Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 3 de agosto de 2026

Futuro para o idioma ou plan do 'show'?



por Marcos Maceira, no Nós Diario:

O pasado 15 de xullo a Xunta presentou a revisión do Plan Xeral de Normalización Lingüística (PXNLG) de 2004. Un show descrito perfectamente nestas páxinas por Manuel Xestoso, que contrasta coa acción real da Xunta a respecto do idioma, tanto nos 17 anos que pasaron desde o retorno ao goberno do Partido Popular, como estes dous últimos con Rueda á fronte. Pasado o día, PP e Xunta condicionan a súa obriga de actuar a favor do galego a que as entidades sociais de todos os ámbitos que llo reclaman, acepten a rebaixa.  


A revisión presentada non cuestiona o boicot directo da Xunta e do PP á oficialidade do galego na UE, que por afectar a normas de obrigada aplicación ten efecto directo na oficialidade dentro de Galiza. Sobre esta cuestión a revisión do PXNLG cínguese a apoiar o uso do galego só no Parlamento europeo e sempre que a tecnoloxía permitir que non teña custe ningún. De novo, oficialidade condicionada.


Algo semellante acontece coa administración. Ningunha referencia ás modificacións legais comezadas por Feixó e continuadas por Rueda, a última no pasado decembro, para favorecer que aspirantes a formaren parte das listas de contratación pública non teñan que demostrar o coñecemento de galego.


No ensino móstrase a disposición a mudar o decreto contra o galego mais mantendo límites na docencia sen concretar materias, para que sexan os centros os responsábeis de estabelecer en cales se prohibe o galego. O rigor do PP contra o galego en Galiza é maior do que mostra en Cataluña onde reclama o cumprimento da sentenza que promoveu perante o Tribunal Supremo e que fixa un máximo de 75% de docencia en catalán.


A liquidación do galego

Toda a acción dos gobernos do PP na Xunta, dirixiuse a desmantelar a escasa oficialidade real do galego e liquidar o acordado en 2004 no PXNLG. Procuran agora un novo Plan á súa medida: sen prescrición de aplicación, sen mudanzas na lexislación e condicionando todo á dubidosa vontade de se cumpriren. Onde o acordo de 2004 falaba de “estabelecer accións” a revisión do PP emprega verbos como fomentar, impulsar, promover, sensibilizar, favorecer ou fórmulas como “cando proceda” ou “na medida en que o permita o ordenamento xurídico”, como se a Xunta non tivese capacidade de actuación ou de mudar as normas que exclúen o galego -algunhas, como a da IA, recentes- en ámbitos como a administración, o ensino, a economía, as tecnoloxías ou a CSAG (antiga CRTVG). A quen lle terá que pedir permiso a Xunta para estar a favor do galego? Na Lei de Normalización Lingüística de 1983, afirmábase que o galego era a lingua oficial das administracións públicas. Até aí chegan os recortes.


A revisión proposta polo PP sería a única posíbel e o máximo ao que podemos aspirar. Empregando a chantaxe, coa lingua como refén, pretenden que a sociedade que se mobilizou para reverter a emerxencia lingüística e elaborou a alternativa contida no Protocolo Lingua vital, renuncie á posibilidade de contar coa presenza e dispoñibilidade do idioma de Galiza en todo e para todo.


Neste contexto cómpre facer visíbel a existencia dunha alternativa real e sen limites á situación da lingua. Nese empeño está a plataforma cidadá Queremos Galego, que xa anunciou a presentación en setembro da Iniciativa Lexislativa Popular Lingua vital onde se plasmarán os principais aspectos dunha política que aspire realmente a virar o rumbo do noso idioma.


 A ILP Lingua vital proporá mudar e incorporar o preciso para asegurar os dereitos lingüísticos e obrigar os poderes públicos a cumpriren os seus propios plans a favor do galego. Incluirá a derrogación do decreto 79/2010 e o establecemento do galego como a lingua vehicular do ensino; blindar a oferta positiva na administración, xustiza e sanidade; programas específicos para as persoas migrantes; reversión da lei de medios públicos, recoñecendo o papel do galego como lingua exclusiva da CSAG, investimento público na cultura dirixido á oferta en galego; disposición do idioma nos servizos comerciais ou accións para o galego estremeiro e de proxección internacional.


A iniciativa polo idioma está, como sempre, nun pobo que, unido arredor da plataforma Queremos Galego, non se resigna e que porá os seus mellores esforzos para que unha nova mobilización social, rúa a rúa, sinatura a sinatura demostre que o futuro para o galego, fóra dos deseños do PP, é posíbel e será realidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario