O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, defendeu esta tarde en Bruxelas a necesidade de “transmitirlle á sociedade unha mensaxe favorable ás linguas minoritarias que historicamente foron minusvaloradas”.
E como lle transmite o goberno no que participa Anxo Lorenzo esa mensaxe á cidadanía? Pois de moi diversas maneiras:
Eliminando as probas de galego das oposicións á función pública. Así transmitimos a idea de que o funcionariado pode excluírse libremente do uso do galego.
Facéndose insubmisos a acordos parlamentarios e falando en castelán no parlamento galego, para facer unha invitación a que as leis que establecen usos para o galego sexan incumpridas.
Suprimindo as liñas de galego en infantil. Así divulgamos que o acordo de pais e profesores na promoción do galego é inútil.
Eliminando a promoción do uso do galego en infantil, para que os nenos de contornor castelófonos poidan exercer libremente o seu dereito a descoñecer o galego. Así transmitimos a idea de que podemos educar aos pequenos lonxe do contacto co galego.
Prohibindo tanto a impartición de aulas en galego nas materias científicas tanto no ensino primario como no secundario, como o uso de materiais pedagóxicos redactados nesa lingua. Para favorecer os prexuízos lingüísticos dos escolares e reducir drásticamente o xa de por sí, reducido uso da lingua galega nos ámbitos visibles da sociedade.
Subvencionando a compra de libros de texto en castelán para eliminar do ensino e da edición os mesmos textos en galego. Así transmitimos a idea de que a cultura, principalmente a científica, é cousa da lingua A.
Pechando os oídos ás peticións dos traballadores do ámbito na normalización lingüística, e aprobando de costas a eles e rachando con todo diálogo, unha rede de dinamización sen o apoio dos axentes que a deben levar a cabo. Así transmitimos a idea de que a normalización é unha trapallada, ao tempo que se anula a súa posta en práctica.
Reducindo drásticamente os presupostos para a política lingüística. Para que as accións normalizadoras queden sin efecto por falta de cartos. Así transmitimos a idea de que a normalización é un asunto secundario, prescindible.
Demonizando a todos os que defenden mínimamente o amor pola lingua galega, procurando identificalos co ranfañoso e o radical. Así transmitimos a mensaxe de que a defensa do galego é cousa de radicais, de persoas fóra do sistema.
Abdicando á mantenta das súas responsabilidades ao non defender desde as institucións aos ENDL acusados pola zunia como unha boa forma de difundir que a defensa do galego non é cousa das institucións.
Defendendo a deturpación da toponimia galega e ameazando con aniquilar a Lei de Normalización Lingüística, se fose necesario, para éste, e quen sabe que outros escuros e anormalizadores fins. Así afondamos no prexuízo de que o galego non serve nin para nomear o noso entorno.
Eliminando da lei do comercio a promoción do galego neste ámbito.
Difundindo ideas falsas e prexuízos sobre a lingua: recitando diariamente o mantra de que o galego é imposición e o castelán é libertade, ocultando a sangría de galego-falantes das últimas décadas, dando unha imaxe da realidade sociolingüística galega completamente deturpada. A mensaxe favorable é a do "Mundo feliz" de Aldoux Huxley.
Excluíndo o galego das campañas electorais en varias cidades, para que fique máis claro que se van seguir avanzando chanzos na anormalización. Así transmitimos a idea de que a lingua da política é a da política lingüística. E isto último, só isto último, é unha mensaxe verdadeira.
Ningún comentario:
Publicar un comentario