Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 27 de marzo de 2026

Carta aberta a Barreiro Rivas


 por Alfonso Eiré, no Nós Diario:

Señor Xosé Luís Barreiro Rivas, levo matinando hai moito tempo que vostede é unha especie de comenenciudo, xornes que prolifera abondo en persoas que pasaron polo Seminario e se abriron logo, brillantemente, paso na vida.

Aínda así deume moito que pensar o seu artigo do pasado sábado contra o galego.

Nin o día escollido, nin o título, nin a tese defendida por vostede, considero que non estivo elixida ao chou, senón froito dunha cavilación fondamente demorada.

Escolleron o día da publicación no que tiña lugar a asemblea de Queremos Galego e, que coincidencia, nin o xornal no que escribe, La Voz de Galicia, nin os principais medios de comunicación, fixeron mención antes e despois da súa celebración nun singular ocultamento sen precedentes.

Imaxino que non foi unha consigna do PP senón que este ataque redomado contra o galego obedece a intereses que van moito máis alá dos meramente electorais e partidarios.

Que forzas económico-sociais teñen interese en acabar co galego canto antes? Ou só é unha vendeta contra o nacionalismo polo de Altri, como o rexeite á elección do Vice-valedor? Cal é a forza contra Galiza dos poderes que se acubillaron por detrás  dunha empresa pretendidamente foránea?

Desde que chegou á política, señor Barreiro, estou convencido que nunca gustou do galego. Só teño unha dúbida: odia máis ao idioma no que se criou ou ao nacionalismo?

Lembre cando instaurou os Premios de Xornalismo e deixou deserto o de medios en galego, que suprimiu logo, para non outorgarlle ese millón de pesetas A Nosa Terra, o único periódico en galego. Lembre o escándalo e as protestas de viva voz e por escrito de 72 xornalistas, cuxa sinatura conservo, alí na entrega de premios no Convento de San Francisco.

Lembre como cando promulgou as axudas aos medios por escribir en galego tamén deixou fóra A Nosa Terra, argumentando non estar escrito en “normativo”, cando nós viñamos narmalizando o galego moito antes do apaño que perpetraron cunha normativa alleante que só beneficiaba a algunha empresa e a algúns individuos.

Lembre o ditame do Valedor do Pobo. Por certo, a mesma técnica que está usando agora o “seu” PP con Nós Diario. Non lle vendería vostede a idea?

Aínda así nunca usei o “informe” no que o acusaban de “prevaricador” e defendino cando os seus antigos compañeiros de AP o levaron á xustiza e o alcumaron de “felón”.

Por certo, aqueles documentos que nos prometera a Xosé Manuel Beiras e a min nunca chegaron ás miñas mans.

Era o que agardaba. Porque eu nunca confiei no seu galeguismo. Nin cando desembarcou en Coalición Galega, nin cando “asesoraba” a Xosé Manuel Beiras ou a Anxo Quintana. Só defendín unha causa que consideraba xusta.

Son moitos anos xa de xornalismo!

Aínda me lembro cando explicaba que se non escribía en galego en La Voz de Gacia era “para chegar a mais xente, pero sempre defenderei o noso idioma”.

Ou cando fachendeaba da posta en marcha da RTVG, como o seu gran logro persoal, e “o motor da pervivencia do noso idioma”.

Vaiche boa!

Por certo, nunca lle lin nada denunciando a deturpación dos principios legais nos que se asenta a RTVG, dos que tanto se gababa, que violentan un día si e outro tamén.

No seu artigo do sábado hai un parágrafo que me magoa. "... Por iso, considero un camiño trabucado o que seguen certos colectivos e asociacións coma Queremos Galego, e tamén a política lingüística oficial, que, en vez de fiarse da verea aberta por Celso Emilio Ferreiro —«Lingoa proletaria do meu pobo / eu fáloa porque si, porque me gosta, / porque me peta e quero e dáme a gaña / porque me sai de dentro, alá do fondo / dunha tristura aceda que me abrangue...», que é o único modelo que pode funcionar, volven outra vez ao paternalismo oficial e privado, con pautas legais e diñeiro público, para ensinarnos en que consiste ser galegos e como se debe construír —ao ditado— a «boa nazón de Breogán, de Breogáaaan»".

Non que ataque a Queremos Galego e a todos os que defendemos, consecuentemente, o noso idioma. Que, como impositor, nos acuse aos demais de imposición. Xa non é nada novo. Senón que utilice, con alevosía, o versos de Celso Emilio, con esa técnica aprendida no Seminario, para dicir todo o contrario do que defendía o daquela militante da UPG (A que doe, eh?).

Denuncia tamén que o galego se “utiliza por enriba da demanda real”, que hoxe está subvencionado, que se ensine e se use na educación pública (non fala da administración, por certo) ou se “edite con forzes”. E aínda lle parece que a Xunta, que incumpre todas as leis, defende o noso idioma!

Porque non existe unha demanda social real polo seu uso, señor Barreiro? Compare co éuscaro ou catalán? E non contribuirán a esa situación artigos como este seu que forman parte dunha campaña de desprestixio social e de eutanasia asistida.

Coincido con vostede en que o galego perde a cada paso falantes e, tamén, mire por onde, que ningún idioma foi eterno. Nin as persoas. Así que agardo que, se vostede está enfermo, pídolle ao seu Deus que lle conserve a saúde, vaia ao médico e que non diga que “hai que ir morrendo”.

Porque o galego non está a morrer do morte morrida, senón de morte matada. É a nosa obriga defendelo... E non vou dar as razóns, xa que vostede as coñece ben. O que semella descoñecer é a lealdade para co seu pobo, malia os xuramentos realizados.

Que o seu Deus o colla confesado!

Ningún comentario:

Publicar un comentario