por Manuel Bragado no Nós Diario:
Non hai análise posible do estado da edición en galego sen reparar na modalidade literaria que funciona como o seu cativo escaparate en medios e redes, inducindo ao erro de identificala co conxunto do sector. A efectos de análise do seu estado, continuando a entrega anterior sobre a literatura infantil e xuvenil, seguiremos a convención dos estudos de Comercio Interior do Libro da Federación de Gremios de Editores, que considera catro modalidades: a primeira, a Literatura, que abrangue as publicacións de narrativa, poesía e teatro, ademais de ensaio e crítica literaria; a segunda, a Literatura Infantil e Xuvenil; a terceira, o Libro de Texto e materiais didácticos; e, por último, a de Non Ficción, un caixón de xastre no que se inclúen os textos de ciencias e tecnoloxía, ciencias sociais (a máis relevante na edición galega), ademais dos libros e divulgativos (gastronomía e guías de viaxe), así como as enciclopedias e dicionarios impresos, que na actualidade sofren unha crise gravísima, mitigada con algunhas reimpresións das súas versións escolares, prescritas en 3º de Educación de Primaria ou 1º de ESO.
Os datos máis recentes dos que dispoñemos, aínda do Comercio Interior do Libro de 2024, amosan que a edición de Literatura supón 25,5% dos títulos impresos publicados en galego polas editoras da AGE, 199, aos que estimamos habería que engadir outros 30 publicados por editoras que non forman parte da AGE. Como os exemplares de Literatura, 232.000, supoñen 25,4% dos impresos en galego e os 1.707 títulos, 19,3% do catálogo dispoñible nas librarías. Por último a tirada media da edición literaria é de 1.165 exemplares e a facturación, apenas 1,6 millóns de euros a prezos de capa, supón o 18,3% do conxunto do sector.
Datos de 2024 que comparados cos do ano 2007, tras a aprobación da Lei do Libro e a Lectura, momento do maior fulgor da edición galega na Autonomía, indican que a edición de Literatura retrocede en todos os eidos: en títulos 25,18%; en exemplares, 46,10%; en tirada media no 28,39%, a pesar de que está por riba do sector, 1.099; en catálogo, 49,26%, froito das descatalogacións masivas, que afectan a todas as modalidades coa intención de reducir custos de almacenamento, sobre todo, das editoras tractoras do sector (Xerais e Galaxia); e mesmo en facturación, 11,1%, tras acadar en 2015 2,8 millóns de euros, o que na última década acentuaría a perda de vendas literarias nun 42,85%. Cifras que non poden agochar o paso atrás, compartido coas modalidades de Libro de Texto e de Non Ficción, sufrido pola edición literaria impresa en galego, a pesar da súa resiliencia. Descenso mitigado polo desenvolvemento dunha edición dixital, atenta a ofrecer a posibilidade de lectura en pantallas, sobre todo, de novela, como se pode comprobar no catálogo dispoñible do programa "GaliciaLe", que supera os dous mil títulos, sendo xa superior ao dispoñible en formato impreso.
Fenda de xénero
Ademais, ten interese coñecer a composición desta edición literaria que, como podemos comprobar consultando os datos, está liderada pola edición de Narrativa (novela e relato), con tendencia continuada de crecemento, en termos relativos, dende 51,12% en 2007 a 66,83% en 2024. Noutras palabras, máis de seis de cada dez libros literarios en galego son narrativos, unha cuarta parte de poesía e teatro (dos que carecemos de datos desagregados) e o resto, correspondente a ensaio e crítica, nunha proporción cada vez máis reducida. Primacía da Narrativa á que non é allea a continuidade da publicación das novidades das coleccións Xerais Narrativa e Galaxia Literaria, tractoras da modalidade, que superan no seu catálogo histórico os cincocentos títulos cada unha delas, ofrecendo entre 15 e 25 títulos novos cada ano, xeralmente xa de forma simultánea en edición impresa e en formato epub.
É imprescindible, tamén, sinalar a fenda de xénero existente na edición de Narrativa, onde no ano 2024 as novidades das narradoras non superaron 30% da oferta. Por outra parte, atendendo a que 60% das vendas de literatura galega se efectúa nas librarías, 25,9% son vendas directas das editoras a centros escolares, 3,3% en hipermercados, sendo pouco significativas as realizadas en Internet.
Por último, convén reparar en que os dereitos de autoría da edición literaria galega supuxeron en 2024 apenas 160.000 euros, cantidade moi por baixo do pagamento de autorías de 2007. Retroceso comercial que no caso do libro literario galego ten tamén que ver coa súa escasa visibilidade nas propias librarías, a pesar de estar máis presente nos medios e nas redes ca outras modalidades do libro galego.


Ningún comentario:
Publicar un comentario