por Pilar García Negro, política e sociolingüista, no Xornal de Galicia
Se tivese vagar e paradura, moito gostaría de lles facer ás e aos amábeis leitores a crónica do acontecido o pasado día 12, na sede da Real Academia Galega. Moito non dispoño nen do un nen da outra, pois cadra que envíe este artigo desde terras españolas, andaluzas, antes de retornar para celebrar comme il faut o Día das Letras Galegas, na grande manifestación que de novo encherá as rúas compostelanas.
De modo e maneira que a crónica vai ser apurada e esquemática, mais non tanto como para non dar conta do seguinte. É ben sabido que o elemento oficial que acode a actos oficiais de conmemoración anual da lingua galega non ten menor problema en tratala un día ao ano como obxecto de recepción nunha embaixada, como estranxeira na súa patria, en suma, que merece unhas exequias sentidas.
Mais dáse a circunstancia de que, desta volta, saíron as contas furadas. A magnífica recitación, con acompañamento musical de Brandán Lourenzo Modia, que fixo Manuel Lourenzo de varios poemas dos Arrodeos e desvíos de Santiago de Compostela e outras rotas. Ámeto mítico, do Uxío Novoneyra, foi o prólogo espléndido á intervención de Elba Rei, a viúva do noso escritor, quen coa mellor serenidade, clareza e firmeza, proferiu unha magnífica peza oratoria deste, xustamente proferida na Coruña, no ano 1989, non sen antes denunciar que a Xunta de Galiza se negara a editar, após solicitalo, aquel libro mencionado.
Non minto se digo que vin Uxío, nas palabras, no ton, na magnífica dicción de Elba. E, por suposto, tamén o vin, como se estivese presente (Xosé Luís Méndez Ferrín falou de que os fantasmas nos acompañan e confortan, na “ruda adversidade urxente”, digo eu, evocando Eduardo Pondal...), tamén o vin, digo, no contido firmemente patriótico, defensor da soberanía da Galiza, do seu direito de autodeterminación, da lingua, como signo o máis elocuente e delator da identidade e da pertenza á nación.
E de novo volvín bagoar, como cando se me fan presentes cal figurasen vivas as imaxes queridas de Uxío, ou de Manuel María ou de don Jenaro Marinhas ou tantas máis...
Se agora tivese tentacións de cronista lareta, contaríalles como eran un “poema” as faces, as caras e os xestos das “autoridades” presentes. Nomearei o pecado e non o pecador. Primeiro, ao comezo da leitura por Elba Rei do discurso, xesto de canseira indolente, disimulada nun envurullo de aborrecemento con aparencia de circunspección (“a ver cuando acaba esto de una vez y vamos al aperitivo!”).
Mais, oh, milagre, agrióuselles axiña o xesto, cando a palabra de Novoneyra ía resoando, firme, clara, incisiva, na voz e no xesto de Elba: lingua, nación, direito de autodeterminación, loita necesaria, palabras recuperadas... Case semellou unha sesión de espiritismo, coa manda dos finados a nos recordar as obrigas de defensa da patria que nos compete e compromete aos vivos...Uxío: estarás no Courel no día 17, mais eu sei que nos acompañarás igualmente polas rúas compostelanas que tanto amaches. Tentaremos cumprir a túa manda.
Ningún comentario:
Publicar un comentario