por Xosé Carlos Gz Añón no Nós Diario:
Nas políticas sobre a lingua galega levamos preto de medio século de persuasión + nada ou, como moito, de implantar medidas cosméticas sen exixir case nunca o cumprimento de case nada, cos desastrosos resultados (para o galego) que temos diante.
O mantra da só persuasión achegoulles e achégalles ós poderes públicos indolentes coa normalización do galego (ou directamente contrarios a ela) un agasallo e unha coartada para non faceren ren. Non debería ser necesario dar moitas explicacións para concluírmos que a estratexia ten que mudar radicalmente.
É imprescindíbel muda-lo principio de só persuasión, omnipresente todas estas décadas, para o de persuasión + exixencia: hai que persuadir, mais tamén implantar medidas que obriguen, nos ámbitos e supostos necesarios, e, despois, controlar e verifica-lo seu cumprimento; non ficar nas declaracións xenéricas e termos sen consecuencias (procurar, dinamizar, impulsar...) que enchen sempre a lexislación sobre o galego.
O castelán (lingua allea) é a única lingua que, legalmente, témo-lo deber de coñecer. O galego (lingua propia), non. Onde está a imposición?
Velaquí, nun extracto moi resumido, algúns exemplos ilustrativos de propostas que, con estas premisas, consideramos que axudarían a reverte-lo escenario e a que o galego chegue a ser normal na Galiza:
—Crear un organismo oficial que supervise, controle e garanta o cumprimento das normas protectoras e normalizadoras do galego polas diferentes entidades públicas galegas. Del deberían facer parte entidades diversas, oficiais (Secretaría Xeral da Lingua, CCG, RAG, universidades, entidades locais...) e sociais (A Mesa, CTNL, Agal...).
—Enche-las entidades públicas de persoal de normalización, mesmo explorando a posibilidade de facer obrigatorios estes postos, sobre todo, nos concellos (aínda que fose compartíndoos), como é obrigatorio ter outras clases de persoal.
—Estabelecer, como unha obriga transversal nas unidades, órganos etc. e nas funcións de tódolos postos das entidades públicas galegas, que se atenda permanentemente o cumprimento das medidas normalizadoras do galego. Prescribir expresamente que, cando se observe o incumprimento da obriga de emprega-lo galego haxa que devolver ou facer retrocede-las actuacións.
—Modifica-la lexislación de acceso ó emprego público para teren que demostra-lo coñecemento da lingua galega tódalas persoas aspirantes, sen exencións de exercicios de galego. Controlar permanentemente a competencia lingüística do persoal empregado público.
—Recoñecer na lexislación as diversas opcións lingüística e filoloxicamente lexítimas de normas existentes para a lingua galega. Implantar unha política de respecto e colaboración entre tódalas propostas normativas.
—Vira-lo modelo educativo para o galego se-la lingua vehicular total, agás nas materias de linguas non galegas. Garantir unha competencia real e absoluta na lingua galega do profesorado.
—Estabelece-la obriga de a rotulación dos comercios galegos estar, como mínimo, en galego. Obriga-las empresas que contratan coas administracións galegas a emitiren na lingua galega a documentación derivada desa relación.
Un novo modelo
Tampouco non é preciso incidir na cuestión do financiamento. Para levar adiante estas propostas ou outras que pretendan unha verdadeira normalización lingüística, os orzamentos públicos para a lingua (miserentos fronte a calquera comparanza, non xa cos vascos ou cos cataláns, que deberían se-la referencia, senón mesmo cos que había hai décadas, aínda que moi insuficientes sempre) teñen que se multiplicar por moito.
Debemos desbotar moitos tópicos e prexuízos que impiden unha normalización real da nosa lingua. Un deles é que hai unha imposición do galego. Calquera pequena medida a prol do galego é criticada como unha imposición, mentres que o castelán está protexido por centos de normas e iso é considerado o natural. O castelán (lingua allea) é a única lingua que, legalmente, témo-lo deber de coñecer. O galego (lingua propia), non. Onde está a imposición? É necesario denunciar permanentemente esta situación de inferioridade legal radical do galego respecto ó castelán, pouco difundida, e reclamar un novo modelo lingüístico que o solucione.
En fin, temos que combate-lo tópico, letal para a normalización, de que a única vía é a persuasión.
Persuasión, si, obviamente. Exixencia, tamén, necesariamente.

Ningún comentario:
Publicar un comentario