ollemos a millonaria pompa fastuosa organizada con motivo da visita do Papa. Non é iso. Ao que en realidade lle ten medo o Partido Popular, do que si é consciente, é do poderoso movemento social construido en defensa da lingua galega e das simpatías que produce, blindado á súa propaganda e disposto a se mobilizar na defensa do que é seu, do que é noso, do que nos fai ser o que somos, do idioma propio de Galiza. Esta é unha vitoria do movemento popular de contestación, por certo, con inestimábel axuda do nacionalismo galego, á política etnocida do PP. Seguirmos avante neste camiño é a mellor estratexia para derrotar por completo o obxectivo de eliminación do galego que o PP se marcou. Non se enteran, mais nesta nación Queremos Galego
Ningún comentario:
Publicar un comentario