A pouco que un remexa na web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) verá algo así como un rei en porranchos, como o do conto. Así e todo aínda haberá quen diga que o rei loce un traxe moi bonito.
As axudas para a edición de libros escolares en galego, concedidas o ano pasado sumaron 1.043.462, como calquera pode comprobar na orde do 24 de xullo do 2009. No ano 2008 a suma foi prácticamente igual: 1.050.000 euros. Leamos agora o primeiro subtítulo do que a SXPL adiantaba como noticia o pasado mércores 6 de outubro: "A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica hoxe no DOG a orde pola se adxudican estas subvencións, que ascenden a un total de 501.617 euros".
Aínda pode haber alguén que quixera argumentar que son cousas da crise económica que nos arrasa nos últimos tempo. Porén o certo é que o que o leva todo por diante é a falta de afecto polo galego. Só un par de cifras para aclara ideas; desde a Asociación Galega de Editores botaron as contas do esforzo económico que o bipartito realizou na compra dos 230.000 libros de matemáticas, física e química e tecnoloxía que tiñan unha vida útil de polo menos dous anos máis, e a suma ascendía a 5.200.000 €. Agora todos eses libros andan tirados polos corredores dos centros de ensino sen que ninguén saiba moi ben o que se debe facer con eles. A este malgasto hai que lle sumar as subvencións que paga a Consellería de Educación precisamente para que algúns pais poidan pagar os libros das materias de ciencias en castelán. Non cómpre botar contas, por cada euro que a rañicas SXPL concedu ás editoriais, a Xunta gasta polo menos outros 12 en libros editados en español. E isto non é todo.
Cando un consulta os DOG dos anos anteriores pode ver que entre as propostas editoriais que recibiron axudas destacan moi claramente os libros de texto de matemáticas. Cómpre salientar que os criterios de baremación deste ano excluían de facto a subvención a libros de ciencias en galego en virtude, unha vez máis, do funesto decreto de plurlingüismo, que exclúe ao galego da docencia científica. Aínda haberá quen argumente que todo isto é polo equilibrio lingüístico. Eu daríalle a razón se iso do equilibrio fose sinónimo da eliminación do galego, e agora non vou dar cifras pois un par de exemplos bastan. Na biblioteca do instituto no que eu traballo hai polo menos un cento de libros de divulgación científica e todos eles están redactados en castelán. Non son máis que unha pequena parte dos libros deste ámbito que un pode consultar. Toda a colección de libros de popularización da ciencia en galego redúcese aos dous escritos por Xurxo Mariño ( "Pó de estrelas" e "Os dados do reloxeiro" ). Velaí o equilibrio.
Despois de todo isto podemos ver no seu verdadeiro marco ao rei espido cando lemos que a SXPL declara que a convocatoria de axudas ás editoriais ten como finalidades "potenciar a oferta de materiais educativos en galego e favorecer o tecido da industria editorial galega"
E ti como o ves? Vestido ou espido?
Ningún comentario:
Publicar un comentario