O venres 15 preséntase na Estrada o libro “Estudos xurídicos sobre o decreto para o plurilingüismo”
Dous dos autores demostrarán a ilegalidade do decreto por contravir o ordenamento xurídico vixente.
O acto, organizado pola plataforma cidadá Queremos Galego! desenvolverase este venres día 15 na sala de exposicións de Caixanova da Estrada, a partir das 19:30 horas. Participarán Alba Nogueira, profesora de dereito administrativo na USC e Héctor López Castro, avogado laboralista, membro do gabinete xurídico da CIG, dous dos autores do libro editado por Laiovento, “Estudos xurídicos sobre o decreto para o plurilingüismo”.
Na presentación explicarán que o nomeado decreto atenta contra leis de rango superior, incluídas a Constitución, o Estatuto de Autonomía, a LOE (Lei Orgánica de Educación), a CELRM (Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias), a LNL (Lei de Normalización Lingüística), así como a xurisprudencia emanada do Tribunal Constitucional e do TSXG (Tribunal Superior de Xustiza de Galicia). Alén disto establecerase como o decreto atenta contra o consenso social a respecto da normalización lingüística. En concreto as disposicións do decreto de plurilingüismo van na dirección contraria á establecida no marco de acordo que sobre política lingüística chegaron os partidos con representación parlamentaria cando estableceron o PXNL (Plan Xeral de Normalización Lingüística), razón ésta pola que todos os organismos institucionais do ámbito do ensino e da cultura se pronunciaron claramente en contra do decreto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario