O 23 de abril Anxo Lorenzo, o secretario xeral de política linguística, presentaba en Ourense os últimos libros publicados por Academia Postal e dáballe os seus parabéns porque eran textos en galego nuns ámbitos especializados. A Academia Postal ten ese bo costume, o do uso do galego que tamén aplica á edición de libros como os que nos achegan desde o departamento de matemáticas: un sobre métodos estatísticos e numéricos e outro de matemáticas aplicadas ás ciencias sociais. Libros de matemáticas... en galego.
Mais Anxo Lorenzo xa adiantou que vai publicar un decreto marcando a obriga das clases de matemáticas en castelán, e anunciou que só se subvencionarán os libros desa materia en castelán. Curiosa política. Parabéns a unha empresa por editar libros de texto de matemáticas en galego e orde de promocionar a ediciçon de libros desa mesma materia en castelán. Encomia o labor duns nunha dirección e dicta normas na dirección contraria.
Todos sabemos da obsesión de Anxo Lorenzo polo equilibrio, xa o comentamos moitas veces neste mesmo blogue. Por iso temos que avisalo do enorme desequilibrio que se está producindo neste caso. Seguro que o home non se decatou. A louvanza queda no ar, son palabras que leva o vento. O decreto busca sistematizar o incremento do uso do castelán na escola e tenta identificar as ciencias, a tecnoloxía e as TIC con esta lingua para, pola contra, estigmatizar o galego como lingua do pasado.
Pois xa era o que nos faltaba. Eu voulle recomendar aos meus alumnos que deixen o centro e se matriculen na Academia Postal.
Menos mal que nos queda a Academia Postal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario