por Henrique Monteagudo no diario El País:
Comezamos novo curso coa crise económica no centro da atención pública. A expectativa sobre a probable conflitividade que neste outono podería provocar a implantación do novo decreto do plurilingüismo de momento quedou en case nada. Galicia Bilingüe -asociación de nome paradoxal-, fixo un primeiro intento de prender lume na toxeira, trazando un inquisitorial auto de fe contra a Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino. Pero a tentativa foi cortada en seco por quen pode facelo, isto é, polos mesmos que, cando lles conveu, entregaban aos pirómanos mistos e gasolina de balde e ás mans cheas. GB xa vai vendo que difícil se pon a vida cando non interesa aos que mandan. Hard life!
Don't tell, don't ask.Estaranse cumprindo nos centros educativos o decreto, co drástico recúo que impón ao uso do idioma do país? É difícil de saber. En todo caso, semella que a Xunta non vai empeñarse nunha aplicación ríxida da norma. Entre outras cousas esa actitude terá a vantaxe (desde o seu punto de vista) de que facilita o retorno ao tradicional laxismo cos colexios que nunca cumpriron os mínimos en galego, e menos agora. Pola banda do profesorado, circularon iniciativas que promovían a insubmisión aberta, pero dá a impresión de que o que se está a espallar é unha silandeira resistencia pasiva, de xeito que a final cada quen fará o que lle pete, coma nos vellos tempos. Canear as normas está na cerna do Galician way of life.Sendo así, o deostado decreto -que as súas señorías poderán validar co selo da legalidade, pero ninguén poderá nimbar dunha lexitimidade política e moral da que carece-, acaba sendo norma de carácter intimidatorio, que probablemente conseguirá que o profesorado que pasou a usar o galego só por acatamento á normativa anterior, retorne agora ao castelán. Pero dubidosamente dará dobregado o profesorado máis comprometido. Rematará por imporse a política don't tell, don't ask: vós caladiños co pecado, que total ninguén virá cheirar. No entanto, o debate sobre o galego irá adormecendo nun curruncho do espazo público, nun relaxado stand by.A quen conviría reavivar o conflito lingüístico? Para a dirección do PP esta lea é unha cuestión de oportunismo máis ca de principios, así que é de agardar que este partido no remexa no asunto deica as eleccións municipais. Tampouco terá maior interese en rebeirar no caixón o Partido Socialista, que nos últimos tempos realizou un esforzo notable de rearme en relación co idioma, plasmado na súa participación nas mobilizacións cívicas, pero agora mesmo ten outros problemas, dabondo graves, cos que lidar. Canto ao BNG, vai ben servido co protagonismo -en gran parte merecido, pero noutra parte torpe e forzado- de que gozou a conta da reacción popular perante a ofensiva antigalego. Mergullado en liortas intestinas, arestora o forno nacionalista tampouco está para moitos bolos.Difícil balance.Se cadra aínda é cedo para facer balance destes meses de batalla. O PP escorou cara a unha posición belixerante contra o galego, aínda que dunha banda a pantasma de Galicia Bilingüe lle permite aparentar unha posición máis centrada, e doutra banda, é innegable que, coa entusiasta complicidade de certos medios de comunicación, conseguiu tirar rendemento de prexuízos, medos e resistencias que, inerciais ou reinventados, están máis vivos do que quixemos acreditar. É dabondo significativo que a súa ampla base electoral galegofalante non pasase factura ao PP pola groseira instrumentalización do idioma. A actitude dese electorado, na vella tradición autolesiva do país, denota un desalentador déficit de conciencia lingüística da galegofonía tradicional, que o liderado do PP vén interpretando como unha carta branca. Por tanto, é de temer que volverán a sorprendernos sabe o demo con que falcatruadas. Pero esa mesma actitude tamén pon de relevo o rotundo fracaso do nacionalismo neste eido, un fracaso ben difícil de explicar: a súa dirección espiritual, tan preocupada en marcar a liña neste punto, está obrigada a matinar en que leva facendo tan mal todos estes anos como para que non só a maioría da Galicia galegofalante vote ao PP, senón que se absteña de castigar as obscenas xogadas deste partido contra o idioma.O Partido Socialista e o Bloque deberán tirar da amarga experiencia pasada a lección de que non dispoñer dunha política lingüística minimamente seria e ben integrada na cultura das respectivas organizacións pode ter un custo altísimo. O PSdG comezou a facer os deberes na conferencia de xuño, pero falta por ver que este impulso teña a necesaria continuidade ata callar nunha proposta de suficiente peso, que calle con forza na mentalidade e na axenda do partido. No BNG o debate sobre o idioma súmase ao remuíño de intricadas controversias que ao remate van supoñer que ou ben o nacionalismo se pon á altura das necesidades e os retos do país, ofrecéndose como ferramenta útil para o progreso e atraendo os sectores máis dinámicos e innovadores, ou que, pola contra, decide arrecuncharse na melancolía, converténdose nun chirimbolo enferruxado.As posicións do Bloque.Canto á lingua, no BNG avéntanse posicións de todas as cores: desde a ríspeta defensa, co dispositivo retórico de rigor, dos indeclinables principios caídos do ceo da clarividencia ideolóxica e alleos ás realidades actuais, ata propostas de refundación do proxecto e do discurso -minoritarias, pero mellor acollidas polas bases do que algúns gardiáns da ortodoxia quixeran acreditar-, pasando por tentativas revisionistas loables pero insuficientes, pois adoito parecen máis atentas a salvar certezas ca a afrontar de verdade os complexos desafíos de diante.Mágoa que a organización cívica máis potente, A Mesa, non aproveitase a ocasión para se reinventar fundíndose no amplo movemento cidadán que ela animou, Queremos Galego, por mor de dar nova vida e máis alento a un proxecto cunha estimable traxectoria histórica (non exenta de sombras), que segue a ser necesario, pero que vén ofrecendo síntomas de esgotamento. A proliferación de iniciativas nos últimos tempos pon de vulto que está a xurdir unha pluralidade de posicións que a organización non soubo acoller. En definitiva, a situación esixe reflexión de fondo, crítica ao tempo que repousada, arredada de personalismos, e refugando axustes de contas ou sempiternas pauliñas. Infelizmente, para ese debate xa non poderemos contar con dous valiosos medios, o semanario A Nosa Terra e o dixital Vieiros. Pero o momento non é de deixarse vencer polo desánimo, senón de lanzar propostas capaces de facer pular azos inéditos e liberar frescas enerxías. Outramente, o galego corre risco de enfermar de stand by.
Ningún comentario:
Publicar un comentario