por Henrique Monteagudo, secretario do CCG, no xornal El País
O pasado 17 de maio Feijóo ofreceu un pacto lingüístico asentado en catro principios: a cooficialidade entre o galego e o castelán, a consideración do primeiro como lingua propia de Galicia, a acción positiva para a extensión do seu coñecemento e uso e maila aplicación do principio de non discriminación. Despois dun ano liderando un goberno empeñado na erosión da súa propia lexitimidade a base de maltratar o idioma que identifica o país, resulta toda unha novidade que o presidente da Xunta se comprometa a asumir o artigo 5º do Estatuto de Autonomía de Galicia, vixente desde 1980. Non era sen tempo!
Pero esa oferta de pacto veu arroupada por declaracións contraditorias. Dunha banda, o secretario xeral do PP e conselleiro da Presidencia acusaba á oposición de querer voltar aos tempos da ditadura galeguista (polos vistos, moito peor cá de Franco). Case ao unísono, o mesmo partido profería un comunicado en que acusaba os/as manifestantes do Día das Letras de padeceren "mono de imposición". Coñécese que o galego é unha droga adictiva, e será por iso que as mobilizacións na súa defensa suman xa catro nun só ano, cun amplo eco cidadán. Agora se entende a contundencia das medidas preventivas aplicadas contra un perigo tan grave para a saúde pública!
Aínda máis contraditoria foi a aprobación no Consello da Xunta do pasado día 21 do decreto do plurilingüismo, que constitúe a chave do disenso entre o PP e os partidos da oposición, e o principal motivo de repulsa social á súa política lingüística. Como se pode propor un pacto, e ao tempo sancionar o decreto da discordia?
- O decreto da discordia. Ata chegarmos á proposta de pacto, o discurso lingüístico do PP foi mudando un algo ao longo do último ano. Cando as eleccións autonómicas, o problema consistía na "imposición do galego" e a receita era a "liberdade lingüística". Ante a contestación social que provocaron as primeiras medidas contra o galego (con xordas pero significativas réplicas dentro do propio partido), pasou a pórse o acento na denuncia da "inmersión lingüística" no ensino, que se remediaría con "equilibrio". A menciña ía ser o tal decreto, pero no seu proceso de elaboración saíu a lume o rexeitamento frontal non só dos consabidos colectivos de activistas, senón de canta institución tivo ocasión de pronunciarse, desde a Academia ata os consellos da Cultura, Escolar e Consultivo. Nunca tal se vira. Polo camiño, o goberno ía recuando, ao tempo que o presidente da Xunta gañaba protagonismo, ata acabar aparecendo el propio como responsable directo da desfeita.
Porque dunha desfeita se tratou: conforme medraba a alarma pública, ao sabor dos demoledores ditames que caían a vao un detrás do outro, a proposta inicial da Xunta foise esluíndo. Pero, por culpa da torpe arrogancia do Goberno, que adobiou cada paso atrás non cunha man tendida (madia leva!), mais cunha nova argallada, os ánimos, en lugar de aplacárense, queceron sen vagar. Dunha banda os primitivos apoios do PP se sublevaban contra a traizón, e doutra banda a oposición inzaba, cargándose de razóns. En cada ocasión, Feijoo atopou a maneira de non saír dun souto sen meterse noutro: pasouse do disparatado reparto por terzos co inglés á paridade entre galego e castelán, pero aderezando isto co descaso da votación familiar cada catro anos. A final, Consello Consultivo mediante, esta quedou fóra, adiada iso si baixo promesa dunha lei ad hoc (velaí o próximo souto), e o decreto limítase a esmagar os galegofalantes no ensino infantil, e excluír o uso do galego para matemáticas, tecnoloxías e física e química, en Primaria e Secundaria.
Decidir o idioma das clases por maioría simple da lingua dos estudantes é un procedemento, ademais de dubidosamente legal, gravemente daniño para o galego. Segundo datos do Instituto Galego de Estatística referidos a 2008, o galego é xa lingua minoritaria na faixa de cinco a catorce anos (as cifras cantan: 25% galegofalantes, 39% castelanfalantes e 34% bilingües iniciais). Xa que logo, moita rapazada galegofalante quedará en minoría nas aulas, así que a regra da maioría simple terá un efecto multiplicador da exclusión do galego. Ademais, o decreto ignora a alta frecuencia de bilingües iniciais (para que lingua contarán?) e o feito de que en bastantes centros a proporción de falantes das dúas linguas se atopa equilibrada, tipo 55%-45%, máis ca tipo 95%-5%. Vale a mesma fórmula da maioría simple para situacións tan diferentes?
- A renuncia ao idioma. Doutra banda, por culpa da vixencia dos prexuízos contra o galego, reavivados agora pola crispación lingüística alentada desde certas instancias (entre elas, importantes sectores da propia Xunta e do PP), as familias galegófonas van sentirse apuxadas a renunciar ao seu idioma. Canto á pretensión populista de facer depender o uso das linguas de consultas ás familias, á parte as asisadas obxeccións legais do Consello Consultivo, debe lembrarse a crítica formulada recentemente por Habermas contra o desleixo de responsabilidades de certos políticos: "O retrato demoscópico da opinión da xente non é o mesmo que o resultado da formación dunha vontade democrática dos cidadáns deliberativamente constituída".
En definitiva, hai dez anos a porcentaxe do 50% para o galego podía considerarse un avance, pero nas actuais condicións constitúe un severo retroceso: segundo datos do IGE-2008, arredor do 72% dos estudantes entre 5 e 16 anos veñen recibindo o seu ensino maioritariamente en galego. O recorte imposto polo decreto tornaranse nunha fonte explosiva de conflitos: moitos profesores e centros xa anunciaron que se van negar á desgaleguización. O idioma propio do país esixe un tratamento igualador, non un goberno que, en nome dun impostado equilibrio, lava as mans, coma Pilatos, sobre o seu destino.
É certo que as previsións iniciais eran moito peores, pero a Xunta non pode arrogarse mérito ningún polas melloras parciais conseguidas no proceso de elaboración do decreto, dado que só recuou cando e onde se viu obrigada, releando con avaricia cada nova concesión, de modo e maneira que o resultado, non sendo bo para o idioma, constitúe unha derrota política para o PP. Se desde hai un ano o Presidente tivese optado por procurar o consenso, disporía agora dun decreto moito máis presentable, que contaría cun amplo apoio, incluído o groso do seu partido e do seu electorado.
- Cara ao futuro. A sinceridade da proposta de Feijoo comprobarase coa súa disposición a renunciar ao discurso de deslexitimación do galego, asumindo como propios, con todas as consecuencias, os principios que el mesmo evocou, abaixando a súa fachenda (ghavota, dicimos en muradán) e rectificando o rumbo. Foron el e o seu partido os que plantaron lume no conflito lingüístico, a eles corresponde a iniciativa para apagalo. Trátase de prestixiar a lingua, no canto de aventar prexuízos e reticencias na súa contra. De promover o seu uso, non de recortalo. De valorala como recurso estratéxico, fonte de creatividade e de cohesión; non desprezala como factor de discordia, atraso e illamento. De facer pedagoxía para a convivencia, non demagoxia para a división. De pular polo seu futuro, non de condenalo á agonía.
Dará o PP saído do círculo vicioso? Convencerase de que o idioma é asunto de interese xeral, así que ten que deixar de servir de monicreque en manobras de voo rasante? Finalmente: cal será o contido real do anunciado pacto pola lingua cando se acaba de expulsala ao ventimperio? Ovella será, pero cheirar cheira a can.
Ningún comentario:
Publicar un comentario