Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 18 de maio de 2010

O Barça e a lingua

Se hai algo que o que manten este blogue odie, ese algo é o deporte, sobre todo o fútbol. A miña pobre experiencia co el vén da man dos medios (canto máis lonxe mellor) pero chégame para confirmarme que se hai un ámbito da zunia frente ao galego é ese. Non falo do deporte de base, claro, estoume a referir ao espectáculo (?). Non estou a falar de facer actividades ximnásticas, alá cada un coas súas perversións, claro. Estoume a referir a esa burbulla completamente oca e baleira que atonta as conciencias de case todos os que se me cruzan pola rúa.
Por unha vez, e sen que serva de precedente, vou incluir aquí unha referencia ao deporte. Estreamos etiqueta.
por Miguel Pardo, xornalista, no Xornal de Galicia

Xusto un día antes do 17 de maio, o Barcelona celebrou no Camp Nou a súa vitoria na Liga. Fíxoo con varios discursos nos que o catalán foi a lingua empregada por Guardiola, Xavi, Valdés, Puyol, Busquets... Nada anormal, agás para algúns. Son cataláns e falan o seu idioma. Pero tamén o empregaron Dani Alves (un brasileiro), Touré (de Costa de Marfil) ou Márquez, un mexicano que parlava sen medo e con fluidez. O fútbol, tantas veces síntoma da situación social, volveu deixar claras as diferenzas lingüísticas entre Cataluña e Galicia. Mentres nun país os xogadores estranxeiros da maior entidade deportiva esfórzanse en falar o idioma propio, aquí no noso son moitos os que agardan a que o galego se faga visible entre os seus clubs. Pensen que pasaría se Celta ou Deportivo celebrasen un título. Pensen en que adoitan falar os galegos de ambos os dous equipos. Escoiten a Borja Oubiña. Imaxinen a Manuel Pablo falando galego... Pois iso, imaxinen porque iso, aquí, só é ciencia ficción.

Ningún comentario:

Publicar un comentario