por Bieito Lobeira no Nós Diario:
Foi o Conselleiro de Lingua e Cultura. Por certo, non sei porque aínda lle chaman así a ese departamento: "lingua e cultura". O máis lóxico e congruente, visto o visto, sería designalo sen rodeos polo que é: Axencia Galega da Xente Aproveitada, ou ben Xestoría Rexional dos Estómagos Agradecidos, poñemos por caso. Caben moitas outras opcións, mais esa é outra historia. Volvamos ao tema. O conto é que este insigne "galeguista" afirmou esta mesma semana no Parlamento que non é posíbel un acordo co BNG en materia de lingua por ser o "máis radical, reaccionario e antisistema da historia".
E a continuación, os tópicos e as leccións sobre como defender a lingua galega. Con "amor e agarimo" porque "a mamei" (sic). Para Rueda é un "tesouro que hai que cultivar". Tamén o Secretario Xeral de Lingua afonda nesa estratexia "amigábel" e de "alento" para chegar á éxtase do "bilingüismo cordial". Daquela, o noso –segundo a versión gobernamental– debe ser o único idioma da humanidade que non se pode regular de xeito legal e prescritivo, con dereitos xuridicamente recoñecidos. Iso vale para o español. Para o galego, non. Non é unha lingua. Debe ser un encanto lírico para recitar unha vez ao ano, non para nos comunicar a diario.
E quen non asuma isto é zulú. Non sabemos exactamente o motivo, mais hai anos que as defensoras e defensores do galego reciben o apelativo de "zulús" por parte de quen pretende exterminar a lingua propia deste país. Ten colaborado nesta cualificación mesmo algún insigne membro do Goberno galego. Pois falemos do pobo zulú, exemplo de resistencia á dominación colonial británica. Chegaron a derrotar militarmente o exército británico, naquela altura o mellor e máis dotado do mundo. As súas armas de fogo de repetición e á súa artillería non puideron coas arelas de liberdade do orgulloso pobo bantu bakua zulu. Xa coa independencia da República Surafricana os zulús xogaron un papel esencial na loita contra o apartheid. Chamáronos terroristas. O eurocentrismo non perdoa tanta insubmisión e tanta dignidade, e "zulú" pasou a ter consideración pexorativa, construíndose como símbolo universal de atraso e brutalidade, dun pobo ("tribos" para os supremacistas europeos) estigmatizado só por lle facer fronte ao todopoderoso imperio británico e por reclamar xustiza e igualdade no novo estado surafricano. Tamén sobre nós teñen feito curiosas caricaturas, que perduran. Por algo será.
Nós, galegas e galegos. E tamén, se é preciso, orgullosamente zulús.
PS: Un medio de comunicación español sinalou como "vítimas inocentes" da "ira da guerra dos aiatolás" ao rei emérito e o seu neto Froilán, que deben permanecer durante este tempo recluídos na súa humilde residencia de Abu Dabi. Non podo nin imaxinar o nivel intelectual das conversas que manterán os dous exiliados. É tan cruel a situación que padecen que o emérito non puido participar na regata "Trofeo Xacobeo" en Sanxenxo. E iso non ten nome. Xa está ben de tanta xenreira contra o Bribón (refírome ao barco).

Ningún comentario:
Publicar un comentario