por Xosé Lois García, no Nós Diario:
Os actuais políticos abandeirados por partidos que proclaman ese unitarismo españolista, disfrazado polo centralismo rancio e trasnoitado, constatan a unidade de España por enriba das xustas reivindicacións das nacionalidades periféricas do Estado español. Estes políticos moi pouco exercitados na diversidade cultural, lingüística e emocional dos outros, están asentados e comprometidos, a toda costa, co monolingüísmo: idioma único e patria única. Iso si, asentados no idioma castelán e a patria española, feita á medida da Castela que “desprecia lo que ignora” -palabras de Antonio Machado-.
Con relación a Galiza, ese monolingüísmo agride á supervivencia do idioma galego. Visto o actual “Estatuto de Galicia”, feito e consensuado á medida dos intereses centralistas da UCD, que entrou en vigor como Lei Orgánica 1/1981, de 6 de abril. No Título Preliminar, 5. 1-3, di: “A lingua propia de Galicia é o galego”. A continuación aparece a trampa: “Os idiomas galego e castelán son oficiais en Galicia e todos teñen dereito de coñecelos e falalos”. Por tanto, este apartado 2, non deixa lugar a dúbidas de que estamos ante unha cooficialidade que prima mais o castelán que o idioma orixinal de Galiza. Un preliminar que potencia o bilingüismo que non deixa de ser unha pretensión mono lingüista en favor do centralismo castelán, posto en uso, outra máis, “doma e castración” da que nos fala o cronista Zurita, que puxeron en práctica os reis Católicos no século XV.
O “Estatuto de Galicia”, plebiscitado en 1980, con moi pouca participación, e agora vixente, non deixa de ser un Estatuto feito á medida dos unitarios estatalistas que recorta lexítimos dereitos a lingua orixinaria e común dos galegos, que se fala en varios concellos de Sanabria (Zamora), na comarca do Bierzo (León) e nunha longa franxa fronteiriza con Asturias, froito dos recortes xeográficos que Javier de Burgos, aquel ministro de Estado centralista que fracturou o nosos idioma, nos anos trinta do século XIX.
O “Estatuto Galego” plebiscitado o 28 de xuño de 1936, no Título I Artigo 2º, lemos: “Poderá agregarse a Galicia calquer territorio limítrofe de características históricas, culturais, económicas e xeográficas análogas, mediante os requisitos que as leis xerais establezan”. Neste texto abríase unha esperanza que lexitimaba o noso idioma neses territorios desarticulados da patria común polo estatalista Javier de Burgos.
No Estatuto Autonómico de Castilla e León (Lei Orgánica 4/1983, de 25 de febreiro), nada di sobre o idioma que se fala no Bierzo, é obvio que non se fai referencia a lingua galega, orixinaria dos territorios mencionados desa comunidade autónoma. O mesmo acontece co Estatuto de Estremadura no que non se recolle a fala dos tres lugares, na provincia de Cáceres, que non é outra que a galega de acentos medievais.
No artigo 4 do Estatuto de Autonomía de Asturias (Lei Orgánica 7/1981, de 30 de decembro), lemos: “O bable gozará de protección. Promoverase o seu uso, a súa difusión nos medios de comunicación e no ensino, respectando, en todo caso, as variantes locais e voluntariedade na súa aprendizaxe”. Os señores da idea única ignoraron, neste texto, a realidade que ninguén ignora: a presenza do galego nesa enorme franxa do río Eo. Sírvanos de referencia o Estatut de Catalunya de 1979, no que respecta a unha diferenciación, tan ampla, como a que se dá na Vall d’Aran, que se recolle no artigo 3. 4., que di: “A fala aranesa será obxecto de ensino e de especial respecto e protección”. Cataluña sempre abrindo xanelas.

Ningún comentario:
Publicar un comentario