por Roberto Varela, conselleiro de Cultura, no Xornal de Galicia
Dedicarlle o Día das Letras Galegas a Uxío Novoneyra é un acto de xustiza poética. Xustiza con maiúsculas para un dos grandes nomes da poesía e das letras galegas da segunda metade do século XX. Uxío Novoneyra leva consigo o alcume de bardo do Courel porque é difícil atopar outro autor que cantase á serra luguesa con voz tan clara e fermosa. Con todo, Novoneyra pode ser considerado sen temor a esaxerar como bardo universal, porque a súa obra non pertence ao Courel, nin a Lugo, nin sequera a Galicia. A súa obra xa é eterna e pertence a todos os que aman a poesía.
Novoneyra cantoulle á terra cunha lírica renovadora; foi quen de fundir as súas raíces cunha expresión absolutamente orixinal. A obra poética de Novoneyra nunca nos deixa indiferente. Non importa as veces que nos acheguemos a ela, sempre nos vai chamar a atención o seu estilo sobrio e conciso que é, a un tempo, tan denso e preñado de sentido e sentimento. Moitos expertos na obra de Novoneyra xa destacaron a semellanza dos seus poemas cos haikus xaponeses. Como escribiu o profesor Anxo Tarrío, a obra de Novoneyra é “como un iceberg poético que, deixándonos escoitar só unhas poucas palabras, agocha en profundidade un universo do que cada lector terá que tirar o seu propio paraíso ou inferno”.
Novoneyra afirmou que a poesía era, para el, “unha forma de entusiasmo, unha forma de responsabilidade, un manterse na busca, ter un alto concepto da dignidade do home”. E ese entusiasmo, esa responsabilidade, esa dignidade poética acompañouno desde moi cedo. Os primeiros poemas d’Os Eidos, poemario fundamental das letras galegas no século XX, concibiunos cando apenas pasaba dos vinte anos. A obra que nos legou non é grande en extensión, pero en cambio prolóngase no tempo durante medio século. Isto fálanos dunha busca da palabra exacta, da expresión perfecta, da lírica excelsa. É a súa unha poesía orixinal, como diciamos, e está en constante renovación, porque non é o mesmo o Novoneyra telúrico d’Os Eidos que o Novoneyra comprometido de “Vietnam Canto”. Quede dito, non obstante, que o noso poeta nunca abandonou o compromiso nin o amor á terra e a natureza.
A dimensión poética de Novoneyra só é comparable coa súa dimensión humana. Foi un traballador incansable en prol da lingua galega, un magnífico e inimitable recitador de versos e, segundo todos os que tiveron o pracer de tratalo, un moi amigable e incansable conversador. Xa que logo, o Día das Letras Galegas deste ano Xacobeo, no que Galicia está tan entregada á cultura, será un día grande porque grande é tamén o poeta ao que todos homenaxeamos neste 17 de maio: Uxío Novoneyra, gran poeta das letras galegas, do século XX, da literatura universal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario