por Antón Reixa, artista e escritor, no Xornal de Galicia
Coraxe. Elías, o alfareiro de Gundivós, segue fabricando (e explicando na reitoral) as galletas, os cántaros que se lles asignaban a nenas e nenos e chamábanos así porque estaban sempre vinculados á frase dos adultos aos pequenos: “Se me vas por auga, douche unha galleta”.
O galego de Galicia ben se podería chamar “liberdade”, porque en cada palabra de cada falante ascendemos un chanzo de liberdade e expresamos o máis alto, emotivo e solidario sentido da diversidade e da ecoloxía lingüística.
Non saben os actuais policías da lingua que en galego estamos no mundo e que cando xa non chegan todas as boas razóns para defender o idioma, aínda nos queda a máis grande razón do mundo: o amor, que se alimenta de paixón e desexo.
E amor e paixón non admiten restricións. Só se rexen pola lei do desexo. O desexo que supera o máis absurdo utilitarismo dos actuais lexisladores, que esquecen que a cidadanía de Galicia xa pode estar no mundo aberto das palabras e da comunicación co galego de Galicia, que nos une ao galego da lusofonía e que implementa o para mal ou para mellor irremediable castelán de Galicia.
Para aprendermos inglés non fai falta restrinxir nin degradar o galego. Fai falta só aprender inglés con eficiencia pedagóxica. Se fose por maximalismos utilitaristas, que se aprenda chinés no ensino obrigatorio e o futuro profesional de milleiros de estudantes de Galicia estaría garantido.
Para que serve o inglés, o chinés ou o galego? Pois, para falar e só para iso, para falar, para estarmos no mundo sendo nós mesmos pero soberanos do noso punto de vista linüístico. Os idiomas están feitos de lingua, pero tamén de mirada e de ollos.
O galego elástico e flexible para pensar, falar, escribir e sentir ten tamén o estigma feliz da modernidade: nos versos dos mellores trobadores de Europa, os do galego-portugués, ou nos versos insolentes e rotundos de Manoel Antonio, Cunqueiro, Ferrín, Lois Pereiro ou Novoneyra.
Melancolía. Un país que adica un día de festa a celebrar a súa lingua e os seus máis excelsos artesáns, que son os poetas e os escritores, é un pobo portador do ADN da liberdade e da boa xente. O calendario da nosa autoestima leva labrado en letras enormes o 17 de maio. Un 17 de maio, coma o de hoxe, no que a xente e a lingua imos saír á rúa para garantirmos que o idioma vai vivir mil maios e outros mil maios máis.
Ningún comentario:
Publicar un comentario