por Yolanda Díaz, no Xornal:
agora imos aprenderlles aos nenos e nenas a canción da saia de Carolina en castelán. As cousas van tan costa abaixo con Feijóo no que atinxe ao galego que chegamos á fase do ridículo. Voadura dos consensos, imposición e agora ridículo. Porén a polémica encol da saia de Carolina non deixa de revelar a dureza e os extremos da ofensiva revisionista que o Partido Popular está a acometer no eido das políticas de normalización lingüística. Supoño que haberá alguén que matine contratar unha asistencia técnica para traducir o texto de Pondal que recolle o Estatuto e que algúns conselleiros descoñecen e/ou desprezan.
A sistematicidade do ataque a nosa lingua ao longo do que vai de lexislatura delata que non nos atopamos diante dunha arroutada conxuntural ou dunha saída de pata de banco do sector urbano do PP. Estamos enfronte dunha declaración de guerra contra o galego, declaración que alomenos hai que datar nas vésperas da campaña electoral das autonómicas. Guerra cultural contra o galego que constitúe unha das bases fundamentais do discurso e proxecto político e ideolóxico do PP estatal, tras caérselle o artificial engadido de Galicia.
Nada novo baixo o sol inclemente do neoliberalismo. Os ideólogos do PP constrúen vía importación un conflito da nada. Desmentindo aos antigos gregos e a súa fórmula de que nada se pode producir da nada, estes autores de guerras culturais constrúen unha escenografía invertida de imposicións do galego sobre os dereitos individuais das persoas. Lanzan unha desas chamadas guerras culturais para polarizar o debate político e agochar os outros furados do seu programa en materia socioeconómica. Contan coa caverna mediática para producir ese simulacro.
Desta maneira a realidade dunha lingua minorizada e que ten unha presenza menor na vida social e económica do país, dunha lingua que nalgúns eidos tan relevantes como o da información ou a xudicatura atópase na pura marxinalidade pasa a converterse nunha ogresa quen de paparse aos pequenos nas escolas e os seus pais nas rúas de cidades asediadas por hordas de falantes galegos.
Para inventaren mundos de fantasía xustificatorios non teñen problema, ao contrario, en dinamitar os consensos lingüísticos acadados na transición, consensos que malia os seus sobresaíntes incumprimentos axuntaban a todas as forzas políticas nunha vontade formal de normalizar e dar preferencia a nosa lingua propia. Dende a Lei de Normalización Lingüística até o Plan de Normalización votados polo PP, o segundo incluso tamén por Feijóo.
Cómpre afirmar alto e claro: non hai estrutura de imposición do galego en ningures. As imposicións, ás únicas, as estruturais son as que seguen a privilexiar de maneira fáctica ao castelán. O seu abafante predominio semella unha evidencia en calquera eido da vida social que consideremos.
En tempos de crise o PP mételle carbón á locomotora ideolóxica. Na procura dunha vitoria electoral, o PP axita coa reconquista de España, facendo da derrota dos nacionalismos o eixo da súa estratexia. Anúdanse españolismo e neoliberalismo. E de maneira particular, o PP lanza unha estratexia de guerra cultural sobre o galego coa intención de producir unha polarización do voto nas cidades, que son espazos particularmente refractarios ao galego (as cidades alleeiras que dixo Castelao). Tenta furar nas maiorías fráxiles e plurais no campo da esquerda para recuperar o poder local.
Supoño que pedirlle sentidiño ao PP, ou o que é parecido, pedirlle respecto pola pobo galego e a súa historia e cultura e vontade de se afirmar como suxeito colectivo é como berrar no deserto do frío cálculo egoísta, que son as terras por onde van os Atila de Feijóo. Resta alentar, traballar e articular un movemento social que reverta este ataque e a partires del constrúa un anovado e amplo acordo político, social e cultural para garantir a presenza normalizada do galego en todos os eidos da vida social. Varias son as iniciativas nese eido que están a se forxar e que se amosaron a potencia da súa razón nas rúas do país. Ese acordo quizabes teña que deixar fóra a un PP que xoga cada vez máis co lume da extrema dereita no noso país.
Ningún comentario:
Publicar un comentario