Hoxe é 17 de maio, Día das Letras Galegas. É a nosa data, a dos galegos. Hoxe celebramos a galeguidade e queremos facelo en paz, sen loitas polos decretos, sen expresións de fobia contra determinadas linguas que semellan estar enfrontadas, sen berros nin insultos onde soamente caben as descualificacións do que camiña ao meu lado. En liberdade. Os galegos queremos que se recoñezan todos os dereitos da nosa lingua propia, o dereito a utilizala, a coñecela e a ensinala. Por que? Porque estamos orgullosos dela, porque sentimos orgullo da nosa patria. Sairemos ás rúas cun pano branco para festexar a galeguidade en paz.
Cando no ano 1963 tres membros da Real Academia Galega presentaron nesta institución a proposta de que se declarase o 17 de maio como Día das Letras Galegas, fixérono cun obxectivo claro: sería a data que lembraría e recollería, para sempre, “o latexo material da actividade intelectual galega”. A Academia aprobouno por unanimidade. Eles mesmos, Manuel Gómez Román, Xesús Ferro Couselo e Francisco Fernández del Riego, propuxeron o día de hoxe, 17 de maio, ao ignorarse a data exacta da publicación dos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, do que se celebraba aquel ano o centenario da súa publicación. O 17 de maio de 1963 foi cando Rosalía de Castro adicou á tamén poetisa Fernán Caballero a súa obra Cantares Gallegos. É o acontecemento que lembramos hoxe, un ano máis, para festexar as letras e as verbas escritas durante tantos anos nesta lingua, o galego, que amamos.
Na arte lírica de Uxío Novoneyra, escritor ao que se adica o Día das Letras Galegas de 2010, o poeta da serra do Courel expresou toda a riqueza e a fermosura da paisaxe galega ao tempo que se amosou como un poeta comprometido coa nosa terra. Novoneyra, considerado un dos literatos máis relevantes en lingua galega de tódolos tempos, proxecta a súa obra enraizada na tradición e no popular, ao tempo que combina tonalidades vangardistas nas que destaca o lirismo da palabra.
Poeta do silencio e da música; poeta da terra e do monte, da maxia que acouga os eidos da realidade; poeta que lle cantou ao compromiso coa súa terra e as súas xentes. Uxío foi, ante todo, un comunicador extraodinario de valentes palabras nunha lingua que estaba proscrita. Verbas de lume e de mar bavo que evocan e invocan.
Amigo e mestre da poesía que canta a Letanía da terra: “Galicia da door chora á forza, Galicia da tristura triste á forza, Galicia do silencio calada á forza, Galicia da fame emigrante á forza, Galicia vendada cega á forza, Galicia tapeada xorda á forza, Galicia atrelada queda á forza. Libre pra servir, libre pra non ser, libre pra morrer, libre pra fuxir. Galicia labrega, Galicia nosa; Galicia mariñeira, Galicia nosa; Galicia obreira, Galicia nosa; Galicia irmandiña. Galicia viva inda...”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario