Chamamento de ProLingua:
Ante a convocatoria da Consellería de Cultura e Turismo dos «Premios da Cultura Galega», manifestamos que nin a actual Xunta nin o seu Presidente, responsables ante a Historia de lexislaren por vez primeira contra a nosa lingua, e polo tanto contra o marco xurídico e fronte ao consenso que posibilitou a súa presenza pública, poden atribuírse agora o papel de benfeitores da cultura galega.
Facemos, entón, un chamamento á sociedade e a todas as forzas políticas para recuperarmos o camiño da concordia. Un novo consenso que só pode articularse concibindo a lingua como parte esencial da nosa riqueza, nunca como problema, e que precisa agora da posición firme de todas as persoas vinculadas á cultura.
Temos o convencemento de que nin as brillantes sensibilidades nin as mellores intelixencias deste país aceptarán ser utilizadas para sancionar políticas que causan división arredor dun dos símbolos maiores da nosa convivencia. Desde esa certeza, xulgamos lexítimo non aceptar ningún premio que veña hipotecado por agresións contra a mesma cultura que se finxe exaltar con protocolario boato.
Ningún comentario:
Publicar un comentario