por Carlos Aymerich, portavoz parlamentar do BNG, no Xornal de Galicia
O Consello da Xunta aprobou onte o Decreto con-tra o galego no ensino, eufemisticamente denominado de “plurilingüismo”, co que Núñez Feijóo e o seu Goberno proseguen a súa ofensiva contra a nosa lingua. Eliminada xa como requisito para o acceso á función pública galega, preténdese agora a súa supresión do ensino non universitario. E tal constitúe non só un atentado político contra o cerne da nosa identidade, da nosa existencia como pobo diferenciado, insólita nun goberno que asume, por mandato estatutario, como “tarefa principal a defensa da identidade de Galiza e dos seus intereses”. Constitúe tamén un atentado contra a legalidade lingüística vixente, tal e como de xeito palmario estableceu o Consello Consultivo. Mais vaiamos por partes.
O Decreto parte dunha negación. A negación prática de que o galego é a lingua propia de Galiza. E máis tamén a negación, interesada, do desequilibrio social e institucional da nosa lingua a respecto do castelán. Ambas e dúas negacións obedecen a un fin político preciso: a impugnación do concepto “normalización”. En ván procurárase tal palabra ou os seus derivados nun Decreto que, non se esqueza, desenvolve precisamente a “Lei de Normalización Lingüística”. E non é por acaso: abandonado o empeño normalizador caen, xunto con el, principios como a introdución progresiva e, en xeral, calquera medida de discriminación positiva cara o galego.
E daquí ao falso equilibrio só hai un paso. Eis a mentira. O equilibrio non é real porque, dun lado mantense a exclusión do galego das materias científico-técnicas, tal e como denunciara o Consello Escolar, alimentando insidiosamente os preconceptos contra o idioma. E tampouco hai equilibrio cando, doutra banda e como esclarece o voto particular de Gonzalo de la Huerga, este apenas consiste nun reparto supostamente igualitario de horas e materias entre as linguas negando a situación real de desigualdade entre elas. Engade aínda o maxistrado que tanto con este reparto como tamén coa fixación de topes máximos para o galego “estanse confundindo medios e fins, co que se impide a potenciación do galego para acadar a igualdade, en contra pois do criterio da lei”.
E aínda que, formalmente, a Xunta acate o ditame do Consultivo ao eliminar a consulta vinculante aos pais en primaria (manténdoa no ensino infantil), Feijóo ameaza con esquivar cunha nova lei a chata de ilegalidade, rachando deste xeito calquera expectativa de retorno ao consenso lingüístico: todo ao contrario, esta nova lei suporá, 28 anos máis tarde, a ruptura do pacto da Lei de Normalización Lingüística que o PP, até o de agora, non ousara revisar.
E, con todo, fica a esperanza. A esperanza que encarnan os milleiros de galegos e galegas que, con teimosía, seguimos comprometidos coa nosa lingua. E máis tamén a esperanza, menor, de que a Xustiza estime algún dos recursos que, con certeza, han de se dirixir contra o Decreto
Ningún comentario:
Publicar un comentario