Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 19 de marzo de 2026

Praza da Quintán

 


por Xosé-Henrique Costas no Nós Diario:

En xullo pasado, a Comisión de Toponimia da Xunta da Galiza aprobou unha proposta da Real Academia Galega (RAG) para modificar os nomes oficiais dunha ducia de concellos e tamén de 2.600 lugares e parroquias. Na meirande parte dos casos tratábase de detalles menores: suprimir ou engadir un artigo (O Castro de Caldelas, A Ribeira de Piquín, O Porto do Son) ou eliminar guións (Oza Cesuras, Mondariz Balneario, Cerdedo Cotobade).

Noutros casos restituíanse formas aínda hoxe oficialmente deturpadas, caso do concello da CaNiza, como xa se fixera hai décadas coas Pobras (do Caramiñal, de San Xiao…), etc. E foi moi pedagóxico que os toponimistas da RAG se desprazasen ata algúns deses concellos e parroquias para explicaren con datos e argumentos científicos o porqué desas mudanzas, sobre todo para evitaren loias e desinformacións galegofóbicas, porque nestes casos é crucial a pedagoxía social sen intermediarios.


Unha oportunidade perdida

Mais tamén foi unha auténtica pena –coido eu– que desta feita non se restaurasen tamén outras castelanizacións aínda existentes, por sinal un Maceda de Trives –así en toda a documentación antiga e así sempre en Nós Diario– en troques da castelanización temperá Manzaneda, ou A Cabeza Grande, e non Cabeza de Manzaneda, nome comercial dunha estación de esquí e non de lugar tradicional ningún.

Recibín convite para asistir o 14 de marzo a unha asemblea aberta pola Lingua Vital na capital do país, nunha praza aínda hoxe chamada oficialmente "da Quintana". Convócame unha organización que loita exemplarmente pola defensa do idioma. Todos sabemos que nesa mesma praza, icónica para o galeguismo, veñen rematar historicamente moitas manifestacións e reivindicacións de todo tipo de organizacións comprometidas co país e co idioma e que por inercia chaman "praza da Quintana".


Sempre me resultara estraño este topónimo A Quintana, con esa terminación tan allea. Busquei no nomenclátor toponímico galego e non apareceu por ningures nada igual, onde si, en troques, figuraban ducias de formas como A(s) Quintán(s) na faixa occidental e A(s) Quintá(s) nas faixas central e oriental do noso territorio lingüístico.


Sobre o rastro dun topónimo deturpado

Procurei na documentación antiga de Santiago e atopeina como Quintaa de Paaços, tamén escrita como Quintán, Quintã ou Quintãa, cuxa lectura ten que ser ben á maneira occidental A Quintán (como a mañán, a irmán, a mazán), ben á centro-oriental A Quintá (como a mañá, a irmá, a mazá). A forma Quintana sería, xa que logo, unha castelanización posterior ao século XV da forma autóctona orixinal A Quintán (de Pazos), algo que non nos debería de sorprender porque coñecemos centos de casos semellantes.


E digo eu: todas as persoas, empresas, institucións e organizacións que traballan pola restauración da lingua, do mesmo xeito que xa diciamos e escribiamos antes de 2025 A CaNiza e Maceda de Trives ou, moito antes de seren oficiais en 1983, A Pobra do Caramiñal, Santa Uxía de Ribeira, Viveiro, Coruxo ou O Carballiño, non podiamos tamén axudar a restaurar certos topónimos urbanos que foron substituídos ou deturpados polo castelán?


Por exemplo: o paseo da Corredoura de Tui, castelanizado en La Corredera (e mal regaleguizado na Corredeira), que case ninguén emprega na súa forma propia: A Corredoura. Ou A Quintán de Santiago, castelanizada nunha Quintana que ninguén dá tirado da boca nin do folio porque non se visibiliza nin se espalla a forma verdadeira.


Galeguización onomástica

E penso que como a toponimia ecoa en moitos dos nosos apelidos, no ronsel da campaña de galeguización onomástica emprendida hai pouco polo BNG e chamada "Pronúnciate", poderíase aproveitar para animar as galegas e galegos apelidados Quintana a poren oficialmente cadanseus apelidos como Quintán (os occidentais) ou Quintá (os centro-orientais). É unha cuestión de restauración identitaria. E aínda ben que os que se apelidan Quintela –unha quinta pequena–, libraron de que os castelanizasen en Quintanilla.


Por se acaso, eu o 14 de marzo irei á asemblea aberta de Lingua Vital á praza da Quintán, e de paso aproveitarei para lle solicitar ao Goberno compostelán presidido pola doutora Goretti Sanmartín, que inicie os trámites de restitución do verdadeiro nome desa praza referencial para toda persoa de alma e lingua galega: A Quintán.

Ningún comentario:

Publicar un comentario