Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 18 de outubro de 2010

“O Goberno non para os ataques contra nós e parte del apoia a quen nolos fai”

Entrevista a Nel Vidal, presidente da CTNL, no Xornal:
Nel Vidal preside a Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL), un colectivo que agrupa preto de 250 asociados que procuran, nas administracións ou no ensino, facer normal o uso dunha lingua en desvantaxe. O pasado mércores emitiron un duro comunicado contra a Xunta no que pedían “respecto” ao seu labor.
Por que decidiron facer este comunicado crítico coa Xunta?
O comunicado non responde a ningún feito concreto, senón a unha situación que vimos sufrindo e contemplando nos últimos dous anos. Temos máis dificultades para traballar, para sacar proxectos adiante, ademais de sufrir ataques directos ao noso labor. Desde logo, influíron os ataques directos, con nomes e apelidos, que sufriron algúns técnicos de normalización nas últimas semanas, casos moi graves que non son, no entanto, os que nos levaron a emitir este comunicado. Hai unha situación de tensión social desde hai tempo.
Refírese, evidentemente, aos ataques de Galicia Bilingüe. Sentíronse pouco apoiados pola Xunta de Galicia?
Non é que a contestación da Xunta fora frouxa ou non existira, senón que boa parte do Goberno apoia esa asociación e manifestouse conxuntamente con ela por Compostela, como por exemplo o conselleiro da Presidencia. Non é que non paren esa asociación, senón que está directamente apoiada por parte do Goberno e do PP.
Cre que certos ataques e actitudes están a ser lexitimadas pola nova política lingüística do Goberno?
Totalmente. Desde a Xunta impulsáronse por primeira vez medidas de retroceso na normalización, como a supresión da proba de galego na Función Pública ou a prohibición de materias en galego. Estas son actuacións concretas, pero son moito máis graves todos os prexuízos que se están a lanzar.
Como cales?
O Goberno chegou a dicir que o galego era unha traba para entrar na Administración, é dicir, que o galego non era útil para os galegos e que había que apartalo. E lembremos as famosas frases de “hai que quitar a ideoloxía do ensino” en referencia ao idioma propio de Galicia.
Fan vostedes un labor a prol dunha lingua que a Xunta non apoia?
O Goberno ten a obriga legal de protexer e impulsar a lingua e nós, como técnicos de normalización, non lle impuxemos esa obriga á Administración nin lle marcamos os obxectivos. Nós somos traballadores públicos que temos a obriga de planificar, xestionar, executar e avaliar accións a prol da lingua para chegar a uns obxectivos fixados en leis e plans aos que se chegou por un consenso político. A nós, todo nos vén dado desde o nivel político e agora o PP racha cos consensos unilateralmente, pero que o faga o PP ou a Xunta non pode derivar en que nós deixemos de cumprir a lei ou de intentar chegar aos obxectivos. É como se un técnico de Igualdade non traballase a prol da igualdade de xénero porque o presidente do Goberno é machista ou porque hai colectivos extremistas a prol do machismo. Nós temos que seguir traballando.
Vese o futuro laboral dos técnicos de normalización máis negro con este Goberno na Xunta?
O noso obxectivo é desaparecer, que non fagamos falta. Nós traballamos para que neste país non fagan falta técnicos de normalización, pero desde o Goberno trabállase para que cada día fagamos máis falta. Quérennos apartar, pero están conseguindo que cada vez fagamos máis falta.
Hai quen os acusa de que o seu traballo non ten moita utilidade...
O noso traballo, claro está, non ten uns resultados palpables ou visibles e pode que haxa xente que non nos crea necesarios, pero iso pasa coa maioría de áreas da Administración. Pasa coas áreas de Patrimonio, de Igualdade, de Medio Ambiente, de Cultura... O traballo de normalización lingüística é un labor máis na igualdade e na xustiza social, polo que é fundamental. Hai persoas que se senten discriminadas nun hospital ou nunha notaría porque non lle entenden o galego ou son tratadas de xeito diferente. Nós, entre moitas outras cousas, traballamos para evitar estas situacións de desigualdade.
Que opinión lle merece a nova Rede de Dinamización Lingüística?
Temos que analizala máis polo miúdo, pero hai cousas que deberían ser corrixidas. Estar na Rede non significa nada e tampouco se lles esixe nada aos concellos que entran, nin un mínimo compromiso. Poñendo outro exemplo, é como se un concello que entra nunha asociación pola accesibilidade non ten adaptada a súa sede para os minusválidos. O mínimo é dar exemplo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario