Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 1 de novembro de 2015

Inmortal Neira Vilas

por Inma López Silva en La Voz de Galicia:

Oxalá todos os best sellers fosen coma as Memorias dun neno labrego, libros inesquecíbeis, emocionantes e portadores dun personaxe que nos acompaña sempre coa cadencia dos tempos nos que ler era unha festa. «Eu son Balbino, [?] coma quen di un ninguén. E ademais, pobre». E así, con tres frases, pechou nun comezo de novela as vidas de millóns de galegos. Neira Vilas está dotado co mesmo talento para a palabra directa que posuíron Castelao e Casares, ese talento que, se cadra, é unha das poucas cousas capaces de vencer a morte. E se os grandes escritores son aqueles que saben reflectir o mundo enteiro nunha frase, velaí o noso Pepe de Gres que agora se converte en fume.

Neira Vilas non morreu. Pode que o que lle aconteceu ao seu corpo nos faga crer iso, pero a vida zumégalle polas arestas das páxinas dos libros, vive aínda en Balbino e no Moncho, nas páxinas que deixaron editadas el e mais Anisia, e na casa de Gres, un castelo que garda na memoria a cultura galega da segunda metade do século XX. Vive, sobre todo, en cada unha das lectoras e lectores que nos achegamos á literatura en galego da man dese Balbino que por algo vendeu seiscentos mil exemplares nunha Galicia que non le, non compra libros e non valora a súa lingua propia.
Necesitamos a Neira Vilas coas súas historias e a memoria do que foi e o que fixo por nós. A ese escritor que deu coa certeza de que había que dignificar a todos os Balbinos que construíron a nosa Galicia de hoxe non podemos deixalo ir. Ensinounos a lección de que a literatura galega precisa esas liñas que saben conectar coa xente e co futuro. E só por iso Neira Vilas quedará connosco, inmortal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario