por Carlos Callón, en Galicia Hoxe:
Tocoume a vez e achegueime para que me de-sen o meu cartón de embarque e para facturar a equipaxe. A traballadora de Vueling preguntoume: "¿Pasillo o ventana?" Eu respondín con naturalidade: "Xanela". Aínda que gardo un pequenísimo medo a voar que tento superar co raciocinio, sempre me parece preferíbel contemplar as vistas.
O que non agardaba nese momento era que a persoa que me atendía me fixese pasar un momento desagradábel porque eu lle respondera en galego e cunha palabra que se diferenciaba do español. Debería estar vacinado para estas situacións, mais colleume desprecavido. Despois de eu dicir "xanela", a muller ergueu a súa cara da pantalla do ordenador, atravesoume cunha ollada de peixe podre e dirixiuse a min cun ton áspero que contrastaba co de había só uns segundos: "¿Me estás diciendo ventana?"
Como xa a vía vir e non tiña intención de que me amargase o día, optei por sorrir e respondinlle: "Si, xanela". O adverbio, que soa igual en galego que en español, confirmaba que o que ela chamaba "ventana" eu chamábao "xanela", polo que non tería que haber máis problemas de comunicación. Ela volveume cuestionar de maos modos: "¿Ventana?" Parecía que só me daría ese lugar se eu repetía a palabra en castelán. Mantiven o sorriso e soltei o mellor que puiden: "Yes, window, please".
O seu ton cara a min non foi máis cordial. "Es que yo no tengo por qué entender gallego, que soy española". Parecía disposta a unha discusión bastante fóra de lugar, mais tentei tomalo con humor e cortar a conversa o máis rápido posíbel: "Paréceme ben. Eu son galego, estou no aeroporto de Santiago de Compostela e estou falando galego. Se hai algo que non me entende, pode preguntarmo, mais non ten por que tratarme con má educación". Díxome a porta pola que embarcar e asunto finalizado.
Mañá mesmo presentarei tamén unha queixa por escrito á compañía, claro. Esa mesma compañía que recibe millóns de euros dos orzamentos autonómicos que non redundan nada no respecto aos nosos dereitos lingüísticos.
Desigualdade
As persoas que queremos utilizar o galego en Galiza con normalidade encontrámonos repetidamente con situacións incómodas como esta ou aínda peores e en condicións de maior fraxilidade e vulnerabilidade. Moita xente no noso país pensa que iso non acontece, que aquí cada quen vive na lingua que quixer, como repite a propaganda oficial.
Para quen coide que iso é así, o mellor consello que lle podo fornecer é aquel que lle ofrecía Almeida Garrett aos deputados portugueses que tiñan que lexislar sobre os camiños de ferro.
O escritor viña a propor: se quixeren saber a situación real daquilo sobre o que teñen que decidir, monten nun comboio. Do mesmo xeito, podemos dicir aquí e agora: quen quixer saber cal é a situación verdadeira do noso idioma e dos dereitos lingüísticos da sociedade que o creou e mantén, que faga uso del para todos os ámbitos.
Claro que o feito de que existan dificultades serias non significa que a aspiración a vivir en galego sexa unha práctica para masoquistas. Ben ao contrario, trae moitas satisfaccións, de diferentes tipos segundo as persoas e os seus contextos.
Así, aínda nunha situación tan difícil como a que estamos a padecer, hai persoas que a nivel individual deciden pasarse para o galego. Hai quen opta por falalo por razóns ideolóxicas, dentro da concepción cívica de que non se debe permitir a desaparición da nosa propia cultura e, con ela, da nosa identidade colectiva. Hai quen pasa a falar en galego de xeito cotián, aínda que non fose o seu idioma inicial ou mesmo provindo de fóra de Galiza, porque o considera unha forma de proximidade. Penso por exemplo no caso de inmigrantes, novos galegos, que, aínda que saben que o castelán é a lingua do poder, optan por aprender e usar o noso idioma con normalidade, porque se decatan de que é un vínculo de integración. Tamén hai casos de persoas que deciden mudarse para o galego por afectividade, por exemplo que repensen a súa conduta lingüística unha vez que se namoran dunha persoa que fala en galego. Pode soar cursi, mais é algo que se ve por exemplo en parte do alumnado que se matricula para aprender o noso idioma nos lectorados de galego no Estado español, como puiden ver hai pouco en varios casos en Euskadi: estudan galego por amor. Pode haber utilidade máis profunda e satisfactoria para calquera lingua? For polo apoio a unha causa xusta, por proximidade, por afectividade ou por outros moitos motivos, o uso do galego tamén produce gozo. Mais que podemos facer cando nos encontramos en situacións incómodas ou desagradábeis por falarmos o noso idioma, como a anécdota coa que principiaba este artigo?
Consellos
En xuño deste ano saíu un libro titulado Sortir de l"armari lingüístic. Una guia de conducta per a viure en català, escrito por Ferran Suay e Gemma Sanginés. O seu traballo parte de que "unha situación sociolingüística anómala xera actitudes colectivas analizábeis desde a psicoloxía social, que requiren intervencións determinadas, con vista a garantir o equilibrio psicolóxico e o mesmo benestar dos individuos", en palabras do actual secretario xeral de Política Lingüística da Generalitat de Catalunya, prologuista do volume. Bernat Joan tamén sinala que esta obra fornece "elementos para funcionar normalmente en catalán sen se estresar máis da conta, incorporarse á comunidade lingüística catalá aforrándose tantos traumas como for posíbel ou, sinxelamente, dar un paso máis na propia actuación como catalanoparlante". O feito de que a autora e o autor residan en València e teñan ben presente a súa situación no libro fai que varias das súas propostas sexan máis aplicábeis a nós que se exclusivamente falasen do que acontece no Principado. Que tivese a súa lectura fresca axudoume a responder mellor a desagradábel situación no aeroporto. Para a semana falaremos un pouquiño máis de como podemos adaptar algúns dos seus consellos á nosa propia realidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario