Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 29 de abril de 2026

A lingua dos nosos nenos


 por Xosé-Henrique Costas no Nós Diario:

Hai uns días vin na rede un vídeo dun grupiño de rapazas participantes na actividade –fagocitadamente institucional– dos "21 días co galego". Daba para reflexionar bastante e comprobar tristemente as dificultades para aquelas nenas se expresaren nun galego fluído. Recoñecían que ningunha delas falaba o galego normalmente, aínda que na casa dalgunha os pais falaban. 21 días co galego no mes de xaneiro, si, moito ben, e antes? E despois? E no curso que vén? E os libros de texto? E o profesorado? E o lecer?


Diversos traballos científicos –como o último realizado pola Real Academia Galega en Ames– certifican que a escola segue a ser unha trituradora de galegofalantes, e moito máis desde o Decreto de 2010, que os nenos abandonan a lingua da casa ou da contorna veciñal así que pisan as aulas porque son absorbidos nuns casos pola lingua da maioría dos escolares, a lingua do profesorado, ou polo prestixio da lingua con máis ou única presenza na TV e nos videoxogos.


Desgaleguización

En moitas vilas e cidades o único contacto que teñen os nenos co galego é só nalgunhas poucas aulas, como se fose unha lingua estranxeira. E, deste xeito, os nosos fillos son asimilados e aos poucos meses volven á casa cheos de prexuízos e falando castelán. "Papá, por que na casa falamos tan feo?", preguntoume un fillo meu con tres anos. E tiven que lle levar Pepe Carreiro á aula para facer unha demostración dos Bolechas e así reforzar a súa autoestima e identidade.

Eu penso que, previamente a esa maldita estocada maldita do Decreto de Lingüicidio de 2010, o mal xa viña da propia Lei de Normalización de 1983, porque é imposible que se cumpran asemade o art. 13.1 (Os nenos teñen dereito a recibir o primeiro ensino na súa lingua materna) e o 13.3. (Os alumnos non poderán ser xebrados en centros diferentes por razón de lingua). Xa me dirán como se pode garantir o ensino do galego se non é polo sistema de inmersión, o cal, á vista dos resultados brutalmente desgaleguizadores destes 40 anos, require a separación dos nenos por linguas polo menos ata os 10 anos.

Se queremos que unha plantiña delicada sobreviva á intemperie, primeiro teremos que lle dar uns coidados especiais nun alcouve, para logo, cando a planta xa estea grande e forte, podérmola transplantar con garantías ao exterior. Coa lingua pasa igual: se queremos que os meniños galegofalantes sobrevivan á castelanización temperá escolar primeiro teremos que facer que medren fortes na súa lingua, para resistiren ben os climas adversos e poderen medrar logo con normalidade. Ou hai inmersión lingüística ou pouco hai que facer coa lingua escolar mentres non mude a adversa e letal climatoloxía político-lingüística. E as exemplares Semente non chegan.


Actuar, non laiarse

O Decreto de 2010 foi demoledor, os datos están á vista. Agora xa foi, Marica non chores. Pero, e o profesorado? Canso? Desmotivado? Submiso? Pois non debería, porque a súa/nosa responsabilidade na non-desgaleguización é inmensa. Como é que certo profesorado descoñece os produtos culturais galegos: música infantil, literatura e filmes infantís, xogos ou actividades de maxia, cinema, teatro, contacontos que teñen lugar nalgúns concellos? E non me vale a desculpa de que son invisibles nos medios porque hoxe hai alternativas para se informar. E logo como hai pais ou nais ou profesorado coñecedor que non divulga regularmente entre as ANPA e a rapazada eses produtos ou actividades tan formativos e galeguizadores?


Mentres non mude este clima adverso ao galego, a cidadanía pouco pode intervir nas aulas, pero si en troques (profesorado incluído) pode facer que fóra delas exista unha atmosfera máis favorable ao idioma, empezando polas familias. Si que podemos facer aínda moitas cousas á marxe da Secretaría Xeral da Lingua ou da Inspección educativa, máximas culpables da exterminio amable e indoloro do noso idioma nas relacións entre os cativos galegofalantes.


Cómpre mellor formación e reciclaxe en/do galego do profesorado (con graos e mestrados de educación hoxe aínda maiormente en castelán); cómpren escolas de inmersión en vilas e cidades; cómpre visibilizar a enxurrada da magnífica produción cultural en galego para a infancia, moita dela semioculta nas librarías e comercios e ignorada (adrede?) polos medios en castelán; queren galeguizados moitos espazos de lecer das nosas crianzas: clubs deportivos, campamentos, cinema etc. Non nos podemos parar a laiar da desgraza letal do Decreto de 2010 e actuemos en todo o que está da nosa man, comezando pola lingua da casa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario