Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
venres, 21 de maio de 2010
Un paso atrás na normalización da lingua
Editorial do Xornal de Galicia
Tres días despois de que máis de 50.000 persoas volvesen a reclamar en Compostela a retirada do decreto do plurilingüismo e de que o presidente da Xunta ofrecese un “pacto pola lingua” ante a Real Academia Galega, o Goberno de Núñez Feijóo aprobou onte a norma que define a súa política lingüística no ensino.
O presidente da Xunta anunciou na rolda de prensa posterior ao Consello a aprobación do decreto do plurilingüismo para o ensino. Sen embargo, suprimiuse a consulta previa aos pais que se propoñía no proxecto, algo que se intentará regular cunha lei posterior que “resolva” a situación de ilegalidade que marcou o informe do Consello Consultivo. O xefe do Executivo asegurou que a Xunta intentará adecuarse á legalidade a respecto da participación dos pais na educación, polo que ten previsto aprobar no Parlamente e “nesta lexislatura” unha lei ‘ad hoc’ para que se permitan as devanditas consultas. Respecto á consulta en infantil, a Xunta entende “que se axusta á sentenza do Supremo e á do Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña refrendada polo Supremo”. Así as cousas, non existirá consulta aos pais mentres non sexa aprobada unha lei que, de maneira específica, así o permita e, polo tanto, dea sustento ao que actualmente o propio Feijóo recoñece que tería carácter “alegal”, tal e como se pode comprobar en diversas sentenzas xudiciais. Mentres, o sistema de educación infantil será moi semellante ao do decreto de 1995, cunha casilla que, na matrícula pregunte pola “lingua materna dos nenos.
A norma aprobada reparte ao 50% galego e castelán, impartíndose as materias de letras en galego e as de ciencias en castelán. Ademais, como no proxecto inicial, os alumnos non terán obriga de empregar o galego, nin no plano oral nin no escrito, nas materias que sexan impartidas na lingua propia. O decreto entrará en vigor no vindeiro curso.
Coa súa aprobación, Feijóo opta por seguir adiante cun decreto que, admite, “é evidente que non podemos consensuar”. Neste sentido, o presidente da Xunta traslada a PSdeG e BNG a responsabilidade de chegar a pactos lingüísticos fóra do ámbito do ensino. Algo, que choca co seu ofrecemento de “pacto pola lingua”, realizado o Día das Letras. En todo caso, non parece razoable ofrecer un acordo que deixe fóra unha área como educación cando o propio Estatuto de Autonomía define no artigo 5.3 que “os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en todos planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento”.
Máis aló da procura dun pacto sobre un asunto de país como a lingua, o Goberno de Feijóo, co seu decreto do plurilingüismo, abre unha fenda importante en Galicia co idioma, que se verá reflectida nas rúas –xa houbo catro grandes manifestacións–, pero tamén nos centros educativos. Tamén resulta lamentable que os ditames de institucións autorizadas como a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e outras organizacións non foran tidas en conta.
O decreto supón un retroceso legal na normalización da lingua, pois é a primeira vez na historia da democracia en Galicia que se elabora unha norma que desprotexe o galego
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario