valoración da CIG-Ensino da aprobación do Decreto de Plurilingüismo
Para a CIG-Ensino a aprobación do Decreto de Plurilingüismo no Consello da Xunta é é a maior proba de desprezo ao pobo galego e á súa lingua.
Núñez Feijoo impón un Decreto elaborado para reducir a presenza do noso idioma, contrario á Lei de Normalización Lingüística e que é unha involución sen precedentes na normalización do noso idioma
O Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, manifestou hoxe que, “para a CIG-Ensino, a aprobación do Decreto de Plurilingüismo polo Consello da Xunta é unha mostra máis do desprezo deste
goberno do Partido Popular polo pobo galego e pola súa lingua”. O Consello da Xunta, no lugar de escoitar
e atender as demandas de toda a sociedade galega, que nun ano de mobilizacións deixou patente o seu rexeitamento ás pretensións galegófobas de Feijoo e o seu equipo, teima en levar adiante o seu proxecto, un
proxecto elaborado para reducir a presenza do noso idioma nas aulas e que recibiu todos os rexeitamentos
posíbeis. “Trátase do maior atentado que se cometeu contra a nosa lingua desde que nos dotamos de institucións propias”, declara Anxo Louzao.
Mais non só. Núñez Feijoo chega ao extremo de modificar a lexislación para procurar a legalidade
dun Decreto que recibiu o informe desfavorábel do Consello Consultivo. Feijoo reinventa o autoritarismo
convertendo a lexislación e o poder lexislativo nunha ferramenta sometida aos intereses dunha minoría. Este presidente da Xunta adopta o modelo da ditadura e se a lexislación non lle serve, inventa unha nova, nun
anuncio que acende as alarmas ante a verdadeira intención deste goberno. Anxo Louzao conclúe “Esta é unha actitude propia dun presidente ditador, aínda que pretenda vestirse de demócrata. É Feijoo quen dá pleno significado á palabra imposición, pois impón un Decreto que atenta contra a nosa identidade de galegos e galegas valéndose dun poder que non lle foi outorgado con ese obxectivo e valéndose de normas que non foron pensadas para seren aplicadas deste xeito”.
Unha vez máis queda patente que Feijoo goberna para uns poucos, non é, por tanto, o presidente de todas as galegas e galegos. En materia de lingua prégase aos ditados de asociacións minoritarias e antigalegas, que xa se laiaban de que a consulta aos pais non recibise o beneplácito do Consello, por iso o presidente, recollendo unha vez máis as esixencias destes poucos, pretende modificar a lei, para impor o seu odio ao galego.
O Decreto que acaban de aprobar é contrario á Lei de Normalización Lingüística e incumpre completamente o Plan Xeral de Normalización da Lingua galega, tal e como se lle foi trasladando desde distintas instancias e tal e como foi ditaminado polo Consello Consultivo. Porén o goberno de Feijoo continúa adiante co seu proxecto, a pesar de ter recibido durísimas críticas. A asesoría xurídica da CIG-Ensino, en canto o Decreto se publique, analizarao coa finalidade de iniciar as medidas legais e xurídicas oportunas para combater este Decreto contra a nosa lingua, un Decreto que é un desprezo tamén ao profesorado galego aopretender impedirlle que dea en galego materias que se veñen dando na nosa lingua desde hai anos.
Para a CIG-Ensino é un insulto a decisión do Consello da Xunta, como o é que o presidente, despois de actuar conscientemente contra o noso idioma, despois de estar combatendo durante tanto tempo contra del e contra dos que defendemos o noso lexítimo dereito a recibir ensino na nosa lingua, agora, nun alarde de
cinismo, veña a dicir que hai que facer un pacto pola lingua. Anxo Louzao indica que “a CIG-Ensino acláralle a Feijoo que se realmente quere falar dun pacto pola lingua ten que adoptar unha primeira medida: retirar o Decreto do Plurilingüismo. Se non dá ese primeiro paso, está mentindo e insultando a todas as galegas e galegos, manipulando unha vez máis, usando a propaganda, o único en que demostraron ser expertos, para enviar mensaxes distorsionadas e falsas da realidade.”
A CIG-Ensino fai un chamamento a todo o profesorado a que siga usando a nosa lingua nas súas aulas, e trasládalle que recibirá todo o apoio desta organización sindical que estará a disposición do profesorado defendendo os seus dereitos lingüísticos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario