por Rafael Cuíña, empresario, no Xornal de Galicia
Se non sabemos diferenciar a realidade do que nos gustaría que sucedese, temos un problema estructural grave na nosa mente.
E digo todo isto, porque na exitosa manifestación do día 17 de maio en Compostela quedaron no aire algunhas cousas que molestaron a máis dun participante, ávido de defender o seu idioma nai, lonxe de partidismos estúpidos, que non teñen a suficiente grandeza de deixar que o que flúe dende as conciencias dos galegos comprometidos, o faga sen ter que aceptar o que algunhas mentes pensantes quixeran.
Alí estabamos xentes de varias xeracións, de diversos credos ideolóxicos e concepcións diversas do futuro desta terra, como unha soa persoa co obxectivo final de louvar a nosa cultura e o noso idioma como máximo referente das nosas señas de identidade como pobo. Por iso non entendo o excesivo afán de protagonismo dalgún sector do BNG, coa identificación como membros desta formación dun considerable grupo de persoas da organización con pegatinas alusivas a tal condición, ou a entrada na praza do Obradoiro, ao máis puro estilo dos “panzer” alemáns da súa organización xuvenil Galiza Nova, arrasando con cantos estabamos escoitando as sabias verbas que en xeral saían da tribuna de oradores, comandados polas consignas de Iria Aboi, de cuxos beizos non saían precisamente “haikus”. Este tipo de actitude fai un fraco favor á causa para a que remamos todos contra ventos negacionistas e tempestades bífidas, e contra o traballo de persoas desa formación exemplarmente comprometidas como é o caso da deputada Carme Adán, inxustamente atacada nestes días polo responsable de Educación do Goberno galego.
Formas como as das xuventudes nacionalistas, ou as moi graves palabras do deputado Bieito Lobeira comparando o maltrato coa actitude do conselleiro Xesús Vázquez cara ó galego, están lonxe de favorecer a unidade de acción, nun momento fundamental da nosa Historia como pobo, e da nosa cultura como ferramenta fundamental cara o noso futuro. Pode acontecer que tantos miles de galegos non partidariamente ideoloxizados, pero concienciados da necesidade de defender o noso, rematen por caer na pasividade á que lles induce ter que soportar o que non queren.
Contrasta o dito anteriormente coa discreción e exemplar comportamento dos membros do partido socialista de Galicia, sen querer ser o noivo na voda e o morto no enterro como algúns –non todos– dos seus antigos socios de goberno. E se ben é certo que non asistiron cargos do Partido Popular, si o é da asistencia de militantes desa formación tan dignos como os demais, sabedores da importancia do momento, e dispostos a sacar a cabeza cando algúns queren agachalas, porque o noso obxectivo común non é outro que defender a esta bendita terra de mentes obtusas e posicionamentos identitariamente obscenos. Ou non?
Ningún comentario:
Publicar un comentario