Velaí deixamos o manifesto que foi lido como clausura da manifestación de Queremos Galego deste 17 de maio.
O idioma é para a inmensa maioría das galegas e dos galegos un patrimonio propio, único, insubstituíbel. Sentimos o galego como algo noso, independentemente da lingua que empreguemos no noso día a día. É a nosa creación máis valiosa e perténcenos.
Poucas dúbidas hai de que se Galiza ten hoxe un certo grao de autogoberno, cunhas institucións propias, é, nunha parte fundamental, debido a termos unha lingua e unha cultura propias. Lamentabelmente, desde hai un ano temos un presidente e un goberno da Xunta que parecen non decatarse de que se están aí é grazas a termos un idioma de noso.
Incumpren de forma incívica o mandato estatutario de promover o galego e andan ás patadas con el. O mellor exemplo desta política tan lesiva é o decretazo contra o galego, que, por exemplo, varre a nosa lingua da educación infantil nas cidades e prohibe ao profesorado o seu uso nas materias do ámbito científico-técnico.
A sociedade galega está a responder mobilizándose contra a extinción da nosa lingua e reclamando ás institucións que cumpran coa súa obriga de promovela, para garantir a igualdade de coñecemento, a igualdade de dereitos e a igualdade de oportunidades.
A plataforma Queremos Galego, impulsada e coordinada pola Mesa pola Normalización Lingüística e integrada por máis de 700 entidades de todo tipo, chama á sociedade a manter aceso o facho da defensa do noso idioma. Ademais, anima ao conxunto da cidadanía a que apoie coa súa sinatura a proposición de lei de garantía dos dereitos lingüísticos.
Gañar as eleccións non significa poder exercer o poder de maneira absoluta. Merecemos uns gobernantes responsábeis que non estean a xogar co noso existir e que cumpran coa súa obriga de usar, defender e promover a lingua que nos une como galegas e como galegos. Só en galego Galiza ten futuro!
Ningún comentario:
Publicar un comentario