Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 11 de outubro de 2010

Lingua: "al gusto del consumidor"

por David Peón, economista, no Xornal:

‘La Coruña’ non é só unha teima galegófoba. Mellor dito, é unha teima galegófoba de certos sectores poderosos –aínda que minoritarios– que se apoia para a súa aceptación en ideas que encaixan perfectamente no esquema de ‘deconstrución social’ que defende a dereita neoliberal: a sociedade non existe, só os individuos-consumidores. Calquer elemento que contradiga este esquema (poderes públicos, sindicatos, Estado social) debe ser combatido. Tal lóxica non é carente de carga ideolóxica, nin moito menos, porque como sabemos os individuos só somos iguais ante a lei (ás veces nen iso), e nun mundo económica e socialmente cada vez máis desigual declarar a morte da sociedade é o xeito máis efectivo de perpetuar o statu quo.
Como mellor se evidencian os argumentos falaces é levándoos ao extremo. Se algúns din que A Coruña debería chamarse oficialmente doutro xeito porque algúns veciños o demanden, eu que vivín seis anos na capital do Estado podería esixir que Madriz ou Madrí sexan nomes co-oficiais xa que, certamente, son os menos aló os que pronuncian correctamente ‘Madrid’. Máis aínda, debería reivindicarse a cooficialidade de Cevilla ou Uerva, ou seguindo as suxerencias do Nobel García Márquez, Zebiya ou Bayadoli, por exemplo. Pq nn Slmnk ou Kcrs? Así falamos nos sms, có que ademais de defensores da ‘liberdade individual’ seremos ‘modernos’ á última en tecnoloxía. En calquera caso, que sexa o individuo-consumidor quen elixa!
Moitos defendemos unha maior integración europea como saída á crise, cun goberno económico e política internacional comúns e unha maior democratización das súas institucións. Nese contexto sería interesante, porque non, a adopción dunha lingua común de comunicación, que sería obviamente o inglés. Daquela, porque non falar de Newport, The Palms of Great Canary ou The Line of the Conception? Ou xermanizar a toponimia de todas as vilas e lugares de Menorca ou Lanzarote, xa que tan numerosa é a colonia alemá naquelas illas. Podería chegar o caso no que, sendo Europa un Estado supranacional con multitude de linguas mais cunha lingua de comunicación común, poderían agromar organizacións, chamadas quizais ‘España Bilingüe’, que defendesen a ‘liberdade’ das persoas a non saber castelán, a os seus fillos non recibir ensino nesa lingua, non serlles esixido examinarse en español para acceder á Administración Pública, ou denunciar esa falacia de que ‘el español es la lengua propia de España’, cando o inglés ou alemán son tamén idiomas que se falan aqui ‘de toda la vida’.
Algúns queren impoñer que o nome das nosas vilas poda ser elexido individualmente ‘al gusto del consumidor’. A historia, a nosa cultura milenaria, a lóxica, o sentido común e o respeto ós nosos antergos e ós que están por vir non teñen cabida na ideoloxía daqueles que veñen mostrando estes últimos anos non só un descarado odio cara os nosos sinais de identidade, senón tamén contra a vida en sociedade. Unha sociedade na que debe primar o dereito de cada individuo a vivir a súa vida como lle pete, por suposto, pero onde ademais de dereitos partillamos responsabilidades: respeto ao medio, educación e sanidade públicas, combater o feísmo urbanístico, pór en valor o rural e, por suposto, traballar por mil primaveras máis para a lingua propia de Galicia.
Por iso desde GalegoLab (www.galegolab.org) vos convidamos a colaborar con proxectos en positivo polo galego. Podes participar colaborando como socio da organización, propoñendo ideas e proxectos en positivo ou, en calquer caso, visitando a nosa web e participando. Defender o galego é responsabilidade de todos.

2 comentarios:

  1. Non sabía que eras tí o do blogue "menos mal que nos queda portugal" pois desde o vídeo dos teus curmáns.
    Saúdos, e parabéns polo teu labor.

    ResponderEliminar