Comunicado da CTNL A CTNL ante a xestión da SXPL da Xunta cara ao desmantelamento do proceso de normalización lingüística. Ben está que se divulgue pois é unha achega realmente lúcida. O segundo parágrafo (que comenza "Se na primeira etapa do goberno....") é unha descrición exacta do que foi a política lingüística desde o 2009 até hoxe.
Despois do comezo co desmantelamento lexislativo, chegou o desmantelamento económico, técnico e humano. Unha xestión da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta que só pode ser entendida co obxectivo de desarticular o proceso de normalización da lingua galega. Desde a CTNL cremos que isto non pode seguir así e que, ou se dá un inesperado, inmediato e radical cambio a esta situación, ou o secretario xeral de Política Lingüística encargado de executar ese desmantelamento ten que asumir responsabilidades políticas e presentar a súa dimisión
[Nota completa en .pdf ]
Se na primeira etapa do goberno presidido por Núñez Feijóo, entre 2009 e 2011, cando era secretario xeral de Política Lingüística Anxo Lorenzo, se executaron os máis graves retrocesos lexislativos para a lingua, como a derrogación do decreto do uso e promoción do galego no ensino, a imposición do decreto do plurilingüismo ou o cambio na Lei de función pública co que se anulou a necesidade de facer unha proba na lingua propia do país para acceder a un posto de traballo na administración, na segunda etapa, a partir de 2012, xa con Valentín García como secretario xeral, foise executando a desarticulación económica, técnica e humana do proceso de normalización, consumada agora co desmantelamento do sistema Celga.
DESMANTELAMENTO ECONÓMICODeixar os recursos para o incremento do uso e prestixio do galego en menos dun terzo que hai 20 anosOs recursos da SXPL están polo chan, e a crise non pode ser a desculpa. En recesión económica tamén se estaba en 1993, hai 20 anos e, daquela, os orzamentos para a lingua eran, en termos absolutos, máis de tres veces superiores, e máis de sete veces superiores en termos relativos. Mentres o goberno presidido por Fraga lle dedicaba ao galego o 0,43% do orzamento da Xunta (17,2 millóns de euros, ao cambio), o presidido por Feijóo e con Valentín García como secretario xeral dedícalle 20 anos despois unha sétima parte, isto é, o 0,06% (5,4 millóns). Máis ou menos a metade dunha décima; menos da oitava parte de medio punto; a dezaseteava parte do 1%. Isto é, en cifras, o que para o goberno e a SXPL está a valer o galego.
DESMANTELAMENTO TÉCNICOMenosprezar o traballo dos servizos de normalización lingüística e poñer trabas na xestión e desenvolvemento de acciónsA creación da Rede de Dinamización Lingüística xa foi o primeiro paso para desmantelar o traballo técnico en normalización lingüística, xa que, deste organismo, creado orixinariamente coa idea de coordinar ese traballo técnico, pode formar parte calquera entidade sen ningún tipo de compromiso, e sen contar con persoal específico para o traballo en lingua que planifique, xestione e implemente as accións dinamizadoras. De feito, boa parte das entidades que teñen SNL non están integradas nesa Rede e a súa cada vez máis escasa actividade céntrase en accións puntuais de carácter principalmente cultural que pouco inciden no proceso de normalización lingüística de cara ao incremento do uso do galego nos distintos ámbitos sociais.
Para a coordinación e xestión de “accións de normalización lingüística”, para a Xunta os SNL xa pouco ou nada contan. Isto, sumado á redución e mala xestión das axudas para o seu mantemento, provocou o peche nos últimos anos dun bo número deles. E das axudas da SXPL para este ano 2014, no mes de abril, aínda nada se sabe.
E incrementouse recentemente ese menosprezo, por exemplo, coa xestión deste ano dos cursos Celga, co que se obrigou aos SNL a facer preinscricións para uns cursos que non se sabía que ían existir e, ademais, nun prazo tremendamente reducido para planificar a convocatoria e difundila, recoller as preinscricións, organizar solicitudes, elaborar as listaxes, cubrir e enviar a documentación..., o que é materialmente imposible para que se puidesen informar e anotar todas as persoas potencialmente interesadas. Ademais, eses prazos excesivamente reducidos, sen información previa e sen ter en conta o traballo que desenvolven os SNL e interferindo na súa organización e planificación. E, o que é máis grave, todo iso para nada, pois despois a SXPL decidiu organizar uns cursos si e outros non sen explicar criterios (por exemplo, non organizando algún para o que había ata 60 persoas inscritas) e sen deixar sequera aos SNL fixar datas, lugares nin horarios para os cursos que tiñan lugar na localidade.
Desmantelar o sistema CelgaUn exemplo da procura da desarticulación do proceso de normalización lingüística témolo este ano do sistema Celga. Despois dunha xuntanza entre a CTNL e a SXPL en que se lle presentaron unha serie de aspectos básicos para a convocatoria de cursos deste ano en canto a xestión, matrícula, procedemento, etc., e que, en principio, dixeron que terían en conta para incorporar, dous días despois a SXPL fixo pública a convocatoria de cursos e o procedemento sen incluír ningunha das ideas faladas nesa xuntanza, o que, ademais de sentirnos enganados/as, significaba o comezo do desmantelamento do sistema Celga, pois non se puxeron máis que trabas que impedían a correcta información dos cursos e que a xente interesada puidese participar: prazos ridiculamente reducidos que impediron que a xente puidese ter coñecemento axeitado da convocatoria e tivese tempo a preinscribirse, proceso de preinscrición en cursos sen datas, nin lugares, nin horarios; falta de criterios, obxectividade e transparencia para a adxudicación/programación; posterior organización sen atender a demanda que cumpría os requisitos e sen explicar os motivos e os criterios, con anulación de varios cursos que cumprían eses criterios; proceso caótico de comunicación coas persoas preinscritas, moitas das cales non sabían nada incluso despois de comezaren os cursos; horarios e lugares da formación sen atender recomendacións dos SNL municipais que levan anos xestionándoos e que son quen mellor coñecen dinámicas, preferencias, necesidades, etc.
Todo, semella, coa pretensión de que se inscribise o menor número posible de persoas. E, aínda así, despois de provocar que fosen relativamente poucas inscritas, nin sequera atenderon esa demanda de formación, e fixérono prescindindo do profesorado específico preparado para tal fin e botando man, como horas extra, dalgún persoal diverso xa con soldo da Xunta e sen garantir experiencia mínima.
DESMANTELAMENTO HUMANODesfacerse das persoas traballadoras da linguaDiferentes accións da SXPL foron favorecendo o peche dalgúns SNL, como a maneira de crear a Rede de Dinamización Lingüística ou a redución e mala xestión das axudas para a creación e mantemento destes departamentos. Este xa foi un primeiro paso para desfacerse de persoal técnico preparado e formado para a planificación lingüística.
Mais un paso máis aló deuno a SXPL co profesorado dos cursos preparatorios para os Celga. Desde hai anos desde a CTNL levamos denunciando a situación, pola súa precariedade e por incidir esta na calidade da formación ofrecida, para o que, xa desde o comezo do sistema en 2007, fixemos propostas de mellora. A última, máis completa, madurada e amplamente consensuada con diversos sectores, a Proposta para a mellora da planificación e xestión dos Celga (.pdf), presentada en 2012 e acollida pola SXPL con boas palabras e declaracións de intencións para asumir parte das propostas, mais, na práctica, sen asumir nin aplicar nin unha soa de mínima relevancia.
Mais ben todo o contrario, ata o punto de que, este ano, despois dunha inspección de traballo en que se obrigaba á Xunta a dar de alta a este profesorado na Seguridade Social mentres estivese impartindo o curso, a SXPL decidiu recorrer esa decisión ou, o que é o mesmo, negouse, e négase, a que ese profesorado, mentres estea dando un curso, poida ter contrato e seguro.
E, a raíz disto, a raíz dunha reclamación tan básica como o dereito a ter contrato e seguro mentres se estea a traballar, a SXPL negouse a seguir utilizando a listaxe pública do profesorado Celga (ordenada atendendo a criterios de formación e experiencia e aprobada a súa última actualización por resolución do secretario xeral do 14 de xaneiro de 2014), e botou man doutro persoal da Xunta (como auxiliares, asesores/as, profesorado de primaria ou secundaria, etc.), pagándolle horas extras, e ofrecéndolle esa formación e o seu correspondente sobresoldo de maneira nada transparente.
En definitiva, tras a reclamación de dereitos básicos, desfíxose de todo o profesorado con experiencia e formado nos últimos anos especificamente para a formación lingüística da poboación adulta, do persoal formado para a impartición dos cursos preparatorios para as probas Celga.
Ante estes feitos, ante a gravidade do desmantelamento económico, técnico e humano do proceso de normalización lingüística, desde a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) consideramos que ao secretario xeral de Política Lingüística o único que lle queda por facer é presentar a súa dimisión.
Ningún comentario:
Publicar un comentario