Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 9 de outubro de 2010

O 'L' para os de prácticas

por Rafael Cuíña, no Xornal:

Para dominar un auto, e poder dirixilo entre a densidade do tráfico, a lei obriga a sinalizar cun “L” ben visible, ante o potencial perigo de levar entre as mans unha máquina que non dominas de todo. En política acontecen situacións similares ás veces, xa que cando algúns tentan entrar en terreos farragosos, desviando atencións dos problemas reais da cidadanía, utilizan o recurso primitivo da chamada in pectore á polémica estéril, en troques de mostrar á sociedade a súa capacitación para liderala.
De verdade que fago auténticos esforzos para tentar entender aos políticos populares e socialistas da cidade de A Coruña, e a súa obsesión coa toponimia oficial. Establecen regras de tres un tanto curiosas con resultado diverso, en función do seu interese electoral do momento. Se a teima do galego é un tema menor para algúns, poñendo como escusa a preocupación maior da nosa sociedade pola actual e fonda crise, por que si é relevante para eles o debate sobre o topónimo da cidade herculina? Fala coma sempre de xeito intelixente Manuel Rivas, describindo o termo de “cosmopaletismo”, perfectamente aplicable á gran parte da clase política coruñesa, no que o afloramento dos complexos de inferioridade, son directamente proporcionais á obsesión por tapar unha realidade galega, como feito diferencial, coa vangarda do noso idioma nai.
En A Coruña, e tamén en gran parte da clase dirixente da cidade de Vigo, estase a xogar cos sentimentos da cidadanía utilizando como arma lanzable unha lingua que din querer, mais non respectan. A provocación de abrir un debate sobre a eliminación da Lei de Normalización Lingüística, coa lamentable inspiración dos instintos baixos de conseguir os votiños de galeófobos iracundos, retrata o problema existencial dunha sociedade que antepón os valores do pragmatismo e o utilitarismo, cando non do relativismo cultural. Se os responsables políticos elixidos por unha sociedade libre son inducidos a dar as costas aos seus valores culturais e sociais entroncados na raíz da súa concepción como pobo, este pode chegar co tempo á conclusión final de que o modelo de sociedade que propoñen algúns, terá que mudar por incapacidade súbita dos elementos distorsionadores.
Claro que de seguir por ese vieiro de indignidade co país dos uns e os outros, a moitos non lles quedará máis remedio que pedirlle ao condutor do auto co “L”, que pare alí mesmo, “que eu me baixo...” Ou non?

Ningún comentario:

Publicar un comentario