Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 25 de novembro de 2015

MANIFESTO QUEREMOS GALEGO NA ADMINISTRACIÓN LOCAL DE CEE

A Mesa está promovendo a sinatura deste manifesto polo galego no Concello de Cee:

Gonzalo López Abente, sobranceiro escritor e académico muxián, traballador da banca «depurado» polos franquistas polo seu galeguismo, foi quen de reivindicar a defensa do uso da nosa lingua aínda en pleno vigor do réxime, cando o 27 de xullo do 1941 pronuncia en galego o seu discurso de entrada como membro numerario na Real Academia Galega (RAG) no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela, co título A Terra e a poesía de Eduardo Pondal. Nun dos seus parágrafos sobre o uso da nosa lingua afirma:

«Non usala nesta hora adicada á sua recordanza non sería doado, mais ben sería un pecado cometido contra o Bardo e contra a terra en que se erguéu altivo e sonoroso como un pino lanzal. (…) que non caia sobre nós a sua condenación cando excrama irado:
A lingua tiveran,
por lingua de escravos;
esqueceran os patrios acentos,
suidosos e brandos,
dos propios acentos,
tiveran vergonza.»
Gonzalo López Abente aínda conservaba o espírito das Irmandades da Fala (1916), entidades das que axiña imos conmemorar o seu centenario, que naceran para visibilizar a nosa lingua en todas as vilas e cidades galegas, na procura de novos ámbitos de prestixio, de socialización e de uso.
A día de hoxe existen outros colectivos e persoas (dos propios acentos, / tiveran vergonza) que se encabuxan en lle poñer atrancos aos temesiños avances da nosa lingua, como é o caso de quen pretende frear unha ordenanza que pretende a normalización do galego no concello de Cee e para iso fan uso de cativos e trapalleiros argumentos sobre a suposta marxinación do castelán.
Unha ordenanza que só pretende favorecer actitudes positivas a prol da normalidade no uso da lingua galega, que os máis recentes inquéritos oficiais sinalan en constante devalo no seu uso, por mor da ausencia de medidas e de políticas de protección.
De pouco serve que todos os partidos con representación parlamentaria asinasen unha Declaración de Unidade a prol da normalización da lingua galega, na que se insta a votar a favor do impulso mínimo á nosa lingua galega para desenvolver disposicións legais como a Lei de Normalización Lingüística, a Carta Europea das Linguas, a Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos, ou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNL), que se aprobou por unanimidade no Parlamento galego.
De pouco serve se isto non vai acompañado de políticas activas, que promovan o empoderamento da lingua galega, para a converter en lingua de comunicación habitual na administración e nos servizos públicos, na educación, na sanidade, na xustiza, nos medios de comunicación, no comercio, na industria ou en calquera ámbito.
Hai que darlle a volta ao menosprezo de quen queren coutar a nosa lingua máis unha vez ao ámbito coloquial e familiar, coma acontecía no franquismo, e para iso cómpre defendermos os dereitos lingüísticos con lexislación como a proposta para a súa aprobación no concello de Cee e, despois, con medidas activas e orzamentos axeitados para facermos do galego un idioma natural na súa comunidade de falantes.
Caso contrario, han continuar os prexuízos sobre o uso da nosa lingua que están a favorecer a perda da súa transmisión interxeracional e, como consecuencia, a desgaleguización dunha parte da nosa mocidade e da sociedade no seu conxunto.
Como xa ben dicía Gonzalo López Abente, nun artigo publicado na revista Nerio (Corcubión, 1921): «A fala nai, abafada moitas veces por fillos desleigados, e esquecida as máis, por fillos inconscentes; uns e outros desexosos, ao parecer, de dar terra á vella que aínda gusta das tradicións e do arrescendor das mazáns gardadiñas nas lacenas, antre a roupa branca».

Ningún comentario:

Publicar un comentario