Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 24 de maio de 2010

Até onde queren chegar?

por Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización, en Galicia Hoxe
En moi poucos días, talvez hoxe, cando se publique este artigo, promulgarase no Diario Oficial de Galiza a maior navallada contra o galego en toda a historia autonómica: o decretazo contra o noso idioma no ensino, o mal chamado "decreto do plurilingüismo".
Na súa presentación, o presidente da Xunta obviou o rexeitamento tremendo que trae consigo esa norma e pasou tamén por alto os informes xurídicos de altísimo nivel, como o do Consello Consultivo, que a cualifican de ilegal e mesmo inconstitucional.
Para tapar todo o resto do relatorio do Consultivo, só fixo referencia á desautorización das pseudoconsultas ás familias, eses "circunloquios para conculcar a Lei de normalización lingüística". No entanto, o máis curioso é que se retira esa pregunta só en primaria e secundaria, alí onde menos importancia tiña e máis ridículo resultaba o inquérito. Lembremos que na versión que existía até o de agora do decretazo para esas etapas só se poderían intercambiar bloques de materias para impartir nunha lingua ou noutra, cada catro anos e se o solicitaban a metade máis unha das familias matriculadas no ano en que se formulase a cuestión (non valería tampouco a metade máis unha das familias que participasen). A falta de que se publique o decretazo, o que parece é que o que se fai é determinar de forma inamovíbel en que materias estará prohibido o uso do galego. Unha barbaridade.
Ademais, o presidente da Xunta transmite que non se poderá formular tal pregunta porque non o permite a Lei, así que o que vai facer é... mudar o marco normativo. O que nos está a dicir é que pensa derrogar de forma unilateral a Lei de normalización lingüística, que nun dos seus títulos básicos estabelece o fomento e promoción do idioma galego no sistema educativo. Lembremos que esa lei foi aprobada por unanimidade e é de desenvolvemento básico do Estatuto, polo que se trata dun dos piares que sosteñen a Autonomía. Veñen a por todas, coa firme intención de destruír a nosa cultura. Temos tamén nós que manternos firmes na súa defensa. Máis que nunca!

A nosa lingua é a nosa patria
Transcribo a continuación a primeira parte da miña intervención no acto final da manifestación do pasado 17 de maio de 2010. Parabéns a todas as persoas que volveron a ateigar as rúas de Santiago de Compostela exclamando a lexítima e xusta reivindicación de que se garanta o dereito a vivir no noso idioma propio, natural e xenuíno. Temos que continuar por ese vieiro!
Moi bo día, compañeiras e compañeiros. Antes de máis, teño que realizar un saúdo de parte da familia de Uxío Novoneyra, que nos envía desde o Courel a Compostela:

"Prezadas compañeiras, prezados compañeiros:
Saudámosvos desde o Courel, neste acto de defensa da nosa lingua. Meu pai, hoxe, está convosco, connosco, chantado no medio da praza, defendendo a lingua galega, base da nosa identidade e verdade do noso ser. Traémosvos a súa verba en ofrenda para oular desde os tesos cumes: QUEREMOS GALEGO!"
A familia achéganos ademais un fragmento dun pregón lido no ano 1987 polo compañeiro, o gran poeta, Uxío Novoneyra, quen sempre que houbo unha manifestación en defensa do idioma galego estivo aquí connosco, e hoxe continúa a estalo. Dicía isto no ano 1987, mais reparade en que actualidade nas súas palabras:

"A nosa lingua é a nosa patria, aínda máis que o propio territorio. Nela, aínda o descoñecido, nunca é alleo para nós. Retomo o fío de que neste intre estamos todos os galegos, os de todos os credos e de todos os partidos implicados no afianzamento da nosa lingua e a nosa cultura no noso país.
Iste afianzamento faranos ver máis craramente os nosos problemas e os nosos problemas da nosa relación con outros pobos. Se non somos capaces de deslindar e defender a nosa identidade, que problema común poderemos atopar que non seña o de acetar a imposición que nos veña de fóra? A imposición de quen non pensa en nós como pobo, senón como territorio, como simple ouxeto.
Todo político que non vexa isto, todo home galego que non vexa isto, queda fóra, queda deslexitimado para exercer a responsabilidade da representación cidadá na súa terra, no seu pobo, neste pobo en transo de recuperación ou de extinción."

Dicía con claridade Uxío Novoneyra:

"Todos somos galegos e todos temos responsabilidade como tales galegos. E estas responsabilidades, repito outra vez máis, ultrapasan as ideoloxías e as premisas do propio partido. Responden a algo máis profundo e non valen medias tintas. Hai que estar, si ou non, con Galicia".
E isto que di Novoneyra é moi importante, moi actual:

"E non se pode dicir que se está con Galicia cando non se sente a responsabilidade da pervivencia da nosa lingua como meta primordial.Eiquí é onde está o futuro de Galicia. Eiquí está, inclusive, o poder político do futuro, que será moi distinto segundo a nosa lingua se sosteña ou non. Así nos gobernaremos de verdade algún día ou seremos gobernados. Seremos o que fomos e somos gleba, carne da historia, e non homes libres dun pobo libre".
Até aquí as palabras do compañeiro Uxío Novoneyra, nese vínculo de amor que chega desde O Courel, nese acto institucional da Real Academia Galega, tamén en defensa da lingua galega, até Compostela, esta manifestación unitaria polo noso idioma. Unha mobilización unitaria -mirade ao voso redor!- na que está representada toda a sociedade galega; toda a sociedade galega excepto, lamentabelmente, un partido político que se autoexclúe da súa defensa. Aquí estamos organizacións políticas, sindicais, culturais, veciñais, deportivas... do máis diferente tipo. Mirade ao voso redor e veredes o clamor unánime na defensa da nosa lingua. Acaban de indicarme que aínda hai xente na praza de Galiza. Conseguímolo unha vez máis!
Despois dunha das últimas manifestacións en defensa da lingua galega, o Partido Popular debateu en dous comités de dirección un informe interno no que se sorprendían. Dicían: "Pero estes de Queremos Galego, mira que case non teñen recursos humanos e económicos, mais comparamos as súas manifestacións con outras que convocamos nós e aínda teñen máis xente...". Están abraiados porque pensaban que iamos dobrar a cabeza, que iamos permitir que ese proceso de desmantelamento da oficialidade da nosa lingua triunfase. Mais aquí estamos, máis unha vez, demostrando que, na loita polo noso idioma, a forza do noso amor non vai ser inútil.
Dicía esta fin de semana o número dous do Goberno galego e o número dous do Partido Popular en Galiza que os que hoxe aquí estamos reunidos defendemos unha "ditadura lingüística". Máis unha vez terei que preguntarvos que é o que facedes aquí. E máis unha vez teremos que preguntarnos até onde queren chegar con ese tipo de discursos. Que liña vermella están aínda dispostos e dispostas a cruzaren no seu ataque feroz en contra da nosa lingua, en contra da nosa cultura?
Que o diga, ademais, un señor que ficha para a súa Consellaría a cargos procedentes da extrema dereita... Lembremos ese ex candidato da Falange, unha organización que si ten a ver con ditaduras lingüísticas de verdade e que agora se encarga, desde a Xunta, en enviar cartas amoestando aos concellos que queren promover e defender a nosa lingua. Até onde queren chegar con esa política de exclusión, de mentiras, de ataques feroces e impresentábeis contra o noso idioma?.

Ningún comentario:

Publicar un comentario