Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 2 de outubro de 2010

O gusto polas cousas profundas

por X. H. R. Corcón, no Xornal:

Conta o escritor lisboeta Antonio Lobo Antunes que cando seu pai estaba morrendo súa irmá preguntoulle que era o que lle gustaría deixarlles, e el respondeulle: o gusto polas cousas belas.
Probablemente sexa unha das cousas máis fermosas que un pai pode querer deixar aos seus fillos, porque ter capacidade para apreciar as cousas belas significa ter capacidade para discernir de entre todo o que nos rodea o que é o belo e o que non, e isto serve para gozar máis da vida, polo que en realidade o pai do escritor o que quería deixar aos seus fillos era a capacidade de gozar máis da vida.
Reflexionando sobre isto, a miña conclusión é que máis alá do gusto polas cousas belas, a min interésame o gusto polas cousas profundas, as cousas belas tamén, pero aprecio máis as cousas profundas, aínda que seguramente todas as cousas profundas, precisamente por selo, son tamén belas.
Entendo polas cousas profundas, aquelas cousas que son máis que o que se ve delas. Unha flor nun xardín é bela, porque a súa forma, cores e textura, prodúcenos unha sensación agradable de goce estético, pero é tamén profunda, e aí é onde eu gozo máis da flor. Hai detrás da flor o traballo do xardineiro ou xardineira que a plantaron e coidan dese xardín, hai detrás dela a pequena historia dunha nena de dous anos que un día se detivo a descubrir por vez primeira a beleza das flores.
Detrás da beleza dun poema está a vivencia do poeta que o escribiu e o sentimento da persoa para quen foi escrito. Detrás do belo que é o deseño dunha cunca de arxila está a tradición milenaria dos oleiros. Detrás da beleza dun sargo prateado sobre o corredor dunha gamela están as horas de traballo do mariñeiro que o pescou e está a espera paciente da muller do mariñeiro agardando que regrese con ben do mar. Detrás da fala dos galegos, do noso idioma, está a historia persoal de cada home e muller que o falou ao longo dos séculos, dende os primeiros poboadores de Galicia que empezaron a pronunciar unhas palabras que co tempo conformaron o noso idioma, ata hoxe, onde un cativo dun ano comeza a aprender a comunicarse no belo idioma galego.
En definitiva detrás das cousas profundas está a vida e buscar esta vida en cada cousa e atopala si é gozar plenamente do feito de vivir. En Galiza estamos moi necesitados disto, de ter a capacidade e de querer gozar das cousas profundas, senón perderémonos na superficie da vida sen vivila en plenitude. Se pensamos que o idioma é só iso, un idioma, aínda pensando que é belo, se non nos preocupamos pola profundidade do noso idioma, non interiorizaremos a comprensión de que se trata dun ser cargado de vida e non nos decataremos de toda a vida que conservamos, conservando o idioma, a fala dos galegos.
Na necesidade do gusto polas cousas profundas está a base para a nosa supervivencia como colectividade con identidade propia, e nisto xoga un papel fundamental a cultura, por iso o empeño por crear unha sociedade culta é un empeño imprescindible para seguir sendo o país que se define no idioma que nos é propio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario