por Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización, no Galicia Hoxe:
O subtítulo do artigo desta semana adóptoo e adáptoo do libro de Ferran Suay e Gemma Sanginés do que falamos nas últimas segundas feiras nesta páxina de Galicia Hoxe e que aínda centrará a nosa atención algunhas máis. Como é de agardar, as que se presentan a continuación son algunhas propostas que cada persoa pode adaptar e modificar ao seu xeito e ás súas circunstancias. De feito, este é vocacionalmente un texto aberto, un punto para o diálogo, para compartirmos estratexias.
Os consellos que aquí se achegan son para pequenas situacións da vida diaria. No entanto, non subestimemos a importancia das mesmas: moitas veces, as pequenas mudanzas e os pequenos xestos orixinan grandes transformacións.
Lembrémolo: Se renunciarmos ao galego, por inhibicións e medos aprendidos, o noso milenario idioma non se manterá. Ou como o faría se non?
Galego: Cando, como e con quen?
Cando vou a un instituto impartir unha conferencia, é moi frecuente que no coloquio posterior saia unha pregunta, formulada con diferentes matices: "Ti falas galego sempre? Con todo o mundo? Tamén con alguén que acaba de chegar?" De verdade: é unha cuestión que ten unha frecuencia inusitada. No fondo, deixa ao descuberto un prexuízo co que se pretende xustificar a non utilización da lingua de Galiza: "Non a falo porque ao mellor hai xente que non me entende".
Se pomos tal preconcepto en observación, decatarémonos de canto ten de absurdo e irracional. De verdade o máis frecuente en calquera lugar de Galiza é que haxa xente que non entenda o galego? E como sabemos ademais se entenden ou non se non se lles fala este idioma?
Non podemos deixarnos levar tampouco polo prexuízo de non lles falar en galego ás persoas descoñecidas que "non teñen pinta de ser de aquí".
A cor da pel, o cabelo, a morfoloxía dos ollos... nada teñen a ver coa lingua que se fala. Que llelo pregunten se non aos magrebís da Baña, aos negros de Burela, ás crianzas de trazos asiáticos de tantos lugares de Galiza que teñen unha soltura perfecta no idioma de Rosalía e Castelao.
A forma de vestirse, de comportarse e mesmo a lingua que se utilice tampouco son indicativos fiábeis de que se entenda ou non un idioma. Ou é que non podes ir de traxe e falar (ou entender) o galego?
E non é certo que a inmensísima maioría dos usuarios do español en Galiza entende porén o idioma propio, e mesmo boa parte é capaz de usalo?
A primeira proposta é, pois, en Galiza, falar galego sempre (e tamén no conxunto dos territorios do sistema lingüístico galego-portugués, como é evidente). O idioma que non se fala é o idioma que morre.
Nas palabras de Suay e Sanginés: "Os especialistas en comunicación costuman dicir que, en xeral, convén considerar que a persoa coa que falamos é aproximadamente igual de intelixente ca nós e está igual de capacitada ca nós para expresar con claridade o que quere ou o que non quere. Isto é, que sempre que iniciemos unha interacción con alguén, podemos supor que se: a) non nos entende, b) non lle gusta como lle falamos, ou c) se sentiu incómodo, será perfectamente capaz de nolo facer saber, sen necesidade de nós o adiviñarmos". Isto é: se alguén non nos entende falándolle en galego, xa nolo fará saber e, segundo as circunstancias, xa actuaremos segundo conviñer, mesmo talvez falándolle no idioma no que mellor nos puidermos comunicar (o cal, por certo, pode ser o español ou pode non selo).
Por que falas en galego?
Hai moitos contextos nos que nos poden asaltar con esta pregunta. As persoas que pasan de falar castelán a, polos motivos que for, falar galego, adoitan ser interrogadas con máis insistencia por esta mudanza. Isto non costuma acontecer no caso contrario: para quen pasa do galego para o español. Tamén son propicios para esta cuestión os espazos, contextos ou ámbitos onde o uso da lingua de Galiza está especialmente precarizado. Ademais, claro está, poden chegarnos con ese mantra as persoas que manteñen unha postura agresiva contra o uso normal do idioma do país.
Nese sentido, non debemos dar pé nunca a que se debata se temos dereito ou non a falar en galego. É un dereito, podemos exercelo e non temos que permitir que se nos cuestione. Así, o primeiro obxectivo é desmontar a intromisión vinculada coa pregunta e responder con razóns puramente subxectivas, que non dean pé a unha discusión. Por exemplo, parafraseando o coñecido verso de Celso Emilio Ferreiro: "Falo galego porque me gusta". Ou "síntome máis cómoda/o falando así" ou "fáloo porque me interesa".
Non pagan a pena respostas ideolóxicas, porque son terreo aboado para que se estabeleza unha confrontación que non vén ao caso. Tampouco teñen lugar as xustificacións, pois iso sería lexitimar o dereito da outra persoa a preguntar por que falas en galego. É mellor sempre unha resposta estándar do tipo antes indicado.
Como responder os ataques?
Se alguén, no día a día, mantén connosco unha actitude agresiva porque falamos en galego, o preferíbel é non entrar nunca nese xogo. No caso de devolvermos a mesma agresividade, a discusión seguramente se acenderá e dará lugar a unha situación da que non sacaremos nada en limpo, a non ser contribuír para queimarnos. Con quen ten actitudes agresivas, non hai nada para gañar e sempre moito para perder. Mellor mantermos un talante neutro e calmado, pasando do posíbel conflito. Evidentemente, se tal trato o recibimos nunha empresa ou nunha administración, cómpre que esixamos que se nos atenda coa corrección debida con independencia da lingua que utilicemos. Ademais, neses casos non debemos deixar de presentar a correspondente queixa (na correspondente entidade e na Liña do Galego que xestiona A Mesa: 902 10 64 74 ou no correo-e linhadogalego@amesanl.org).
Para a semana continuarei con outras propostas de acción para momentos do día a día nos que nos dificultan usarmos o noso idioma.
Ningún comentario:
Publicar un comentario