Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 18 de abril de 2026

Orgullo e prexuízo

 


editorial por Xoán Costa, no Nós Diario:

"Somos orgullosamente bilingües", dixo Alfonso Rueda no Parlamento. A frase soa ben, mais importa perguntarse quen é ese "somos", que significa realmente ser "bilingües" e de onde vén tanta fachenda. Ese "somos" dá por común o que non é, xa que na Galiza unhas persoas poden viver sempre en castelán sen obstáculos e outras atopan trabas constantes para usar o galego, mesmo onde debería estar garantido. Non é unha vivencia compartida, é unha desigualdade imposta.


E de que está orgulloso? De ver como se vulneran dereitos lingüísticos ano tras ano? A xactancia serve aquí para suavizar un problema ideolóxico: presenta como harmónica unha situación desigual e evita explicar por que unha lingua domina e a outra permanece relegada. "Orgullosamente" acaba sendo unha coartada.


As ciencias da linguaxe non chaman a isto bilingüismo, senón diglosia: dúas linguas cun reparto desigual de usos, prestixio e poder. Unha domina; a outra fica subordinada. Non é convivencia, é xerarquía. Chamarlle bilingüismo encobre a realidade e perpetúa a desigualdade.


A nivel persoal, o señor Rueda pode sentirse orgulloso do que considere mellor. Mais como presidente ten a obriga de velar polo cumprimento do artigo 5.4 do Estatuto: ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua. Mágoa que, a respeito diso, o prexuízo supere por moito o orgullo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario