por Caetano Díaz, director do Galicia Hoxe, outra achega máis sobre o disparate da muda do topónimo da Coruña, no Galicia Hoxe:
Señor presidente da Xunta, leo que vostede apoia as aspiracións de don Carlos Negreira de aprobar o uso deturpado do topónimo da Coruña. Leo que lle abre vostede a porta á modificación da Lei de Normalización Lingüística, un dos poucos monumentos de consenso erguidos no noso Parlamento. Leo o seu argumento: “Se a maioría o pide, A Coruña será bilingüe”. E boto as mans á cabeza, dígollo con todo o respecto, cun arrepío que creo compartir con ducias de milleiros de galegos. Convertido nun Atila ultraliberal, cabalga vostede, don Alberto, sobre o cabalo do idioma que aínda falan os labregos dos Peares e os mariñeiros de Corrubedo, tamén os universitarios da USC, e por onde vostede pisa non volve crecer a herba da harmonía lingüística. Quere vostede, señor Feijóo, unha Galicia plurilingüe. Eu aplaudo ese soño, pero algo falla gravemente cando o plurilingüismo implica castigos continuos ao idioma matrio do noso país, que é utilizado como caladoiro de pesca de votos e que é aldraxado pola máis alta institución política de Galicia. O argumento trampón do que pide a maioría –levado ao absurdo, se a maioría o pide, vostede tería que deixar a Presidencia da Xunta, porque houbo máis galegos que votaron bipartito– agocha un inaceptable desprezo dos sinais de identidade do noso pobo. Unha deserción que doe. Non sei o que pide a maioría. Sei o que eu reclamo: uns gobernantes á altura do seu país. Despídome lembrándolle a grande achega do ex presidente Albor á ciencia política: sentidiño, señor Feijóo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario