Prolingua desmontando algunhas mentiras:
No transcurso dos actos celebrados o 17 de maio en Seoane do Courel, en homenaxe ao inesquecible Uxío Novoneyra, o presidente do goberno autonómico, o señor Núñez Feijóo, en presenza do presidente da RAG, propúxolle á sociedade galega «un gran pacto pola lingua», baseado en catro principios que considera alicerces compartidos por todos os galegos.
Esta oferta de pacto ocupa hoxe mesmo un lugar destacado nas páxinas de todos os xornais, nalgúns mesmo a cinco columnas. Cumpría así o efecto propagandístico e de imaxe que posiblemente se buscaba, ao tempo que restaba espazo mediático á impresionante manifestación a favor da lingua celebrada onte en Compostela.
A sorpresa xorde cando se examinan os catro principios que Núñez Feijóo considera imprescindibles para acadar ese pacto que sirva «para unir a Galicia plural». Entón descóbrese que todo é fume de palla, unha trampa para manter enganada a cidadanía, un truco de prestidixitador novato. Velaquí os catro principios que propón Núñez Feijóo, como grandes metas a acadar:
a) cooficialidade de galego e castelán. Esta cooficialidade xa está recollida no artigo 5.2 do Estatuto de Autonomía, é unha norma básica desde hai 30 anos.
b) galego como lingua propia de Galicia. Esta condición de lingua propia de Galicia atribuída ao galego, xa está definida así no Estatuto de Autonomía, no artigo 5.1. Leva 30 anos formando parte da lei básica que fai posible a existencia do goberno autonómico.
c) acción positiva para o galego. Se imos outra vez ao Estatuto de Autonomía de 1981, o seu artigo 5.3 establece que «os poderes públicos de Galicia potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa». Velaí a acción positiva que xa recolle o Estatuto.
d) non discriminar pola lingua. Imos outra volta ao Estatuto, en concreto ao punto 5.4., e batemos con este mandato: «ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua». É lei desde 1981!
Alguén pode pensar que o dito ata aquí non pode ser certo, non é posible que o presidente Núñez Feijóo tente manipular así a cidadanía, ofrecendo no 2010 un pacto que xa está na nosa lei básica desde 1981. Para as persoas incrédulas, velaquí o texto íntegro do artigo 5 do Estatuto de Autonomía:
Artigo 5º.
1. A lingua propia de Galicia é o galego.
2. Os idiomas galego e castelán son oficiais de Galicia e todos teñen o dereito de os coñecer e de os usar.
3. Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilita-lo seu coñecemento.
4. Ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua.
Dito con claridade: o que fixo o presidente Feijóo foi ofrecernos o pacto que xa está no Estatuto de 1981. Como é posible semellante fraude? Quen é el para ofrecer tal pacto? Acaso o Estatuto deixou de estar en vigor? Ou está a vendernos o favor de que non o vai derrogar?
Núñez Feijóo debe saber que o Estatuto de Autonomía xa é o alicerce da Galicia actual, o mesmo que a Lei de Normalización Lingüística de 1983, derivada do Estatuto. E, como vén de lle lembrar o Consello Consultivo no seu demoledor ditame, este dous textos legais básicos sinalan un conxunto de obrigas ineludibles referidas á lingua, que o seu goberno non pode ignorar.
Claro que, se cadra, a quen o presidente está a lles ofrecer este pacto é aos poderes económicos e mediáticos e aos grupos sociais partidarios de recortaren e limitaren a presenza social do galego. Se cadra é un pacto que se lle oferta a quen reclama o suposto «dereito das familias para educar os seus fillos sen que teñan contacto co galego», malia as reiteradas sentenzas do Tribunal Constitucional que indican que non existe tal dereito. Está ben o pacto se é para eses sectores, porque supón pedirlles que acepten a legalidade do Estatuto de Autonomía e da Lei de Normalización Lingüística e que abandonen a ideoloxía lingüística que se nos impuxo ata 1978.
Mais para as persoas que nos opoñemos ás medidas limitadoras e, como fica constatado, regresivas que teimosamente promove o goberno de señor Núñez Feijóo, xa hai un pacto rigoroso, elaborado tras un longo e traballado consenso: o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade do Parlamento de Galicia no ano 2004. Un pacto promovido polo anterior goberno do PP, un goberno onde Núñez Feijóo ocupaba o cargo de vicepresidente. Ese pacto que Núñez Feijóo abandonou posteriormente, deixándose levar por grupos radicais que lle pretenden impor á sociedade a súa visión lingüicida. Que regrese a el sería a noticia, esta si, que merecería ocupar as portadas de todos os xornais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario