Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 10 de outubro de 2010

O bilingüismo ou a imposición do español

O que se presenta neste post é un excelente documento social e histórico. Un anaco de realide materializado nun colexio de Friol que bate con toda a forza nos sentidos deixándoche pampo .
Trátase dun documental do programa "Vivir cada día" do ano 1979 no que se revela a forma na que toda unha xeneración foi educada. Alén do machismo e o rancio catolicismo, o ensino consistía na radical imposición do español, ou como o define a mestra que aparece no vídeo con toda a carga de desprezo do propio e o fomento do odio ao galego, o fundamento do ensino xiraba arredor da implantación do bilingüismo de ahí que o alumnado galegofalante tivese dificultades para expresarse, "por la falta de vocabulario" e en consecuencia "prefiera mantenerse callado".
Os nenos do vídeo son agora os pais dos escolares de hoxe en día, polo que non é de estrañar que ese pais sexan a primeira xeneración que rompeu a transmisión do galego aos fillos. Os  nenos do vídeo son os profesores dos escolares actuais polo que non é de estrañar que o ensino en galego precise de importantes incentivos e facilidades normalizadoras. Uns e outros, formados nos prexuízos ao galego, son o corpo social sobre o que o goberno da Xunta, no caso dos ensinantes, presiona para que abandonen o galego como lingua das aulas. No caso dos pais hai o proxecto de utilizalos baixo o pretexto dunha consulta pra reducir, aínda máis, o uso do galego no ensino. Porque o uso da nosa lingua nos outros ámbitos xa é tan feble que non supón molestia algunha aos membros da zunia e a isto se reduce toda a política lingüística deste goberno que padecemos.
E así nos vai.


Vídeo vía Terras de Friol

P.S.: A lección de Dona Pepita, a mestra de Friol

4 comentarios:

  1. Un documento excepcional, onde vemos moi vivas as raíces da situación actual. O meu agradecemento por rescatalo!

    ResponderEliminar
  2. Ostras, que casualidade! Mandoumo unha compañeira e esta mañá estiven a velo para colgalo pola semana... isto comeza a ser perigoso!!!
    Saúdos

    ResponderEliminar
  3. O mérito da recuperación do documental débese ao blogue Terras de Friol. Agustín, xa lles comunico os teus parabéns.

    ResponderEliminar
  4. Ola.
    Grazas por enlazar o vídeo.
    Un saúdo
    Ah! Colocaremos un enlace do voso blog no noso.

    ResponderEliminar