Manifesto do Día de Rosalía 2016, que será leído nos actos que se celebran o 24 de febreiro, vía AELG;
Non podemos saber como sería hoxe Rosalía de Castro. Ou si: sería como era, como foi, como segue a ser, como é Rosalía. E como é Rosalía, que agora non o podemos saber?Sabemos, sabemos. Sabemos que foi verdadeira, que viviu toda a súa vida converdade e que foi unha persoa libre, e sabemos que a liberdade hai que pagala e por iso a súa vida foi dura.Non hai liberdade se a palabra non é libre, e por iso ela escribiu sen medo ningún para combater «aos que sen coñecemento algún nin razón, nos desprezan, que a nosa lingua non é aquela que bastardean e chapurran nas máis ilustradísimas provincias, cun riso de mofa.» A súa preocupación polo país nacía dun orgullo profundo de ser galega, «o máis triste nesta cuestión é a falsedade con que fóra de aquí pintan así aos fillos da Galiza como da Galiza mesma.»
Escribiu poesía, e a poesía abrázao todo: a alegría, a esperanza, a dor..., e tamén a denuncia da opresión, e tamén as proclamas da política da liberdade. Nos seus versos cabe a liberdade da Galiza e tamén a xustiza social que reclama para todos os «desherdados», mesmo explicitamente para os traballadores: «Obreros incansables, yo os saludo.»
E se escribía sobre os demais, os demais que sufrían, era porque o sentía. Toda a súa poesía é lírica; non nace das ideas, que nace dos sentimentos, afectos e emocións da autora.E todo o que ela sentía e toda a xente que ela sentía como súa, habitaba dentro dun mundo vivo todo el. Poucas veces a natureza aparece tan constantemente, rodeando e envolvendo a vida toda. As augas, as árbores, as plantas, os ceos, un mundo vivo e activo, ás veces amábel e familiar:Baixo a prácida sombra dos castañosdo noso bon paísbaixo aquelas frondosas carballeirasque fan dose o vivir;cabe a figueira da paterna casaque anos conta sin fin,qué contos pracenteiros, que amorosasfalas se din alí!
E, cando dentro dela lle nace unha pena, sempre ten a certeza de que aí fóra hai uns ceos claros onde mora a esperanza:No ceo, azul crarísimo;no chan, verdor intenso;no fondo da alma miña,todo sombriso e negro.
Ninguén lle quite a Rosalía o que Rosalía dixo e foi: «Solo cantos de independencia y libertad han balbucido mis labios.» Ninguén diga que foi muller encollida ou, sequera, vencida. Non escribía con tinta, que escribía con sangue: «Mollo na propia sangre a dura pluma.»Estaba posuída por unha forza e unha ansia sen igual. E comezou a vivir a vida con esa alegría, foi unha moza destemida que desafiou as convencións feitas para encerrar as mulleres «pues siempre cuando yo paso/ de mí murmuran y exclaman.» Desde o principio quixo ser escritora, muller escritora, e enfrontouse ao destino que tiñan as mulleres da época desde que nacían simplemente por naceren mulleres: «desde la cuna ya, el ruido de las cadenas que debían aprisionarme para siempre, porque elpatrimonio de la mujer son los grillos de la esclavitud.» E desde moi nova decidiu ser creadora e fixo por selo, fixo por ser muller escritora. E foino, contra todo e contra todos.Acabou sendo querida pola xente que ela máis quería, a xente humilde que fixo dela unha bandeira, unha estreliña de esperanza. «¡Ai, dos que levan na frente unha estrela! ¡Ai, dos que levan no bico un cantar!», dixo dela o noso Curros. Mais non puido evitar tropezar coas paredes da realidade social, non puido ter o éxito como novelista profesional que arelaba. Encerrada na casa, criando a súa rolada de fillos, atravesada pola dor da perda dalgúns deles, acabou a súa vida como o que foi, unha escritora a riscar papeis «na gran sala» da súa casa.Non conseguiu en vida o recoñecemento que merecía mais non foi vencida, chegou aos seus últimos días coa arma de escritora na man. Rosalía viviu libre e campa aínda libre arredor de nós, é unha sombra clara que nos anima a vivir en liberdade sempre. Sempre libres, sempre en Galiza, a nación de Rosalía. «O noso bon país», di ela.Suso de ToroAsociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
Ningún comentario:
Publicar un comentario