Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 9 de outubro de 2010

Negreira

por Iván Méndez López, acertado como sempre, no Xornal:

A nove meses vista para as eleccións municipais en Galiza, o voceiro do Partido Popular na cámara coruñesa e candidato á alcaldía veu de presentar a súa aspiración para o mandato: a cooficialidade toponímica. Nin rematar co caos urbanístico, nin a depuradora de Bens, nin a limpeza da ría do Burgo, etcétera. Se el resulta elixido, oficializará o bitopónimo. Entre as persoas asistentes á rolda de prensa, xornalistas na súa maior parte, faltou a pregunta: como pensa facelo?
Por que é interesante que relacione cales son os pasos que vai seguir. Haberá que lembrarlle ao candidato que unha alcaldía, por moito que lle veña en gana ou por moi ilegal que sexa, non pode mudar ao seu antollo o nome dun concello. Para iso está unha lei da Xunta de Galicia, de obrigado cumprimento, e que se chama, oh sorpresa, Lei de Normalización Lingüística. O resto é un brinde ao sol, é unha mentira máis que se engarza entre as xa sabidas de liberdade e non imposición, dúas mentiras que, por certo, mencionou no seu discurso.
Negreira di defender a liberdade de cada cidadán fronte a imposición do bipartito. Que se saiba, a policía municipal non vai pola rúa multando a cada transeúnte que poña un L no nome oficial da cidade. Sobra con mirar anuncios, cartelaría, panfletos ou o propio lema da campaña do PP. Que se saiba, a Lei de Normalización Lingüística foi aprobada con Alianza Popular e respectada co PP no poder e non foi algo que impuxo o bipartito. Negreira amosa unha ignorancia a que, polas súas aspiracións políticas, debería pór remedio se desexa ser un representante público.
Habería que lembrarlle tamén ao señor Negreira que o Concello da Coruña gastou máis de 300.000 na defensa do topónimo deturpado na época vazquista, co único resultado de resolución contraria tras outra. Unha dilapidación que non casa coa outra mentira marco dos do PP: a austeridade. Seguirá tirando os cartos da cidadanía coruñesa?
E para a súa defensa, Negreira repetiu como cacatúa o grande pinchacarneiro da dereita ultramontana e galegófoba: se uns empregan Galiza con liberdade, porque nós non podemos facer o mesmo? Simplemente, señor Negreira, porque é falarmos do touciño e da velocidade. Unha cousa é a variedade normativa (“Galiza é tamén unha forma lexitimamente galega” segundo recolle a norma) e outra é a ilegalidade e o populismo. O discurso negreirista non ten onde sustentarse e pretende abrir a campaña electoral co recuso á galegofobia que tanto suceso tivo nos xornais afíns e nas anteriores eleccións autonómicas. Baséase na mentira e na estratexia do “todo vale” de Feijóo cuxos resultados hoxe temos presentes: ausencia total de programa e de política agás a galegofobia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario